no Campo de Fóra 2026

aCentral Folque sae da súa Escola de Música para levar un programa variado para todos os públicos e persoas de todas as idades interesadas no patrimonio musical galego e internacional dentro da cidade e no rural compostelán.

“No Campo de Fóra” é un ciclo de concertos e outras actividades ao redor da música tradicional reelaborada a celebrarse nesta primavera de 2026 no Concello de Santiago de Compostela dentro da súa Rede de Centros Socioculturais. Son catorce propostas da Escola de Música de aCentral Folque cunha variada estética e de formatos estilísticos diferentes.

No ano 2024 recuperouse un antigo programa de aCentral Folque: No Campo de Fóra, un ciclo de actividades ao redor da música de raíz patrimonial feito en exclusiva para o Concello de Santiago de Compostela e dentro da súa Rede de Centros Socioculturais que continúa este curso e nesta primavera con concertos, recitais didácticos e conferencias (paseos musicais) con artistas galegas, de Brasil, Portugal e Catalunya.

O programa comeza o sábado 25 abril no CSC de Conxo cos músicos de Dueto Brasil dende ese país do outro lado do Atlántico. O xoves 30 abril será a oportunidade de ter un concerto didáctico sobre os salterios medievais a cargo da parella de Begoña Olavide e Carlos Paniagua, intérprete e luthier respectivamente de longa traxectoria internacional. Desde Catalunya visitará Xavi Bufa (Xavier Lozano) o CSC de Vite o martes 5 maio co espectáculo Tubos do Mundo para público familiar. Tamén para as familias teremos o espectáculo musical e narrativo sobre textos de Begoña Caamaño de O Pracer do Azul de María Faltri e Denise Armas no CSC das Fontiñas o mércores 6 maio. Polas festas da Ascensión teremos aos Meninos do pandeiro no CSC de Aríns o venres 15 maio e a súa proposta de músicas de tradición oral. O dueto de Servando Barreiro e Xico de Carinho levarán as súas cancións galego-portuguesas ao CSC de Bando o martes 26 maio e Ugia Pedreira actuará en formato solista no CSC de Marantes o martes 9 de xuño. Para o público máis cativo teremos os monicreques de Títeres Seisdedos con música ao vivo e o seu espectáculo Cocer e cantar no CSC do Castiñeiriño o venres 5 xuño. Desde Portugal a dupla de Napoleão Ribeiro e Nuno Dias amosarán as músicas da chulada de Entre-Douro-e-Minho con rabeca e viola no CSC da Trisca o sábado 6 de xuño. Sofía Espiñeira tocará a cancións de ‘Xeografías’, o seu novo disco no CSC Maruxa e Coralia o luns 8 xuño, ademais doutras composicións do seu repertorio. Desde Rianxo teremos o trío de as 3 Netas da Pementela e músicas tradicionais das zonas de Arousa Norte que percorrían as Fariñeiras; actuarán no CSC do Romaño o mércores 17 xuño. O ciclo de concertos serán pechados pola Aula Folque da EmaCF no CSC de Figueiras o xoves 25 xuño, día de San Xoán.

O ciclo inclúe tamén os ‘Paseos musicais, roteiros especializados sobre o patrimonio musical da cidade para entender os contextos e lugares. Esta serie pretende cubrir diferentes épocas históricas e coas propostas de Isabel Rei, pesquisadora, mestra e guitarrista que ten deseñado un roteiro sobre a iconografía musical na cidade, e Alfonso Espiño, investigador e músico sobre a música pop feita desde Compostela. Serán conferencias en movemento para público reducido e curioso.

Todas as actividades son de balde. Os Paseos Musicais teñen prazas limitadas e precisan inscrición previa enviando un formulario de rexistro nesta ligazón. O prazo para anotarse abre o vindeiro día 20 de maio.

No Campo de Fóra é o nome dun ciclo que xa existiu nos anos 2010 e 2011 cando aCentral Folque saía das aulas para ocupar os palcos dos CSCs e achegar a nova música tradicional aos barrios. Retoma ese espírito e ofrece un novo programa variado e accesíbel que continúa neste 2026.

PROGRAMA no Campo de Fóra 2026:

Sábado 25 abril. 12.30 h. CSC de Conxo
Dueto Brasil. (Marcello Linhos: viola caipira, voz Andréa Teixeira: frauta, piano)
Concerto: Músicas do Brasil de dentro. Todos os públicos

Xoves 30 abril. 19.30 h. CSC do Ensanche
Begoña Olavide e Carlos Paniagua
Concerto didáctico: O renacer dos salterios medievais
Todos os públicos

Martes 5 maio. 19.30 h. CSC de Vite
Xavi Bufa
Concerto didáctico: Tubos do mundo
Público familiar

Mércores 6 maio. 18.30 h. CSC das Fontiñas
O Pracer do Azul (María Faltri: guitarra, voz Denise Armas: narración, percusións)
Espectáculo narrativo e musical: Cartas no vento. Unha mensaxe de Begoña Caamaño
Público familiar

Venres 15 maio. 19 h. CSC de Aríns
Meninos do pandeiro
Concerto: Músicas de tradición oral
Todos os públicos

Martes 26 maio. 18.30 h. CSC de Bando
Servando Barreiro e Xico de Carinho
Concerto: Cantigas galego-portuguesas
Todos os públicos

Martes 2 xuño 9 de xuño 19 h. CSC de Marantes
Ugia Pedreira
Concerto: Entre poema e canción
Todos os públicos

Venres 5 xuño. 18.30 h. CSC do Castiñeiriño
Títeres Seisdedos
Monicreques tradicionais con música ao vivo: Cocer e cantar
Público familiar

Sábado 6 xuño. 19 h. CSC da Trisca
Napoleão Ribeiro e Nuno Dias
Concerto didáctico: Rabeca chuleira. Entre Douro-e-Minho
Todos os públicos

Luns 8 xuño. 19.30 h. CSC Maruxa e Coralia
Sofía Espiñeira
Concerto: Xeografías
Todos os públicos

Mércores 17 xuño. 19.30 h. CSC do Romaño
3 Netas da Pementela
Concerto: As Fariñeiras. Músicas de Asados, Moares, Teaio e Reboiras
Todos os públicos

Xoves 25 xuño. 18.30 h. CSC de Figueiras
Aula de violino da Escola de Música de aCentral Folque
Concerto para todos os públicos

  • Alfonso Espiño: Compopstela. Mércores 3 xuño. 18 h.
  • Isabel Rei: Santiago em imagens musicais. Mércores 10 xuño. 18 h.

* Os Paseos precisan inscrición previa por formulario aberto desde o 20 de maio.

Comments are closed.