Filosofía
A MPG (Música Popular Galega) é a banda sonora da Galiza. O poder da MPG é desconcertante e subestimábel pois agudiza a participación social e favorece a cohesión, fálanos da nosa propia existencia. A MPG debería formar parte da educación de toda persoa livre. Por iso, aCentral Folque pon en movemento a ESCOLA LIVRE DA MPG, herdeira do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín e a Escola Folque de Santiago.
Somos alquimistas que estudamos e reinventamos as formas populares potenciando as cualidades do alumnado co que camiñamos xuntos na mesma dirección.
A ESCOLA LIVRE DA MPG é un niño de paxaro onde creamos situacións, lugares de intercambio de experiencia; é un proxecto xeneroso que divulga e crea información poñendo en contacto estudantes con músicos e músicas en espazos vivos, mutantes e ambulantes. A comunidade da Escola Livre participa dunha formación complementaria fóra da aula, extensíbel ao palco, ao estudio de grabación, á rua, ...
A ESCOLA LIVRE DA MPG expándese pola cidade de Compostela, facéndose máis visíbel e espallando ideias musicais.
A ESCOLA LIVRE DA MPG é unha cunca onde se bebe da sabedoría colectiva.
A ESCOLA LIVRE DA MPG é unha rede que fía vontades.
Na ESCOLA LIVRE DA MPG seguimos abrindo xanelas para a música galega.