aCentral Folque en “Fiestra Aberta”

aCentral Folque participará con dúas producións no Fiestra Aberta, o ciclo de concertos de Compostela Cultura. Fiestra Aberta é un ciclo de concertos que convida á escoita atenta e ao encontro entre a creación galega e outras voces singulares do panorama estatal e internacional. O programa convida a abrir unha xanela para contemplar e escoitar o mundo desde Compostela.

A entradas xa están á venta no web de Compostela Cultura. Amorodios e A Estrela Mostrada

22 de abril ás 20:30h no Teatro Principal

Xan Campos é unha das voces máis persoais e recoñecidas do jazz ibérico contemporáneo presenta Amorodios o seu proxecto máis recente e, ao mesmo tempo, un punto de inflexión na súa traxectoria. Sen abandonar a identidade musical que definiu os seus traballos anteriores, este novo cuarteto abre unha vía nova no seu universo sonoro: por primeira vez, as letras e a voz entran no centro da proposta, grazas á presenza de Faia Díaz, cantante profundamente conectada coa tradición oral galega e que achega co seu canto unha forza nova, unha verdade que transforma a música e a volve raíz. Completan a banda dous músicos fundamentais do jazz galego: o batería Iago Fernández, recoñecido internacionalmente pola súa capacidade expresiva, e o guitarrista e baixista Virxilio Da Silva, que aporta unha gran riqueza tímbrica con ecos do rock. Amorodios é unha catarse e unha síntese, unha música viva, honesta, sen artificios, que conxuga mundos distintos para contar algo novo.

3 de maio, 20.30 horas no Teatro Principal

Concerto de presentación de “A Estrela Mostrada” de Pablo Sanmamed. Unha viaxe sonora entre o medieval e o contemporaneo. Logo do éxito de Ben vennas Maio, Pablo Sanmamed regresa con A Estrela Mostrada, un novo proxecto que se editará en maio de 2026 e volve iluminar o diálogo entre a música antiga e o jazz contemporáneo. Inspirado nas cantigas da lírica galego-portuguesa e noutras tradicións medievais — occitana, arábigo-andalusí—, Sanmamed propón unha obra de sonoridades actuais e profundamente emocionais, onde o pasado resoa como materia viva no presente.

Bookmark the permalink.

Deixa un comentario