Santiago de Compostela – 30 de outubro ás 20:00 na Numax
Este 30 de outubro, continúa a programación de actividades arredor de LAUDATIO FUNEBRIS: Da Morte, o Pranto e o Alén no Reino da Galiza. Ás 20:00 na Numax, teremos a presentación do libro coa presenza dos autores Andrés Díaz e Eva Moreda, acompañados por Quico Cadaval. Esta é unha oportunidade única para descubrir os prantos medievais, as composicións protagonistas do libro, e comprender mellor a formación de linaxes, a memoria colectiva e as devocións medievais que seguen interpelando á nosa contemporaneidade.
Santiago de Compostela – 1 de novembro: Roteiro e concerto
O 1 de novembro, Día de Tódolos Santos, seguimos coas actividades no centro histórico de Santiago. Ás 10:00, comezará un roteiro guiado por Quico Cadaval, que nos levará a través dos ritos funerarios medievais na cidade. O punto de encontro será na Praza da Quintana, e en breve publicaremos toda a información necesaria para a inscrición na nosa páxina web.
Ás 12:00, a Igrexa de San Domingos de Bonaval acollerá o concerto “Cinco prantos para un reino” a cargo do Grupo 1500, un dos grupos galegos de música antiga con máis prestixio.
Unha cita imprescindíbel para os amantes da música medieval e da cultura galega.
Noia – 1 de novembro: Roteiro e concerto
O 1 de novembro, as actividades trasladaranse á localidade de Noia. Ás 17:30, comezará un roteiro sobre ritos funerarios medievais, con Quico Cadaval como guía, quen tamén nos contará lendas locais relacionadas coa morte no medievo. O punto de partida será na Ponte de Traba.
A xornada rematará ás 19:30 cun concerto do Grupo 1500 na Igrexa de Santa María A Nova, actualmente convertida no Museo das Laudas, un espazo patrimonial de gran valor cultural relacionado coa tradición funeraria e a cultura do alén.
Non perdas esta ocasión para descubrir a riqueza da nosa historia medieval e conectar coa memoria colectiva da Galiza a través da música, a literatura e a tradición popular.
LAUDATIO FUNEBRIS: Da Morte, o Pranto e o Alén no Reino da Galiza é un proxecto enmarcado nos Fondos Reino de Galicia da Deputación da Coruña.







