producións

ACTUAIS


 

_sempre en tempada (outono-primavera)
Baile Assalto

BaileAssaltoO Bailes Assalto son lugares de encontro para danzar coa mellor música ao vivo os bailes europeos e americanos de moda cada segundo venres de mes na Gentalha do Pichel (Santiago DC). O Baile Assalto toman o nome dos bailes que se organizaban na zona de Noia e noutros lugares de Galicia na primeira metade do século XX que foron medrando en concurrencia especialmente durante o chuvioso inverno. As danzas de moda para desfrutar en comunidade: valses, mazurkas, polcas, bourrées, círculos, chotes, an-dro, tangos, chapeloisse,… e por suposto xotas, muiñeiras e pasodobles!


HISTÓRICO

2019

 


2018


_6 a 8 xullo 2018
Zona da Zanfona. XIV Encontro Internacional. Rianxo 2018

Zona da Zanfona, o único festival temático sobre instrumento na Península Ibérica celebra no verán un programa para todos os públicos, aquelas persoas curiosas no instrumento que queren achegarse a el ou que o descoñecen, músicos especialistas e audiencias de lecer que buscan o solaz na escoita deste fabuloso instrumento. O artista internacional foi o sueco Johannes Geworkian Hellman; como novidade, cursos non especificamente sobre a zanfona: curso de improvisación oral e bailes do mundo. Os concertos,  tamén contaron con  Miro Casabella e con Mala Herba e Óscar Fernández. O escaparate da vitalidade da zanfona en Galicia foi amosada no “Palco Aberto ZdZ” cun convite a todas a s escolas do país para un concerto e un xantar. Iniciamos ademais a publicación para descarga libre do Cancioneiro #ZdZ que pretenderá medrar nos vindeiros anos con aportacións dos docentes de escolas de zanfona de Galicia para ter un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis. Podes descargar o primeiro destes cancioneiros aquí.

 

 


2017


_xullo a setembro 2017
Chané na Habana

Chané na Habana é un espectáculo musical d’aCentral Folque que xunta a un grupo de artistas do mundo do jazz, a clásica e o folk, reunidos especialmente para reinterpretar o repertorio de José Castro “Chané” no centenario do seu pasamento. Alejandro Vargas Consort & Camerata Egeria coa cantante Rosa Cedrón súbense ao palco para tocar, cantar e gravar as cancións do xenial compositor galego nun disco publicado en outono de 2017, cen anos despois da súa morte. Co obxectivo de ofrecer unha visión nova e desprexuiciada do clásico galego abórdase a súa obra dunha forma inédita: desde o sentir musical cubano. Chané viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana, onde morreu. O espectáculo presentouse nas festas do Apóstolo na praza da Quintana de Santiago e na praza de María Pita da Coruña e concertos nos auditorios de Rianxo e de Melide. Esta produción foi promovida polo Concello de Santiago, o Concello de Coruña e a Deputación Provincial da Coruña co apoio do Auditorio de Galicia e a Radio Galega.

 

_xaneiro a abril 2017
Rede de Músicas Soltas’17. Redondela

Máis un ano a vila dos viadutos énchese de música no inverno. Este ano serán catro concertos: de xaneiro a abril. Catro meses nos que o Auditorio da Xunqueira de Redondela acollerá catro artistas galegos e de fóra de Galiza que virán presentar os seus novísimos traballos discográficos: Juan Perro, Primordiais, La banda morisca e Sonia Lebedynski. Dous artistas galegos e dous españois escollen redondela para apresentar os seus novos discos. Unha oportunidade para ver de perto no cálido e próximo auditorio de Redondela á mellor música popular do momento.

 

 

_5 a 9 xullo 2017
Zona da Zanfona. XIII Encontro Internacional. Rianxo 2017

Zona da Zanfona, sempre convidando a algún especialista de renome internacional, este ano até Rianxo dous músicos do Novo Mundo. R.T. Taylor e Brian McCoy veñen dos Estados Unidos e representan un outro xeito de aproximarse á zanfona. Máis un ano ofrecemos de novo o curso de iniciación con Óscar Fernández. Concertos de Cantos de Cego da Galiza e Portugal dos músicos galego Ariel Ninas e do portugués César Prata; o cuarteto Estatalá para os bailes galegos e europeos. E un palco aberto ZdZ, un xantar e unha foliada onde a zanfona será a protagonista  da xornada.


