aCentral Folque é un proxecto fundamentado no estudo, promoción e divulgación da música galega cun enfoque aberto, global e contemporáneo. Exerce a súa actividade nas áreas de docencia regular en escolas de Santiago e Pontevedra (até o ano 2013) e de produción profesional de eventos escénicos e pedagóxicos. aCentral Folque vén avalada pola experiencia de 15 anos de funcionamento desde o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín (2000-2007) e despois como aCentral Folque en Santiago (a partir do 2008) nos que se consolidou como centro de referencia nacional e internacional, atraendo a alumnado de toda a xeografía galega e estudantes chegados de Estados Unidos, Estonia, Portugal, Romanía… a pesar da carencia dunha titulación oficial para este tipo de ensinanza na Galiza.
aCentral Folque aposta pola profesionalización do seu alumnado na súa orientación e plan de estudos. Para isto mantén relación e proxectos de colaboración con centros análogos coma o CAT (Cataluña), Dastum (Bretaña), Kodaly (Hungría), D’Orfeu (Portugal), Instituto Superior de Arte (Cuba).
O resultado non é só un centro de estudo, mais tamén un espazo de encontro para a relación social e profesional de calquera persoa interesada na música galega.
aCentral Folque ensina
aCentral Folque ofrece unha formación integral. O alumnado, eixo motor do ensino, conta coa experiencia profesional do equipo docente integrada por un elenco de destacados músicos profesionais no ámbito da música popular galega. As actividades complementarias -cursos intensivos, excursións musicais, intercambios, producións discográficas e escénicas, valorización do patrimonio inmaterial, etc- ofrecen un apoio indispensábel á súa formación.
O obxectivo final do ensino será que calquera estudante sexa quen de desenvolver unha carreira profesional no eido da música se así o quixese.
O plano curricular de centro e de aula, únicos en Galiza para a música popular, fundaméntanse na formación en diferentes eidos: linguaxe musical, instrumento, historia, interpretación colectiva (combos), improvisación,… Compleméntanse cos cursos monográficos de formación permanente -sobre outras músicas, artesanía instrumental, técnicas vocais modernas, danza, expresión corporal,…- para acadar que o alumno non sinta a aprendizaxe da música tradicional coma un feito illado senón contextualizado e en relación con outras artes. Deste xeito, aCentral Folque aporta unha experiencia educativa interdisciplinar.
aCentral Folque produce
Dentro do eido da pedagoxía musical, ademais do ensino regular do centro, o equipo estábel de aCentral Folque organiza cursos monográficos especializados; cursos intensivos de verán; obradoiros no Festival Internacional de Ortigueira, Postgrado de Música Galega (coa USC) ou o Congreso de Antropoloxía Musical.
Así mesmo, aCentral Folque organiza actividades que unen a dimensión pedagóxica coa escénica nos Encontros Internacionais: de Acordeón Diatónico -Ponteceso-, Zanfona Contemporánea -Narón e Rianxo-, Pandeiros de Mao -Pontevedra e Coruña-, a Rede de Músicas Soltas -Redondela, Celanova, Rianxo e Ribadeo- apostando pola descentralización xeográfica.
En canto á promoción, aCentral Folque impulsa, en colaboración con institucións públicas e privadas, a realización de series temáticas de concertos coma o Ciclo de Músicas Portuarias -Ferrol-, Ciclo Trad -Pontevedra-; leva producións exclusivas como a Descarga ao Vivo Galiza-Cuba 08, e a publicación de estudos de investigación musicolóxica (Etnofolk, revista Murguía), edición discográfica e audiovisual especialmente baixo a colección da “Chave Mestra” de libros + CD.
aCentral Folque difunde
Por medio da súa páxina web, consolidada como referente no seu xénero despois de 15 anos de existencia, aCentral Folque ten contribuído non só a transmitir información sobre a propia entidade mais tamén a unha promoción internacional da música popular galega.
O equipo de comunicación difunde todas as actividades organizadas desde o centro nos media de Galiza, España e Portugal e canais especializados de Europa -revistas e portais web-.