As Tareixas son un grupo de música familiar que botou a andar en decembro de 2023. Fíxoo tras a operación de cadeira da súa avoa Martina, cuxo relato foi tan intenso que acabou desembocando nunha canción coa que gañaron o segundo premio no concurso “Quero cantar” da Deputación da Coruña, na categoría de mellor canción infantil. Aquí un vídeo da actuación na Gala Final no Teatro Colón da Coruña.
Esta actuación tivo lugar a finais de abril 2024 e, días despois, xa os estaban chamando para facer concertos. Toda unha sorpresa que fixo que, José Manuel, o pai compositor, se puxese a completar varios temas que xa tiña feitos e a armar outros arredor do mundo familiar musical e Román (clarinete e voz) e Omara (trompeta e voz), con especial fincapé nas relacións humanas e na relación coa natureza.
En dous meses xa tiñan un repertorio de sesenta minutos. Todo cancións orixinais, en galego, e sobre temática infantil, aínda que do gusto de todos os públicos: letras profundas, arranxos coidados e interpretacións cheas de emoción son o selo do grupo.
Logo desta inesperada xira de verán, e das constantes manifestacións de entusiasmo por parte do público que os acompañou, no nadal 24-25 As Tareixas metéronse no estudio a gravar este “Santo mandil”, que estarán presentando todo ao longo deste verán 2025.
Concertos de presentación do disco
- Vimianzo 11 Xuño ás 11:00 no Auditorio Municipal, Casa da Cultura
- Vilasantar 19 Xuño ás 12:00 no CEIP Presarás
- Boiro 21 Xuño ás 18:00 na Área recreativa de Praia Xardín
- Redondela 18 Xullo
- Moaña 19 Setembro