2016


_18, 25 agosto e 1 setembro 2016
Efecto Proximidade: Salgueiriños 2016

EfectoProximidade16

Baixo o nome de Efecto Proximidade, aCentral Folque organiza unha serie de actividades promovidas polo Concello de Santiago de Compostela para dinamizar unha das feiras regulares máis coñecidas da cidade: o mercadiño de Salgueiriños. Esta proposta enmárcase na axenda do Concello para promover o desenvolvemento económico e social dos mercados de Compostela e pretende conxugar elementos lúdicos, artísticos, formativos e gastronómicos coa creación de dinámicas de desenvolvemento do mercado de Salgueiriños tendo en conta aos actores e axentes locais. Na busca de conxugar elementos lúdicos, artísticos, formativos e gastronómicos coa creación de dinámicas de desenvolvemento do mercado de Salgueiriños tendo en conta aos actores e axentes locais.

_27  a 31 xullo 2016
Zona da Zanfona. XII Encontro Internacional. Rianxo 2016

Zona da Zanfona, o festival internacional de zanfona organizado por aCentral Folque chega a súa XII edición e estrea novo calendario buscando os cálidos e longos días de verán para animar as rúas de Rianxo e ofrecer o punto de encontro e espazo de intercambio musical para as zanfonistas do país. Referentes no instrumento en Galiza coma os consagrados Anxo Pintos e Óscar Fernández, verdadeiros pedagogos das novas xeracións de tocadores no país mais tamén os novos talentos de Obal (Iván Costa ou Jaime Rebollo) ou a versión máis cantabile co dúo Sobre Rodas (Luís O Caruncho e Carlos do Viso) conforman unha visión rica e variada da boa saúde coa que este instrumento tan carismático goza.

_xaneiro a xuño 2016
Rede de Músicas Soltas’16. Redondela

RMS16

Máis un ano o Concello de Redondela acolle unha nova edición da Rede de Músicas Soltas. Por terceiro ano, a mellor música tradicional contemporánea que se pode ver en Galicia nun programa para presentar os traballos de artistas en activo no acolledor espazo do Auditorio da Xunqueira. Así temos os novos discos dos artistas galegos Puntada sen fio (A lúa prendeu a luz), Davide Salvado (Os lobos), Lagharteiras (Lagharteiras) ou as primicias do que será o lanzamento de Javier Marcos Quinteto; así coma os artistas internacionais Toques do Caramulo (Portugal) ou Coladera (Brasil).

_21 de marzo’14 (estrea)
Os contos de Joselín

joselinProdJosé Rodríguez de Vicente, Joselín, é o protagonista dos primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954). Pioneiro na arte na narración oral, xograr que soubo enraizar os seus contos na antiga tradición do escarnio popular de mariñeiros e labregos. Un artista capaz, a través dos seus discos de contos galegos, de facer estalar o riso. O seu maior momento de popularidade foi de 1929 a 1932, en Galiza, e xa nos anos 30, en Arxentina. aCentral Folque reedita na presente edición a integral dos Contos Galegos de José Rodríguez de Vicente, xunto a un estudo da investigadora Laura Tato e transcripción dos textos gravados e outros inéditos.


2015


_3,4,5 abril 2015
Zona da Zanfona. XI Encontro Internacional. Rianxo 2015

Zona da Zanfona, o festival internacional de zanfona organizado por aCentral Folque chega a súa XI edición consolidado como un referente internacional no seu ámbito. Sesións didácticas nas escolas do concello, divulgación do instrumento por medio da publicación de vídeos 10º aniversario, curso para especialistas de interpretación con Tobie Miller, virtuosa e referente mundial no prolífico repertorio barroco para zanfona, sesión de baile comisariado por Óscar Fernández e outros zanfonistas galegos e a presentación da últimas investigacións de Pablo Quintana sobre o pioneiro Amadeo Goyanes, discípulo de Faustino Santalices, conforman a programación da Zona da Zanfona para este ano en Rianxo.


