Zona da Zanfona, o festival internacional de zanfona organizado por aCentral Folque chega a súa XI edición consolidado como un referente internacional no seu ámbito.
Na súa programación inclúense ofertas variadas e complementarias que van desde o público de veciñas e veciños de Rianxo e a comarca de Arousa e de Barbanza até o máis especializado sobre o instrumento de toda Galicia.
Sesións didácticas nas escolas do concello, divulgación do instrumento por medio da publicación de vídeos 10º aniversario, curso para especialistas de interpretación con Tobie Miller, virtuosa e referente mundial no prolífico repertorio barroco para zanfona, sesión de baile comisariado por Óscar Fernández e outros zanfonistas galegos e a presentación da últimas investigacións de Pablo Quintana sobre o pioneiro Amadeo Goyanes, discípulo de Faustino Santalices, conforman a programación da Zona da Zanfona para este ano en Rianxo.
Logo de dez anos, os Encontros Internacionais coa Zanfona seguen a estender os límites conceptuais deste “sintetizador medieval” a territorios compartidos por estéticas posmodernas (drone, acusmática, secuenciación computacional, reducionismo, intervención sonora, improvisación, performance, o loop,…) que conviven coa música popular e universal, coa música coma razón social e encontro humano na percepción abstracta da paisaxe acústica dos nosos días.
Son significativas todas as figuras de renome internacional que teñen pasado por este encontro situando a Galicia no epicentro mundial do instrumento e que marca un presente magnífico para un porvir donde a memoria do instrumento vai gañando cada vez máis espazo desde o rexurdir dos anos 70. aCentral Folque é plataforma activa que aposta e pon e conexión a profesionais, alumnado e luthiers conseguindo desde o 2000 unha renovación esencial para o instrumento.
Zona da Zanfona ten acubillado os máis sobresaíntes creadores da novas tendencias para o instrumento: Valentín Clastrier, Gilles Chabenat, Gregory Jolivet, Marc Egea, Isabelle Pignol, Óscar Fernández, Anxo Pintos, Adrià Grandia, Germán Díaz … ou os luthieres e investigadores Jaime Rebollo, Xulio Gª Bilbao, Luciano Pérez, Pablo Cid,…
Consolidado en Rianxo, ubicación de excepción para a cultura do país está a vangarda na programación musical para a zanfona, instrumento carismático que segue a sorprender e dando que falar logo de mil anos de Historia.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES ZdZ 2015
[events_list category=”61″ scope=all]
Pingback: XI Encontro Internacional Zona da Zanfona en Rianxo - Educación, Cultura e Normalización Lingüística - Rianxo