O Fechiño. V Festival Rupestre e de Proximidade
Na súa quinta edición, que se desenvolverá os días 2, 4 e 11 de xullo de 2026, o festival volverá activar distintos espazos patrimoniais e naturais de Compostela, San Xoán de Fecha e Santa Cristina de Fecha a través dunha programación que combina roteiros patrimoniais, creación sonora, música, oralidade, baile, memoria audiovisual e participación comunitaria.
Todas as actividades son de balde. Os roteiros teñen prazas limitadas e precisan inscrición previa enviando un formulario online nesta páxina web.
A parroquia de San Xoán de Fecha, no rural do Concello de Santiago de Compostela, atesoura unha singular estación rupestre coñecida como A Pedra que Fala, un espazo arqueolóxico excepcional que posúe ademais unha sorprendente particularidade acústica: reproduce os sons emitidos na súa contorna ao reflectiren as ondas sonoras sobre a pedra.
Co obxectivo de interactuar artisticamente con este espazo único naceu en 2021 O Fechiño, unha produción de aCentral Folque desenvolvida en colaboración co tecido veciñal, cultural e ambiental das parroquias de San Xoán e Santa Cristina de Fecha. Desde a primeira edición o proxecto ampliou progresivamente os seus espazos de intervención e incorporou o concepto de Festival de Proximidade, consolidándose como unha proposta cultural especial no panorama galego.
O Fechiño caracterízase polo seu compromiso cun modelo cultural sustentable, inclusivo e de escala humana, que promove a conexión entre patrimonio, creación contemporánea e comunidade local. Para favorecer a mobilidade compartida e reducir a pegada ambiental, o festival contará novamente con servizo gratuíto de transporte colectivo entre Compostela e os distintos espazos de celebración.
PROGRAMA
2 de xullo
18 h. Cidade de Santiago.
Roteiro Poético Aural: Que música serías se non foses pedra? Alba Cid e Xoán Xil López
A poeta Alba Cid e o artista sonoro Xoán Xil López abrirán esta edición do Fechiño cunha proposta creada expresamente para o festival. O roteiro partirá ás 18:00 h desde o Xardín das Pedras que Falan e desenvolverase a través de distintas localizacións da zona histórica e da contorna do río Sarela. A palabra poética dialogará cos espazos de singularidade acústica, propondo unha escoita atenta que permitirá redescubrir Compostela desde unha dimensión sonora e emocional pouco habitual.
4 de xullo
10:30 – 14 h. San Xoán de Fecha – Monzo
Roteiro: Da Pedra que Fala á Pedra Faladora. Clube Espeleolóxico Maúxo e Xosé Miguélez
O río Tambre une Compostela e Trazo. Nunha das súas beiras sitúase San Xoán de Fecha, coas súas extraordinarias estacións rupestres, entre as que destaca a coñecida Pedra que Fala. Na outra atópase o espazo rupestre do Pedregal, en Monzo (Trazo), onde se localiza a singular Pedra Faladora.
Guiado por membros do Clube Espeleolóxico Maúxo, en colaboración coas asociacións culturais locais, este roteiro conectará por primeira vez dous espazos emblemáticos do patrimonio rupestre sonoro galego.
Durante o percorrido abordaranse cuestións xeolóxicas, antropolóxicas e lendarias, e contará con intervencións musicais creadas especificamente para estes espazos polo músico Xosé Miguélez, referente do jazz galego contemporáneo. A actividade contará con servizo gratuíto de autobús e rematará cun xantar comunitario organizado polas asociacións veciñais das dúas beiras do Tambre.
21 h. A Pedra que fala
Roteiro nocturno de arte rupestre. Colectivo A Rula
O Colectivo A Rula, referente na investigación e divulgación dos petróglifos da comarca compostelá, regresa ao Fechiño cun roteiro nocturno polos principais conxuntos rupestres de Fecha.
