A Estrela Mostrada no Colón

O sábado 16 de maio ás 20:00 chega A Estrela Mostrada de Pablo Sanmamed ao Teatro Colón da Coruña dentro da programación do MaioJazz organizado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña. As entradas están dispoñíbeis aquí

Tras o seu anterior traballo, Ben vennas Maio, Sanmamed continúa a desenvolver unha liña de investigación musical que conecta repertorios históricos con linguaxes contemporáneas. Neste novo disco o artista parte das cantigas da lírica galego-portuguesa e doutras tradicións medievais —como a occitana ou a arábigo-andalusí— para construír unha proposta que dialoga co jazz actual.

O concerto propón unha viaxe sonora que transita entre diferentes épocas e estéticas, na que o pasado se activa como materia viva no presente. A través dunha aproximación aberta e emocional, A estrela mostrada afonda nas posibilidades expresivas da música antiga desde unha perspectiva contemporánea.

O sexteto liderado por Sanmamed ao contrabaixo integra voces e instrumentos que transcenden fronteiras: a salterista Begoña Olavide, a cantante Elena Tarrats, o violagambista Xurxo Varela, o pianista Iago Mourinho e o percusionista Chus Pazos. Xuntos crean un universo sonoro singular, inmersivo e poético, no que a improvisación e a memoria dialogan coa precisión da palabra e a beleza das melodías antigas. Esta nova estrela marca un fito na traxectoria de Pablo Sanmamed: unha proposta artística que reinterpreta a nosa tradición desde o presente, abrindo un espazo onde o medieval, o jazz e o emocional conflúen para crear unha experiencia sonora única e luminosa. O concerto contará cunha intervención extraordinaria da poeta Alba Cid, quen, ademais de crear textos expresamente para o vinilo, participará en directo recitando xunto á banda.

Co apoio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Industrias Culturais.

Bookmark the permalink.

Deixa un comentario