_xaneiro a xuño 2015
Rede de Músicas Soltas’15. Redondela

RMS2015_producRegresa a rede de Músicas Soltas a Redondela, unha cita mensual coas mellores músicas populares contemporáneas galegas e peninsulares, un programa regular para presentar os traballos de artistas en activo. A Rede pretende ser un escaparate para o público de ver nun palco achegado e en acústico a presentación dos últimos discos de Eliseo Parra, Guadi Galego, Celina da Piedade, Alba María, Narf trio ou Alejandro Vargas. Pequenos formatos para o acolledor espazo do Auditorio da Xunqueira, no corazón gañado ao mar da vila da ría de Vigo.


2014



_4-6 abril 2014
Zona da Zanfona. X Encontro Internacional. Rianxo

zanfona2014Zona da Zanfona (ZdZ), o festival internacional organizado por aCentral Folque cumple 10 anos consolidado como un referente internacional no seu ámbito. Na súa programación inclúense ofertas variadas e complementarias que van desde o público de veciñas e veciños de Rianxo e a comarca de Arousa principalmente as crianzas, até o público xeneralista ou especializado no instrumento. Sesións didácticas nas escolas, cursos para especialistas de interpretación e composición, concertos, bailes, unha exposición antolóxica e o sorteo dunha zanfona son as actividades deste ano.


_xaneiro-xuño 2014
Rede de Músicas Soltas Redondela

RMSRedondela14A Rede de Música Soltas de Redondela son concertos de presentación dos proxectos en activo da música popular feita en Galicia por músicos galegos. Así temos os novos discos de Caxade, Fran Pérez “Narf” e Radio Cos, actuacións especiais coma a de Kepa Junquera con Xabier Díaz, a inminente estrea de Jazzología ou as cancións inéditas en “Acrobata” de Fred Martins e Ugia Pedreira. Pequenos formatos para o acolledor espazo do Auditorio da Xunqueira, no corazón gañado ao mar da vila da ría de Vigo.


_ abril-xuño 2014
Salon da Lura vermella. Compostela

luravermelha

Ábrese o LOCAL DA FOLQUE en Santiago de Compostela, alí onde mora a Lura Vermella do artista Pancho Lapeña. Coma nos teatros ou nos bares de flamenco, na parte de atrás sitúase o lugar máis misterioso e donde se coce o interesante das vivencias diarias. Este Local da Folque foi no seu inicio o garaxe dunha autoescola, agora reconvertido en salón-fogar por Quim Farinha, Roberto Sala, Óscar Fernández e os que traballamos habitualmente aquí. Igual que as luras van á luz desde a profundidade, desde aCentral Folque decidimos abrir portas e xanelas para que entre a luz, com accións cariñosas e próximas, con petiscos caseiros dirixidas ao bairro alegre de Vista Alegre, e a quen queira ser e estar con nós.


 

2013              


28 novembro 2012 (estrea)
Miniaturas de Eugenio Granell

MiniaturasgranellMiniaturas de Eugenio Granell: música revelada” é o título do proxecto que pecha o ano no que se conmemora o nacemento do xenial pintor (1912). Aproveitando esta efeméride, aCentral Folque,  publica os apuntamentos que Eugenio Granell deixou anotados no seu caderno de partituras inédito publicando un libro coa transcrición das melodías e notas e un estudo sobre a dimensión musical do artista. A partir destes apuntamentos musicais orixinais de Granell, aCentral Folque encargoulle un traballo de novas composicións ao pianista cubano Alejandro Vargas. O resultado son 10 temas que conservan a forte inspiración galega dos orixinais de Granell e suman a creatividade de Vargas coa linguaxe de jazz e da improvisación.


_13 abril 2013 (estrea)
Noticiario Folk, 1932

noticiariofolkCinema Silencioso con música ao vivo. Proxeción de películas históricas con músicos no palco acompañando as imaxes cunha estrea dun filme que se creía perdido, unha das reportaxes documentais da compañía cinematográfica Folk de Pontevedra con música composta especialmente polo dúo de violino trompeta e acordeón piano Comisa Bal. Para pechar a velada outra proxección dunha película histórica de Jean Vigo, “A propos de Nice” con música de Marc Perrone interpretada no acordeón diatónico por Carlos Quintá.


