FEAT. NIGRANJAZZ . YAGO VÁZQUEZ & FELIPE VILLAR
O Nigranjazz, que xa vai pola súa XV edición, é un dos festivais de jazz máis sólidos e recoñecidos da actual escena galega Este breve episodio supón un adianto en exclusiva da entrevista realizada polo director do festival Felipe Villar ao pianista galego residente en New York Yago Vázquez. Na intervención o músico destaca o paralelismo do jazz como música popular e improvisada coas músicas tradicionais populares. Tamén, dun xeito conciso, Yago Vázquez aproxímanos á escena actual galega e internacional.
MULLERES INSTRUMENTISTAS NO JAZZ. EVA MOREDA
Eva Moreda, escritora e profesora de musicoloxía na School of Culture and Creative Arts da University of Glasgow parte das novas investigacións sobre a trombonista Melba Liston para adentrarse na presencia histórica de mulleres no jazz alén das cantantes, máis coñecidas polo público en xeral.
Jazz en Compostela: A musicóloga Beatriz Cancela conduce tres conversas nas que se procura unha descoberta da memoria do Jazz en Compostela co Teatro Principal como protagonista histórico silencioso de fondo.
- FOX, CAFÉS E ASALTOS. ALBERTO CANCELA & BEATRIZ CANCELA.
Co musicólogo Alberto Cancela achegámonos aos albores do jazz na Galiza. Á apertura de novos locais de ocio nas cidades (cafés, bar, cabarés, teatros, cines…) que servirán de porta de entrada ás músicas e bailes do primeiro jazz nos anos 20 e 30.
- PSIQUIS: O CURSO 62-63. ALFONSO ESPIÑO & BEATRIZ CANCELA.
Na conversa co músico e investigador Alfonso Espiño abórdase o período dos anos 50-60 onde descubrimos entre os estudantes da Universidade a aficionados ao Jazz e a creación de bandas como o Conxunto Sky, que chegaron a incorporar algúns estándars no seu repertorio, ou mesmo improvisar durante a actuación como o singular caso dos Psiques.
- Unha nova escena. MADE IN GALIZA. RAMÓN BERMEJO & BEATRIZ CANCELA.
Finalmente Beatriz entrevista a un dos ilustres vocalistas da cidade. Toma a palabra Ramón Bermejo para relatar en primeira persoa o período que vai desde os anos 80, na que mozos como el emigraron na procura dunha formación especializada até unha actualidade marcada pola alta calidade e capacitación da escena jazzística galega e compostelá.
aCentral Folque anímate a habitar este territorio aberto de divulgación informativa encadrado no 3º Jazz da Rúa Nova unha produción realizada en colaboración co tecido asociativo local, coa escena musical compostelá e co apoio económico da concellaría de acción cultural do Concello de Compostela.