PARA QUE COMEZAR UNHA NOVA VIDA SE ESTABAS TAN BEN NA MORTA?
É aí cando o corazón reclama o seu espazo de rei, de fillastro no trono do corpo. A cara co latexo aínda tarda un tempo en amarse, está demasiado acostumada a verse sen el.
A raiba apodérase de todo canto atopa, os beizos revíranse na tona tanto, que cando tentan amasar palabras, manteigan cimbran!
Non hai acougo posíbel, a terra que por pel se ten estoupa e mata desde o magma ferido, queima ata rebentar, bota por fóra como pode. Ela só sabe do ben que lle fai que a amen!
Ela escoita o zumido e alí acode, non sabe porqué nin para qué, só camiña na beira do son que os corpos lle xemen, e neles se estampa!
Dá e recibe calor, as pílulas de ira xa non alimentan crúas. Os guisos son o seu prato favorito.
Alí na aldea, onde naceu e paceu, na casa de pais e avós, as fillas xa non prenderon, e din que unha delas paríu sen fillos.
Ali na casa, xa non é aquí.Non hai sitio para pais, fillos e netos que coman, xoguen, vivan e morran durmindo.
Porque alí sulfatouse, alquitranáronse as veas, os camiños do corazón, os da fonte de Alaxe que aínda xenerosa e gallarda amosa o seu líquido. Coitada! Hante fender e has seguir regando. Abenzoada!
Xa non hai sitio para bailar libre, xa non quedan entradas para palcos caídos, os sons de aventuras criadeiras e música para seguir gozando de cada paso, están fechados, e tiráronse as chaves por un emprego fixo, un coche ben lucido e un piso na Coruña!
A palleira xa non ten herba, nin verde nin seca, os animais desecados pasan a ser actores porno mentres os abrazos lucen diviiiiinos en gaiolas de alta seguridade! Ai daquel que ouse abrir a cancela! Agora as fábricas producen en cadea portas para o mar.
As casas xa non se falan, eso era antes, agora xa non o precisamos, temos de todo…Os cartos refregan as maos e amosan as unllas brilantes e afiadas, non hai quen poida con eles!
Os pasos deixan nos cómaros pegadas de tacóns finíiiiiisimos, as peles das adolescentes non poden rozar terra. É de mal ver pensamentos nos pementos ou nas patacas, a terra tan só é iso, espazo de cría para froitos efémeros, morrerán seguro, entón…para que facelos vivir?
PARA QUE COMEZAR UNHA NOVA VIDA SE ESTABAS TAN BEN NA MORTA?
Un piso na cidade é o grande paraíso!
Fame e cartos
Cartos e fame
Fame de cartos
Ou cartos da fame impresa en formigón!
Xapón é o oráculo das almas perdidas: polo río da obediencia, suicidarse ou morrer afogado polo abrazo do mar.
As estatísticas son números
Cada 1 é un mundo
Pero nada, aínda que a terra se esgatiñe, o cego xordo emigra
E se por algún burato logra ver a luz, que forza e pacencia merque urxente
PARA QUE COMEZAR UNHA NOVA VIDA VIVA SE ESTAMOS TAN BEN NA MORTA?
Autora: Marina Oural Villapol_MOV
Poema integrado en JUANA_Inspiracións, Performance_Poesía_Danza_Música