O Festival NigranJazz chega á súa 13ª edición. Desde o ano 2007 celébrase nesta vila costeira do Val Miñor (suroeste de Pontevedra), nun entorno fabuloso no esteiro da foz do rio Miñor e ao pé do paseo da Ramallosa que une a Praia América e Baiona. Ofrece concertos de balde con grandes artistas internacionais e galegos, jam sessions e aulas maxistrais. A edición deste 2019 celébrase os vindeiros 26 e 27 de xullo.
A artista internacional convidada este ano e prato forte do festival é a cantora Deborah J. Carter que actuará con músicos galegos o sábado 27 de xullo e ademais ofrecerá unha masterclass de “scat” ese día pola mañán no Auditorio de Nigrán.
PROGRAMA:
Venres 26 de xullo
Food & Jazz (Palco Rilla na Rúa)
- 19.30 h Hey Cats
Auditorio da Foz do Miñor
- 21 h Pablo Castaño Quartet
- 22.30 h. Xosé Miguelez & Jean-Michel Pilc Quartet
- 24 h. Jam Session con Martín Lopo Trio
Sábado 27 de xullo
Auditorio do Concello
12 h. Masterclass con Deborah J. Carter
Food & Jazz (Palco Rilla na Rúa)
- 19.30 h Off Room
Auditorio da Foz do Miñor
- 21 h Fernando Sánchez Quinteto
- 22.30 h. Deborah J. Carter & Trío Campazán
- 24 h. Jam Session con Ruben Fernández & Suníl López Cuarteto
Nos últimos anos numerosos músicos da Galiza optaron por exportar os seus talentos por terras europeas e americanas, xa sexa para completar a súa formación ou ben para construír as súas carreiras musicais. Son moitas as razóns para este fenómeno: maiores e mellores oportunidades laborais, oportunidade de traballar con artistas recoñecidos internacionalmente, maior proxección do seu traballo… Temos xa unha morea de prometedores músicos esparexida por Europa, especialmente en Holanda e Portugal. Temos tamén músicos que cruzan o océano para irse á meca do jazz a formarse ou probar sorte coas súas carreiras, e algúns cun suceso notable.
No NigranJazz, ademais de apostar polo mellor jazz internacional, como se comprobou nos úlltimos anos, gústanos pensar que reflectimos tamén cada ano un pouco da realidade do Jazz no noso país e esta edición cremos que o fai de maneira significativa. As catro formacións principais deste 2019 están compostas por destacados músicos galegos e outros de recoñecido prestixio internacional.
Pablo Castaño viviu en New York dez anos onde partillou moitas horas de música con Yago Vázquez e estableceron unha conexión musical verdadeiramente máxica. Com eles toca Iago Fernández, un dos bateristas novos de maior prestixio en Europa, e o contrabaixista Paco Charlín, un histórico do jazz en Galicia formado en EEUU e grande responsábel do enorme crecemento do Jazz aquí.
Xosé Miguelez, recente gañador do premio Martín Códax na categoría de Jazz, vén de gravar o seu primeiro disco en Kansas (EE.UU.) con músicos norteamericanos. Desta volta estará acompañado polo franco-americano Jean Michel Pilc, un dos pianistas máis destacados da súa xeración; por Carlos Barreto, unha institución do contrabaixo en Portugal; e por Marcos Cavaleiro, baterista portugués de impresionante curriculum.
Fernando Sánchez é un novo saxofonista de Cesantes que vive e traballa na actualidade en Amsterdam e que xa deixou pegada en Galicia e Portugal polo seu inmenso talento. Preséntase en Nigrán cun quinteto de destacados músicos novos europeos que deixarán fonda pegada no futuro vindeiro do Jazz.
Deborah J. Carter, norteamericana de nacemento e residente en Europa na actualidade, é unha das grandes voces do Jazz actual e unha grande pedagoga. Vén a Nigrán acompañada do holandés Mark Zanveld no contrabaixo e dos galegos Xan Campos ao piano e Chus Pazos na batería para ofrecer un concerto que promete ser moi especial.
Como cada ano, ademais apostamos polos novos talentos para abrir as jam sessions despois dos concertos no palco, apostamos pola formación coas masterclasses e tentamos programar e dar espazo ao escaso número de intérpretes e compositoras femininas nun universo musical e profesional copado polos homes.
NigranJazz comprométese tamén coa dignidade laboral do músico e de todos os traballadores do festival, como non poderia ser doutra maneira, nun tempo onde desgraciadamente é habitual ver como os músicos son pagos con promesas, con oportunidades ou con soños irreais. NigranJazz quere baixar á realidade e mostrar o excelente traballo que os músicos galegos están a exportar ao mundo.
Felipe Villar, director artístico do festival e aCentral Folque, productora.