Cantos de Nadal no Camiño Portugués

Cantos de Nadal no Camiño Portugués é unha serie de concertos en espazos de interese patrimonial e relixioso nun percurso de sul a norte ao longo da ruta xacobea a finais de decembro de 2020 dos artistas Catarina Moura, César Prata e Ariel Ninas con repertorio galego-portugués do ciclo de Advento á Epifanía. Este proxecto está organizado por aCentral Folque e promovido pola Xunta de Galicia por medio do seu programa de #OteuXacobeo para o Xacobeo 2021.

Esta serie de cinco concertos serán a presentación do proxecto “do Natal aos Reis” en Galicia que xa foi presentado en Portugal (Lisboa, Guimarães, Peso da Régua, Aveiro, Nazaré, Castelo Branco, Trancoso, Guarda, Monchique, Tavira e Famalicão) e unha gravación especial feita para a RTP (Rádio Televisão Portuguesa) que foi emitida para todo ese país a noite de Consoada (24 de decembro) do 2017.

Os concertos serán de balde con reserva previa desde a web folque.com e as capacidades dos espazos reducida. A partir do día 21 de decembro ás 10 horas da mañá abrirá o prazo de inscrición para cada unha das igrexas. Páxina de reservas: pica aquí.

Datas e lugares:

Cantos de Nadal no Camiño Portugués comprendía un ambicioso traballo comunitario de obradoiros con coros locais para preparar concertos de Nadal dirixidos por Ariel Ninas, Catarina Moura e César Prata (artistas de Compostela, Coimbra e Guarda respectivamente) para amosar ao público un repertorio común, vivo e partillado polas nosas culturas irmáns para cantar panxoliñas, manoeles, aninovos, xaneiras e reis. A alerta sanitaria obrigou a prescindir destas actividades. Mais mantéñense os concertos que respeitarán os protocolos da normativa actual de seguranza e hixiene. Os concertos serán documentados e difundidos en vídeos que amosen o rico patrimonio oral e arquitectónico ao longo do Camiño.

 

Un patrimonio inmaterial do Camiño: os cantos de Nadal

Os camiños a Santiago teñen constituído un lugar de encontro entre os pobos europeos peninsulares e extrapeninsulares. Nel produciuse xa na Idade Media o contacto entre os acervos culturais que traían os peregrinos fructificando nun rico patrimonio inmaterial conformado fundamentalmente por lendas, cantos épicos (romances) e líricos (cantigas).

Foi polo Camiño de Santiago que chegaron moitas das influencias europeas a Galicia. Non só de centroeuropa pola ruta francíxena, senón tamén polo sur desde o reino de Portugal. E aquí se misturaron coas costumes locais. Tamén saíron de Galicia a esoutros lugares. Os cantos de Nadal non son unha excepción e a similitude de textos e músicas deste singular repertorio así o testemuñan, remarcando o caracter internacional deste intinerario cultural.

Foi un peregrino do s. XIII que comeza a representar o Nacemento, Presepio ou Belén: escenas pastorís que representan episodios do Novo Testamento desde o Advento até a Epifanía. Este peregrino non foi outro que San Francisco de Asís quen montou un Nacemento en Breccia no 1223 facendo revivir tradicións antigas do Cristianismo. Disque andou por Compostela no 1214 este personaxe fundamental para o Camiño, ao longo do cal moitos seguidores da súa orde fundaron mosteiros.

Lembremos tamén que o día máis senlleiro do calendario xacobeo, o día de Santiago, no occidente ibérico era no Nadal a día 30 de decembro (até 1080 sendo bispo Diego Pelaez cando se adopta a liturxia romana e o 25 de xullo como festa do santo). Hoxe aínda existe unha das festas máis importantes do ano en Compostela: a “Traslatio” ou percurso desde Palestina até Gallaecia do corpo decapitado de Santiago o Maior, continuación simbólica da viaxe dos Reis Magos desde Oriente.

Composicións sobresaíntes de mestres de capela da catedral de Santiago tan senlleiros coma José de Vaquedano ou Melchor López compuxeron fermosos vilancicos en honra do Apóstolo.

Durante os “Séculos Escuros” houbo textos escritos en galego: os vilancicos. Contiñan pasaxes en galego que cantaba o coro da capela de música nas celebracións de igrexas importantes representando ao vilano, ao paisano, ao campesiño, ao pastor que se asociaba co “galego”. Mais isto non aconteceu en Galicia primeiramente (de facto, aquí chegou a finais do século XVIII cando xa estaba “fóra de moda” no resto da Península). Foi no mosteiro da Encarnación (Madrid) ou na catedral de Sevilla e Salamanca onde isto aconteceu no século XV. Tamén en Lisboa ou Braga cando Portugal estaba baixo a monarquía castelá (a dinastía dos Filipes até 1640). Pensouse durante moito tempo que a existencia de textos galegos en Portugal foran de norte a sul desde a sé compostelá. Sábese hoxe que non é así e que a Santiago chegaron polo Camiño desde o Sul. Mestres de capela de Compsotela ou Mondoñedo como Melchor López, J.Pacheco ou A.C.Santabaia compuxeron música de inspiración popular (chouteiras, muiñeiras) para textos escritos en galego.

