30 festivais de Ortigueira

Ortigueira_2014Este ano van facerse trinta edicións do festival máis coñecido no ámbito das músicas populares en Galicia na súa vertente máis comercial e estética máis “celta”. Organizado por primeira vez no ano 1978 (suspendido entre o 1988 e o 1995) ao abeiro da pioneira  Escola de gaitas de Ortigueira, este festival segue a ser o máis multitudinario de todos os festivais do país, no seu día con entrada de pago, aspecto que semella inconcevíbel a día de hoxe.

Criticado, comprendido, sustentado e tolerado a partes iguais por veciños, amadores da música folk, da festa gratuíta, do paraxe espléndido da ría, da acampada livre e do verán lúdico, O Festival mobiliza a milleiros de persoas que ateigan a vila e o pinar.

Este ano retómase a vía máis “celta” que se abandonara anos atrás con dúas bandas veteranas e históricas, cabezas de cartel que asegurarán unha masiva presencia de públicos de todas as edades e preferencias: Milladoiro e The Chieftains. Alén deles novos valores internacionais coma Moxie (Sligo/Limerick, IR); rockeiros coma os Treacherous Band (ES) ou Fest rock (BR) ou bandas galegas coma Bellón Maceiras quinteto ou Anxo Lourenzo alén dos pasarrúas de bandas de gaitas, a exposición, os cada vez máis anecdóticos obradoiros, ou a feira de artesanía de produtos industriais chineses e o Runas, que xa non é un concurso para bandas noveis pero moi atrativo este ano co Cuarteto Caramuxo e a súa fantasía de clarinetes, Tiruleque e a festa posmoderna, e o basco Xabi Burruzaga.

Entre o venres 18 e domingo 20 de xullo, milleiros de persoas tomarán as rúas de Ortigueira, esperamos que tamén se volvan escoitar moitas pandeiretas, gaitas, violinos, sanfonas, guitarras,… e poucos soundsystems de música enlatada.

Toda a info práctica e programación na web do festival: http://www.festivaldeortigueira.com

Por outros tantos festivais, Ortigueira vai!

aCentral Folque


 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario