Ciclo de Músicas Portuarias. Ferrol'09
Lugar: Ferrol
Prezo: 1 concerto: 10 € / 3 concertos: 20 € (abono)
outras actividades: de balde
2ª edición deste festival de músicas con cheiro a mar: concertos de artistas internacionais (Uxía, Fred Martins, Norwenn Kolwell), paseos en barco pola ría de Ferrol e circuíto de canto de tabernas
O segundo ano que as correntes mariñas traen a Ferrol un selecto elenco artístico para amosar as músicas dos seus lugares de orixe: Fred Martins de
Brasil, Norwenn Korbell de
Bretaña e Uxía de
Galiza.
A actividade céntrase nas tres primeiras fins de semana de xullo.
Os concertos máis salientábeis serán no Teatro Jofre ás 21.30 h:
4 xullo -
Fred Martins, xoven e premiado compositor brasileiro presentando o seu último disco "Guanaraba" de 2009
11 xullo -
Uxía, a gran dama da canción galega presentando o seu disco "Eterno Navegar"
18 xullo -
Norwenn Korbell vangarda do canto en lingua bretoa, unha referencia do atlantismo desde estoutro Finis terrae europeo.
Ademais dos concertos no Teatro Jofre, haberá outras actividades coma paseos en barco pola ría con música ao vivo de dúos instrumentais e un circuíto de canto tabernario polos bares e mesóns onde aínda se canta espontaneamente.
Biografías dos artistas no Ciclo de Músicas Portuarias '09
Fred Martins

Novo e premiado compositor, representante da Música Popular Brasileira -MPB- que acaba de lanzar o seu cuarto álbum, "Guanabara" deste 2009. Será a primeira actuación na Península deste artista recoñecido internacionalmente.
Frederico Ribeiro Martins (Niterói, Rio de Janeiro, 1970) é un deses novos cantores brasileiros que comeza a despuntar en Europa. Influenciado tanto polo folk anglosaxón como polos clásicos da música popular brasileira, a súa sensibilidade e versatilidade lévanlle con igual naturalidade ao pop maino e ao samba intimista, sempre apoiado na expresividade e orixinalidade das letras do poeta e doutor en semioloxía, Marcelo Diniz Martins, o seu principal parceiro até o de agora, ou do tamén poeta Francisco Bosco.
Leva na música desde finais dos anos 80 cando traballa transcribindo partituras e cancións para Songbooks de Chico Buarque, Tom Jobim, Gilberto Gil, João Bosco ou Rita Lee, entre outros. Por fin, en 2001, publica ou seu primeiro traballo discográfico en solitario "Janelas".
Vén de presentar o seu cuarto traballo que traerá a Galiza, consolidando o recoñecemento do cantautor niteroense como un dos máis brillantes da súa xeración, feito que xa quedou patente nos seus discos anteriores e nas súas composicións interpretadas por destacadas voces da MPB (Ney Matogrosso, Zélia Duncan, Maria Rita, Eliana Printes, Carol Saboya, Dalila Couti, Clara Becker, Elisa Queirós,...)
[-]
Uxía

Uxía, con máis de vinte anos de carreira artística convértena nunha das voces máis populares e valoradas da nosa lingua. As súas cancións teñen sempre a presenza latente ou explícita da música tradicional.
Desde o seu debut con ""Foliada de Marzo" en 1986, o seu traballo representa un punto de encontro para as diferentes culturas, un xeito de comunicación entre pobos e xentes.
Integrante do grupo Na lúa até 1991, Uxía emprende un camiño en solitario e publica "Entre cidades". En 1995, "Estou Vivindo no ceo", disco que afianza a súa proxección internacional. En 2000, "Danza das areas", representa un punto de inflexión na súa traxectoria con composicións propias e sons máis contemporáneos. En 2008 sacou o seu novo disco, "Eterno Navegar", no que percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos.
É a directora artística na creación do Festival Internacional da Lusofonía Cantos na Maré, un espectáculo concibido como punto de encontro de artistas da área lusófona no que o escenario se transforma nunha festa multicultural coas mellores voces de Portugal, Brasil, Cabo Verde, Guiné Bissau, etc.
[-]
Norwenn Korbell
Nolwenn Korbell é a vangarda do canto en lingua bretoa, unha referencia do atlantismo desde estoutro Finis terrae europeo.
Orixinaria de Douarnenez, formouse no Conservatorio de Rennes. De 1990 a 1999, viviu entre o País de Gales e a Bretaña, facendo cine, teatro e música, tocando co grupo de rock Bob Delyn a'r Ebillion e paralelamente aborda outro repertorio (barroco, profano medieval, canto ortodoxo) como soprano no conxunto "Arsis Teatro Vocal" dirixido por Alexander Damnianovic. Logo de varios premios e discos é aclamada pola crítica francesa e coñece o éxito comercial en Francia, a pesar de cantar nunha lingua minoritaria.
Rexistra finalmente o seu primeiro disco coma artista en solitario "N'eo ket echu" (Non se acaba isto) en 2003 de cancións compostas e escritas en bretón acompañada de instrumentos non tradicionais (piano, marimba, baixa, percusións).
Con isto consegue entrar no circuíto dos festivais da world music máis importantes de Europa: Les Vieilles Charrues (Carhaix, 2004), Festival du Bout du Monde (Crozon, 2005), Les Nuits Celtiques (Paris Bercy, 2005 e 2006), la Maroquinerie (Paris, 2005), Celtic Connections (Glasgow, 2006), Celtica (Nantes, juin 2006), entre outros...
En 2006 sae o seu segundo álbum "Bemdez C' houloù" (Cada día de luz) en Coop Breizh, do que R3 di que "foi un dos grandes do ano e conxuga perfectamente novos poemas con melodías emocionantes xogando coa música e o teatro".
[-]
Programa
sábado, 4 de xullo
Hora: 18:00
sábado, 11 de xullo
Hora: 18:00
venres, 17 de xullo
Hora: 20:00
sábado, 18 de xullo
Hora: 18:00
Ligazóns
MySpace de Nolwenn Korbell
Web oficial de Uxia
Web oficial de Fred Martins
Documentos
patrocinadores