Os cantos de Nadal non son un feito aillado do catolicismo ibérico senón que é cultivado por outros pobos europeos. Mais aquí teñen un estilo, temáticas e musicalidade propias e as panxoliñas están emparentadas non só coas janeiras portuguesas senón tamén cos “villancicos” de Castela, Andalucía, Murcia, Valencia ou de Colobia e Brasil no Novo Mundo. Isto remarca o caracter transcultural que este repertorio representa. Ademais de salientar un sincretismo singular desde as Festas Saturnais romanas ou os ritos de celebración do solsticio de inverno.

Nos cantos de Nadal conviven interferencias moi interesantes entre a cultura popular e a cultura erudita. Sirvan de exemplo estas: o mestre de capela inspirábase nos “aires de muiñeira” (sic) para facer as melodías das partes cantadas polo coro de pastores nas representacións do Belén; os autores e autoras (moitas eran monxas) dos textos escribían estas coplas en lingua galega; a estructura de licenza-romance-aguinaldo é a mesma que hoxe en día reproducen as cuadrillas de cantores populares nas aldeas; os textos que cantan (as coplas do romance) era escrita por alguén de recoñecido prestixio na comunidade e coñecedor da Biblia: o párroco.

A aculturación e asimilación dun repertorio foráneo, comercial e non representativo fainos esquecer -ou non valorar- o rico patrimonio galego, que ademais nos conecta cos veciños do sul e outras xeografías. Este programa “do Natal aos Reis” recupera e valoriza este acervo cultural.

 

Breves biografías

Catarina Moura

Catarina Moura integra desde 1999 a Brigada Victor Jara e o grupo feminino de cantares tradicionais portugueses Segue-me à Capela. Fixo parte do grupo Realejo entre 1999 e 2012. Participou no filme Fados, do realizador Carlos Saura. É autora e intérprete nun proxecto musical para o público infantil asentado nas tradicións portuguesas Taleguinho, cos espectáculos Costurar Cantigas e Histórias, Mundo ao Colo e Ficar a ver estrelas. Dinamiza oficinas de cantos tradicionais portugueses e de trabalinguas. Entre 2016 e 2018 encóntrase en digresión cunha co-produción da Fundación José Saramago e Trigo Limpo Teatro Acert para o Festival Literário de Óbidos de 2016: A ilha desconhecida, unha peza de teatro a partir dun conto de José Saramago. Intérprete/creadora do espectáculo Fica no Singelo, con dirección artística e coreográfica de Clara Andermatt, presente en escena desde 2014.

Ariel Ninas

Ariel Ninas móvese entre a tradición máis evolucionada, irrespectuosa e a contemporaneidade máis efémera. O seu primeiro grupo foi a banda de punk-rock-skiffle-cabaret acústico Inflatable Buddha cos que xirou por Inglaterra durante dous anos e editou dous discos. É no seu retorno a Galiza que retoma o estudo formal da música tradicional en aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Nos últimos anos toca en varios proxectos de improvisación libre froito da súa participación coa OMEGa, Orquestra de Música Espontánea de Galiza -ImaxinaSons’09 con Fred Frith, Traumzeit Festival (Duisburg) con Michael Fisher. Co Comando Delta deconstruíndo a Golpes Bajos con Germán Coppini-; co dúo de electrónica B’knob ou o trio experimental Ulobit, ou a ensemble de recreacións de música medieval Pres de Cambrai. As súas colaboracións pódense escoitar nos discos de Sérgio Tannus, Xoán Curiel, Lenda Ártabra ou Alba María. Fixo a solo a BSO para a peza de danza contemporánea ”Habelas” , premio Injuve 2010 coa Cía trasPediante. Con César Prata edita en 2016 o disco “Cantos de cego da Galiza e Portugal”. No 2020 realiza a banda sonora para Pedras nas Luces da coreógrafa Begoña Cuquejo, primeiro espectáculo feito en Galicia con drones luminosos par ao festival Corpo (a) Terra.

César Prata

César Prata fundou e dirixiu diversas asociacións culturais e traballou con coletivos no ámbito da recolla do patrimonio inmaterial. Creou e dirixiu diversos espectáculos. Orientou talleres de formación na área da música: instrumentos tradicionais, cultura popular e informática musical. O seu nome encóntrase ligado a moitos discos como compositor, arranxador, creador, intérprete ou técnico: Chuchurumel, Asubío, Chukas (encomenda do IGESPAR para o Parque Arqueolóxico do Vale do Côa), Ai! e Cantos de cego da Galiza e Portugal. Publicou cadernos sobre tradición oral. Compuxo para teatro e cinema. Participou en festivais internacionais, dos cales se destacan Canti di Passione (Salento, Italia, Abril de 2007) e Ahoje é ahoje! (Maputo, Mozambique, Agosto de 2008). Editou en decembro de 2010, Canções de cordel, CD integrado na colección do IELT a IELT (Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa). En febreiro de 2014 editou Futuras Instalações, o seu máis recente disco a solo. É co-autor e intérprete do espectáculo Contos e trovões, rezas e canções (Teatro do Calafrio) e Cantos da Quaresma coa cantora Sara Vidal.

 

Se queres coñecer as letras deste repertorio, pica aquí.

Se queres ver vídeos de concertos pasados, pica aquí.

Lugares de celebración

[events_list category=”104″ scope=all]


Este é un proxecto de:

Promovido por:

#OteuXacobeo Xacobeo2021

Comments are closed