Zona da Zanfona. XX Festival Internacional Arzúa 2024

Do 15 ao 17 de novembro de 2024 acontecerá o 20º aniversario do que até ben pouco era o único festival adicado á zanfona na Península Ibérica. Vinte edicións ininterrompidas de promoción e divulgación sobre o senlleiro instrumento, proxectando Galiza no mapa internacional e axudando á dinamización da aprendizaxe no país para as novas xeracións de tocador@s. Organizado por aCentral Folque co apoio do Concello de Arzúa e o patrocinio da Deputación da Coruña, Zona da Zanfona é o festival da manivela musical, da revolución silenciosa e mecánica do arco infinito. Combina programación de actividades para o público xeral e especializado. Músicos amadores e profesionais e audiencias en xeral que atopan gozo na escoita deste fabuloso instrumento.

Para esta edición especial de aniversario, contaremos con figuras indispensábeis para entender o instrumento no contexto actual. No ámbito internacional o ZdZ contará con Valentin Clastrier, compositor, intérprete, inventor e creador dunha linguaxe propia que revolucionou a técnica e estendeu as posibilidades da zanfona, con máis de 50 anos de carreira, foi e segue a ser a referencia na vangarda. Tobie Miller é a máxima especialista en músicas históricas documentalmente informadas para a zanfona, especificamente como intérprete e investigadora do extenso corpus escrito para o instrumento a mediados do século XVIII no estilo barroco francés. Da parte local teremos partillando palco a dous dos pioneiros galegos tocadores de zanfona: Xosé Luís Rivas “Mini”, cantor e militante de grupos senlleiros como Fuxan os ventos ou A Quenlla e Carlos Beceiro, multiinstrumentista do mítico grupo castelán La Musgaña.

O elenco artístico é completado co grupo Ailá con base en Compostela, unha banda xa asentada no panorama das novas músicas tradicionais que incorporaron esta tempada a zanfona de Manu Fraguela.

Arzúa tamén será o lugar de encontro para todas as escolas de zanfona de Galiza e norte de Portugal cun novo Palco Aberto ZdZ na súa 8ª edición que xa conta con 100 intérpretes no que amosan diferentes músicas que aprenden ao longo do ano. A seguir haberá o Xantar ZdZ, unha comida de confraternidade das persoas asistentes.

O festival tamén contará este ano cunha serie de actividades de divulgación enmarcadas no Foro ZdZ coa presentación do Atlas de Zanfona publicado neste 2024, feito polo músico Ariel Ninas e o filólogo Antón Santamarina, un traballo colaborativo multilingüe de descarga gratuíta; a conferencia “A zanfona en Arzúa. Notas históricas” de Ramon Pinheiro Almuinha e o filme “Na procura do son perdido”, un documental estreado este ano sobre os protagonistas da zanfona na Galiza nos anos da Transición.

Os cursos para intérpretes serán impartidos polos convidados internacionais Valentin Clastrier e Tobie Miller en sesións intensivas para músicos iniciados. Haberá un curso de iniciación á zanfona impartido por Óscar Fernández con instrumentos dispoñíbeis para as persoas asistentes. Este curso está orientado a quen queira achegarse dun xeito distendido e descubrir este universo sonoro desde o nivel cero.

Todos as actividades son de entrada libre, agás os cursos de especialización.

PROGRAMA DA ZONA DA ZANFONA. 20 FESTIVAL INTERNACIONAL.

ARZÚA. 15, 16 e 17 novembro 2024

Concerto venres 15, 21 h. Capela da Madanela
Tobie Miller / Carlos Beceiro

Concerto sábado 16, 21 h. Capela da Madanela
Valentin Clastrier / Xosé Luís Rivas “Mini”

Concerto domingo 17, 12 h. Multiusos Terra do Queixo
Ailá / Escolas de zanfona

Foro ZdZ Casa de Correos
Sábado 16, 19 h
+ Presentación: Atlas de zanfona. Ariel Ninas e Antón Santamarina
+ Palestra: A zanfona en Arzúa. Notas históricas. Ramon Pinheiro
Domingo 17, 18 h
+ Documental: Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición. Consello da Cultura Galega / aCentral Folque

Cursos ZdZ. Multiusos Terra do Queixo

  • Iniciación. Óscar Fernández. Venres 15, 16-20h. (emprestamos instrumento!)
  • Aula maxistral. Valentin Clastrier. Venres 15, 16-20 h.
  • Introdución ao Barroco. Tobie Miller. Sábado 16, 10-18 h

Deixa un comentario