A música dos Desprazados en Celanova

Celanova, xuño de 2026.- A Casa dos Poetas de Celanova acollerá o próximo 13 de xuño, ás 12:00 horas, a presentación de A música dos desprazados. Teatro lírico e galeguidade durante o longo século XVIII, unha obra do investigador Javier Gándara Feijóo publicada por aCentral Folque.

O acto contará coa participación do autor, acompañado polo poeta e prologuista do libro Baldo Ramos e pola poeta Alba Cid, con fortes vínculos celanoveses.

A música dos desprazados propón unha lectura innovadora da historia cultural galega a partir do estudo do teatro musical e das artes escénicas entre mediados do século XVIII e comezos do XIX. A obra parte de dúas hipóteses centrais: que moitos dos elementos que hoxe se consideran característicos da identidade galega foron configurados a través de representacións teatrais e musicais creadas hai máis de dous séculos e medio, frecuentemente fóra de Galicia; e que a colectividade galega e as persoas vinculadas á farándula compartiron experiencias históricas de mobilidade, emigración e desprazamento que contribuíron a modelar imaxinarios e formas de pertenza.

A través dun percorrido que oscila entre a realidade histórica e a ficción escénica do setecentos, o libro revela unha Galicia plural, urbana e rural ao mesmo tempo, intensamente conectada con outros territorios da Península Ibérica e do espazo atlántico. Fronte á imaxe dun país culturalmente periférico ou empobrecido, a investigación mostra a existencia dunha sociedade dinámica, integrada en amplas redes de intercambio artístico e intelectual.

O volume constitúe tamén unha achega relevante ao estudo das relacións entre cultura e identidade colectiva, ao analizar como a música, o teatro e os espectáculos públicos contribuíron á formación de determinados discursos sobre Galicia e os galegos, algúns dos cales continúan presentes no imaxinario contemporáneo.

Como valor engadido, a publicación incorpora a edición diplomática da Representación a San Roque, unha obra teatral do século XVIII que permanecía inédita ata o presente. O texto conserva extensas pasaxes en lingua galega nun período no que o seu uso público estaba fortemente limitado, converténdose nun documento de excepcional interese para a historia cultural e lingüística de Galicia.

Bookmark the permalink.

Deixa un comentario