O percorrido partirá da aldea da Pedra que fala e atravesará o Alto do Candado ata rematar en Vilar do Rei. Durante o traxecto visitaranse petróglifos e gravuras como as de Vilar do Rei, Pedra Miralles e os distintos paneis da Pedra que Fala. A actividade permitirá descubrir o patrimonio arqueolóxico de Fecha nun contexto nocturno especialmente evocador.
11 de xullo
Mañá. Santa Cristina de Fecha
10:30 – 14 h. Santa Cristina de Fecha
Roteiro: As memorias móbiles e eternas de Santa Cristina de Fecha. Manuel Gago. Intervencións sonoras de Mano Panforreteiro e Branca Villares |
O divulgador cultural e investigador Manuel Gago regresa ao Fechiño cun roteiro deseñado en exclusiva para esta edición.
A proposta percorrerá diferentes espazos patrimoniais de Santa Cristina de Fecha, desde enclaves prehistóricos pouco coñecidos como Pedra Castro, pasando polos vestixios da cristianización altomedieval do Grixario, ata rematar cunha visita aos tesouros artísticos do Santuario barroco de Belén.
O músico Mano Panforreteiro acompañará o percorrido con intervencións sonoras adaptadas a cada espazo.
A actividade contará con servizo gratuíto de transporte desde Compostela e diferentes puntos das parroquias de Fecha.
Manuel Gago é xornalista cultural e profesor na Universidade de Santiago de Compostela. Dirixe culturagalega.gal, o portal de divulgación do Consello da Cultura Galega e é escritor e comisario de exposicións de divulgación histórica. O seu último libro é Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave Galega (Morgante, 2026).
Tarde. Campo da festa do Santuario de Belén
16 h.
Entrega do Fechiño de Honra
Ao remate do xantar terá lugar o acto de entrega do Fechiño de Honra, que nesta edición recoñecerá ás mulleres da familia “Os de Díaz de Belén”, pola súa contribución á memoria e á cultura local.
Donas do Lugar. María da Pontragha
A narradora oral María da Pontragha abrirá a programación da tarde cunha sesión de narración e música baseada na tradición oral galega.
17 – 19 h.
Serán Diverso
Nesta edición do Serán Diverso acompañaranos a Asociación Cultural Brisas do Quenllo, un colectivo nacido na Pontraga da man dun grupo de músicos comprometidos coa conservación e difusión da música e do baile tradicional.
A través do seu labor de transmisión ás novas xeracións e da recollida do saber dos vellos e vellas cantadoras e bailadoras da comarca, Brisas do Quenllo mantén vivo un patrimonio que segue medrando coa rapazada da zona.
Participarán artistas locais e convidados doutras comarcas nun espazo festivo, inclusivo e interxeracional.
A actividade contará tamén cun servizo gratuíto de transporte para facilitar a asistencia da veciñanza de maior idade.
19 h.
Traede ferrallada!. Xisco Feijóo
Un dos nomes máis recoñecidos da música tradicional galega, Xisco Feijóo, presentará o seu espectáculo participativo Traede ferrallada!, dando continuidade ao serán diverso.
A proposta recupera repertorios festivos e prácticas musicais tradicionais de distintas zonas de Galicia, convidando ao público a participar activamente co canto e coa percusión.
Noite: Concertos. Campo da festa do Santuario de Belén
21 h. BOUBA – Termando dos Marcos
Bouba presentará o seu novo traballo discográfico, Termando dos Marcos, unha proposta musical profundamente vinculada ao rural, á memoria e á resistencia cultural desde unha mirada contemporánea.
22 h. SOÁN
A cantante e investigadora Branca Villares presentará unha creación exclusiva para o Fechiño xunto á fagotista Patricia Castro e ao multiinstrumentista Mano Panforreteiro.
O concerto pechará o día grande do festival cunha proposta singular que conecta tradición oral, experimentación sonora e creación contemporánea.
Informacións prácticas
Inscrición aos roteiros
Rexístrate aquí no formulario online
Transporte
A organización ofrecerá un servizo gratuíto de autobús os días 4 e 11 de xullo.
