é-Romance é-Brindo

é-Romance e mais é-Brindo son dous proxectos artísticos e educativos de aCentral Folque cuxo obxectivo é por en valor de dúas realidades culturais que constitúen unha parte ben relevante do patrimonio inmaterial galego: os brindos e os romances.

A realización destes proxectos, cofinanciada pola Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo, decorrerá en paralelo durante os meses de novembro e decembro de 2019 con varias liñas de actuación:

Libros

A publicación de dous traballos de investigación sobre estas materias, ambos editados por aCentral Folque dentro da colección Chave Mestra. José Luís Forneiro, profesor de Filoloxía na USC, e Sergio de la Ossa, prestixioso musicólogo, asinan o libro sobre o romanceiro galego mentres que Kike Estévez, tamén filólogo e profesor, e Pablo Bernárdez, músico e mestre, son coautores do monográfico sobre o brindo das montañas orientais galegas. As fotografías son obra de Eutropio Rodríguez, autor cuxo traballo ten un lugar destacado no panorama galego contemporáneo.

Actividades: concertos, obradoiros, conferencias

Entre novembro e decembro terán lugar as actividades deste programa en diferentes localidades situadas nos Camiños de Santiago e vinculadas ás realidades do brindo e do romance, principalmente nas provincias de Lugo e Ourense. Trátase de obradoiros, conferencias e concertos que permitirán compartir a grande riqueza do canto narrativo e da improvisación oral con todos os públicos, implicando ademais ás comunidades locais das vilas escollidas (ver adiante o programa detallado).

Vídeos

Desde o inicio de novembro, aCentral Folque publica nas súas redes sociais dous tipos de traballos audiovisuais: os vídeos-patrimonio, que recollen exemplos deste patrimonio vivo na voz dalgúns dos seus portadores; e os vídeos-obradoiro, que aportan as claves esenciais para que calquera persoa, especialmente a xente nova, poida seguir xogando cos brindos e os romances, contribuíndo así á súa actualización e continuidade.

O brindo e o romance, o que isto é?

Tanto o brindo como o romance son formas da nosa cultura oral estreitamente vinculadas a un extenso acervo patrimonial europeo e que permanecen vivas nas áreas máis orientais das provincias de Lugo e Ourense. Estas manifestacións foron transmitidas e difundidas en boa medida a través do Camiño de Santiago, o primeiro itinerario cultural de Europa.

O romance non deixa de ser unha realización da balada narrativa europea, que toma diversas formas por todo o continente: as viser escandinavas, as baladas francesas ou inglesas, os volkslieder alemáns e por suposto os diversos romances das linguas ibero-románicas. O romanceiro galego, rico en narracións épicas e históricas pero que tamén conserva temas do que poderíamos chamar a materia xacobea, está conformado por unhas 6000 versións de 170 romances. O libro de José Luís Forneiro editado por aCentral Folque inclúe un CD con 18 gravacións orixinais realizadas entre 1977 e 1983 polo Seminario Ramón Menéndez Pidal e recollidas a veciños das comarcas de Os Ancares, Quiroga, Sarria, A Ulloa, Verín e Valdeorras.

O brindo, intimamente ligado á lírica medieval, deriva da tençom galego-portuguesa e entronca coa tensó provenzal, o debat francés ou as controversias alemás ou italianas. Tamén, por suposto, coa ben coñecida regueifa galega. Actualmente a poesía improvisada no rural europeo está practicamente extinta, polo que o brindo, conservado en localidades orientais como Pedrafita do Cebreiro ou Quiroga, constitúe unha auténtica xoia da cultura oral de Europa. O libro de Kike Estévez editado por aCentral Folque céntrase na figura do Ribeira de Louzarela, brindador de Pedrafita do Cebreiro, de quen se inclúen varias gravacións realizadas entre 1987 e 2015.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

13 de novembro:

  • Obradoiros é-brindo. Folgoso do Courel. 11.30h CPI Poeta Uxío Novoneyra

16 de novembro:

  • Presentación é-brindo + é-romance.  Pedrafita do Cebreiro. 17h. Salón de plenos do Concello

20 de novembro:

22 de novembro:

  • Obradoiro é-romance. Ferreira de Pantón. CEIP Monte Baliño

22 de novembro:

26 de novembro:

3 de decembro:

4 de decembro:

  • Presentación é-brindo + é-romance. Vigo. 20h. Libraría Cartabón

10 de decembro:

13 de decembro:

Os Vídeos

O Brindo e o Ribeira de Louzarela

é Brindo: O Ribeira e Kike Estévez

é Brindo: Alba María e Kike Estévez

é Romance: Remedios Santana

 

Comments are closed