_abril a novembro 2013
Rede de Músicas Soltas. Celanova 2013

RMSCelanova13A Rede de Música Soltas de Celanova son concertos de presentación dos proxectos en activo da música feita en Galicia por músicos locais ou foráneos que moran no país. Así temos os novos discos de Sérgio Tannus Trio e Davide Salvado con Najla Shami, as inminentes estreas de Jazzología ou os novos temas de Mónica de Nut, Dúo Fdez & Quintá ou as cancións inéditas en Acrobata o disco de Fred Martins e Ugia Pedreira. Pequenos formatos para o acolledor espazo do Auditorio da vila, o AMIC.


_18-21 abril 2013
Zona da Zanfona, IX Encontro Internacional. Rianxo

zanfona2013ZdZ’13, IX Encontro Internacional para zanfonistas en Galicia, onde cada ano, aCentral Folque achega os mellores intérpretes e compositores para amosar a súa arte e impartir cursos prácticos para os especialistas deste instrumento milenario que está a rexurdir cunha forza consolidada nos últimos 10 anos e dos que este encontro é a cita máis importante do ano nesta periferia de Europa. Territorios compartidos por estéticas posmodernas (drone, acusmática, esquizofonia,…) que conviven coa música popular e universal, coa música coma razón social e encontro humano na percepción abstracta da paisaxe acústica dos nosos días.


_marzo a novembro 2013
Rede de Músicas Soltas. Rianxo

RMSRianxo13Non todo o que cae na rede é peixe, e nesta rede só cae música de autora, de autor, de raíz, música popular traballada, de todos os POPs, de todos os pobos, música viva, que respire, que se mova, que nos faga vivir e movernos… A Rede de Músicas Soltas trae peixe fresco de tempada de primavera e outono, aires cálidos en tempadas de mudanza estacional. A RMS é un ciclo de concertos de músicas en pequeno formato e por músicos galegos ou residentes en Galicia ao redor da música popular e os seus universos.


_novembro 2012 a xuño 2013
Músicas Doces. Arzúa

MusicasDocesAs Músicas Doces son petiscos musicais servidos á hora do café, na sobremesa das tardes; pasteis sonoros á luz do día. A confitaría La Esquina de Arzúa acubilla este ciclo de concertos de pequeno formato para audiencias reducidas, lugares íntimos e próximos para conectar público e artistas. La Esquina convértese no lugar máis atractivo onde parar en Arzúa. Os recitais veñen servidos cunha especialidade da casa que cada día vai mudando -melindres, cestas de mazá, pastel de coco,…- para adaptarse ao repertorio do artista -Ariel Ninas, Ugia Pedreira, Benxamín Otero, Xoan Curiel, Carlos Quintá,…


2012               


_ 9, 10 e 11 de novembro
O violino de Courtier

violinocourtierI Encontro de Violino Popular é un punto de encontro para violinistas que adican a súa vida musical ao repertorio de raíz, para a xente interesada neste instrumento, para curiosos e curiosas, para a xente que quere aínda ilusionarse e deixarse sorprender coa fauna da música galega, para xente que quere coñecer a arquitectura, a gastronomía e a paisaxe a través da música. O violino de Courtier é un lugar de intercambio de coñecemento, de diversión, experimentación e reflexión. O Violino de Courtier convirte a Terra de Trives no epicentro do violino popular.