Sábado 4 de xullo
🚌 Saída desde Compostela
• Praza de Galicia (Santiago de Compostela): 10:00 h
• Santa Isabel: 10:10 h
• Lamascal: 10:25 h
• Chegada á Pedra que Fala: 10:30 h
🚌 Regreso 1 desde Trazo-Monzo (para quen non quede a comer)
• Monzo: 14:00 h. Regreso a Compostela realizando as mesmas paradas.
🚌 Regreso 2 desde Trazo-Monzo (para quen quede a comer e participe no roteiro da Rula)
• Monzo: 20:30 h
• Pedra que Fala: 21:00 h
Sábado 11 de xullo
🚌 Saída desde Compostela
• Praza de Galicia (Santiago de Compostela): 10:00 h
• Santa Isabel: 10:10 h
• Chegada a Belén: 10:30 h
• Saída cara a Santa Cristina.
🚌 Servizo especial para recoller veciños e veciñas de San Xoán e Santa Cristina que asistan ás actividades da tarde (Fechiño de Honra e Serán Diverso)
• Saída: 15:30 h
• Regreso: 20:00 h
🚌 Regreso aos lugares de Fecha e a Compostela
• Belén: 20:00 h. Regreso aos lugares de Fecha e a Santiago de Compostela.
Puntos de encontro para quen vaia pola súa conta
Xoves 2 de xullo · 18:00 h Que música serías se non foses pedra?
📍 Xardín das Pedras que Falan (Santiago de Compostela)
Sábado 4 de xullo · 10:30 h Da Pedra que Fala á Pedra Faladora
📍 Pedra que Fala (San Xoán de Fecha)
Sábado 4 de xullo · 21:00 h Roteiro nocturno de arte rupestre
📍 Pedra que fala
Sábado 11 de xullo · 10:30 h As memorias móbiles e eternas de Santa Cristina de Fecha
📍 Santuario de Belén (Santa Cristina de Fecha)
Comidas
Sábado 4 de xullo
Ao remate do roteiro Da Pedra que Fala á Pedra Faladora celebrarase unha comida comunitaria no Centro Social de Monzo.
As persoas asistentes poderán:
- Levar a súa propia comida e bebida.
- Reservar menú previamente contactando á organización de Monzo no teléfono 679.618.197
- Menú (15€): Empanada variada (carne e atún); Embutido e queixo; Tortilla; Lacón a feira; Rosca, queixo e marmelo; Café.
- Haberá servizo de cantina con augas, refrescos, cervezas e viño
Sábado 11 de xullo
Durante a xornada principal do festival haberá servizo de comida no recinto do Santuario de Belén.
As persoas asistentes poderán:
- Levar a súa propia comida e bebida.
- Comer na polbeira instalada no recinto para a ocasión.
Contacto
A organización recomenda consultar as canles de comunicación do festival e a páxina web folque.com antes de cada actividade para coñecer posibles actualizacións ou avisos de última hora. Se tes algunha dúbida escribe un correo electrónico ao enderezo: ofechinho@folque.com
OUTRAS ACTIVIDADES
Videocreación: Por terras de Fecha
A realizadora Irene Pin desenvolve unha peza audiovisual que combinará creación contemporánea e memoria oral da contorna de Belén.
O proxecto partirá de entrevistas á veciñanza e, especialmente, ás mulleres da familia “Os de Díaz de Belén”, homenaxeadas nesta edición.
A banda sonora inclúe unha gravación inédita de Abraham Cupeiro, quen interpretará un toque de corna de Fecha recuperado do arquivo musical de Casto Sampedro conservado no Museo de Pontevedra.
Videocreación: O Fechiño Analóxico
Irene Pin dará continuidade tamén ao proxecto O Fechiño Analóxico, construído a partir das fotografías tomadas pola veciñanza e polas persoas participantes nos roteiros e concertos.
A peza funcionará como memoria visual colectiva do festival e contará cunha banda sonora orixinal composta polo músico compostelán Pablo Sanmamed.
Ambas creacións audiovisuais publicaranse posteriormente en aberto nas redes sociais e na canle de YouTube de aCentral Folque.