 _5 e 6 de outubro 2012
Leverelem…das artes da fala

leverelemprodO primeiro festival do mundo adicado ás artes da fala, á oralidade como medio artístico e de expresión, sen fronteiras estilísticas, sobre a tradición oral, a poesía, a comunicación, o teatro, a canción, o conto, a retórica, a expresión vocal, a regueifa, o cabaret, con música, radio, humor, verso, verbo, improvisación, mensaxe subliminal e lingua.  Son dúas noites de espectáculos senlleiros na cidade de Pontevedra para reflexionar ludicamente sobre a lingua e a arte vocal dun xeito aberto para toda a cidadanía de todas as idades, condicións e estados de ánimo. En positivo e en galego


_abril-decembro 2012
Rede de Músicas Soltas de Ribadeo

musicassoltasRibadeoEsta Rede de músicas son concertos temáticos ao redor dun concepto sobre a música popular en tránsito e de intención regular e continuada en primavera e outono de 2012. Presentación de proxectos de pequeno formato de artistas residentes na Galiza, locais e doutros puntos do Atlántico nas dúas beiras que bañan Europa, América e África. Recitais no Cine Teatro de Ribadeo, un espazo carismático recuperado para a ocasión e que se engalanará para recibir aos músicos no seu paso pola Mariña luguesa. Esta programación insírese no ciclo de actuacións de Músicas Posíbeis que organiza o Concello de Ribadeo.


_20-22 abril 2012
Zona da Zanfona, VIII Encontro Internacional

zanfona2012Zona da Zanfona 2012 é o VIII Encontro Internacional para zanfonistas en Galicia, onde cada ano, aCentral Folque achega os mellores intérpretes e compositores para amosar a súa arte e impartir cursos prácticos para os especialistas deste instrumento milenario que está a rexurdir cunha forza consolidada nos últimos 10 anos e dos que este encontro é a cita máis importante do ano nesta periferia de Europa. Os mestres convidados deste ano son os franceses Gilles Chabenat e Patrick Bouffard


_abril-xuño 2012
Petiscos Musicais: A Escondida

petiscosmusicais_escondidaOs Petiscos Musicais son concertos para o bo padal e mellor ouvido do público, servidos con xantares propios a cada acción musical que se presenta. A Escondida é o café concerto de Espasante, aló no porto, onde o cheiro a mar e a guiso confúndese co bruar de Ortegal e as melodías da mellor música popular. Recitais e cociña nun ambiente propio. Cantar, bailar e saber comer: Acrobata, NARF, Primordias e Ariel Ninas servidos con receitas en variacións de legumes e fabas por Marina Oural Villapol, cociñeira e rapsoda de Lourenzá que deseñará un prato propio inspirado polo artista convidado.


_febreiro a xuño 2012
Petiscos Musicais: Casa das Crechas

petiscosmusicais_crechasOs Petiscos Musicais son unha serie de concertos de bó dente de aCentral Folque na Casa das Crechas. Accións musicais en diferentes formatos que non fican nun concerto ao uso, servidos quentes con delicatessen culinarias acordes ao concepto artístico. En palabra, orde e acción aCentral Folque e a Casa das Crechas vive e desfruta do bon comer de espíritu na música e no alimento con esta proposta. Combinación de praceres precisa para o goce e o rexurdimento dun espazo que vivimos e donde nos relacionamos tamén musicalmente.


_decembro de 2011 a xuño de 2012
Proxecto Florencio

ProxectoFlorencioÉ unha proposta escénica e pedagóxica arredor da figura e o repertorio de Florencio dos Vilares: violinista-cantor-contador de historias, natural da Fonsagrada, recoñecido como un dos últimos cegos-xograis de Galiza, con máxima relevancia na historia da Música Popular do país. O Proxecto Florencio consiste en unir un grupo de músicos guiados polo prestixioso zanfonista Germán Díaz como director musical. Seguindo a liña de produción e ensino de aCentral Folque e a Escola Livre da MPG, o proxecto permitirá aos participantes coñecer in situ o proceso de produción, investigación e creación artística a raíz deste diamante da música patrimonial.


_11 agosto a 22 decembro 2012
Cunqueiro: Estación Mondoñedo

EstacionMondonhedoÉ un ciclo de actividades con performances artísticas e musicais, tertulia e teatro deseñado por aCentral Folque para o Concello de Mondoñedo fundamentadas no mundo literario de Álvaro Cunqueiro fiando coa música popular como cerne fundamental para todo o programa. Cunqueiro: estación Mondoñedo son paradas culturais en homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro cun programa variado de actividades ao redor da súa figura e a súa obra: teatro, poesía, gastronomía, vida tabernaria, maxia, fantasía, imaxinación,…


Comments are closed