Análise Musical: aulas presenciais e online

Para este curso académico de 2020-21, o mestre de aulas colectivas de Análise Musical de Cancións Tradicionais e de Linguaxe Musical -segundo o método Kodály-, Sergio de la Ossa impartirá estes cursos con posibilidade de atendelos presencialmente ou a distancia. Podes ver algún exemplo no blogue https://analisemusical.wordpress.com/

Aulas de Análise Musical

Se che interesa… saber por que os versos dunha muiñeira nova teñen cada un distinto número de sílabas; aprender a resumir a estrutura rítmica dunha cantiga, diferenciando entre variantes rítmicas esenciais e interpretativas; coñecer os xéneros vocais da música de Galicia; en definitiva, saber como están feitas as distintas cancións tradicionais, a través do estudo dos elementos que as compoñen, o próximo mes de outubro tes na Central Folque a primeira oferta online do curso continuo de análise.

Como traballamos a análise? Podes ver parte do método noutras páxinas e entradas deste blogue (por exemplo, aquí). Tes algo máis completo na versión publicada no KodályHub da guía de análise (+ info sobre ela nesta entrada). As actividades adaptaranse ao espazo web, onde procuraremos manter o traballo cooperativo e de descubrimento, habitual nas aulas presenciais.

Se queres preguntar algo sobre o curso, escribe ao enderezo de contacto desta páxina. Se tes dúbidas sobre cuestións administrativas ou sobre a matrícula, podes escribir a matrícula@folque.com.

PRESENCIAL:

Sábados alternos de 10.00 a 14.00 no CSC da Trisca (barrio de San Pedro). Serán sesións intensivas cada dous sábados e comezo do curso o 24 de outubro até o 29 de maio. A duración do curso é de 60 horas no total. Prezo total do curso 350€.

Podes ver o calendario e os contidos xerais na seguinte táboa.

Por mor de protocolos sanitarios e capacidade espacial, o máximo de persoas para este curso é de 9. Seguiranse medidas profilácticas de sanitarización de mans, distancia interpersoal, ventilación do espazo, circulación no edificio, etc.

A orientación do curso é  para persoas interesadas en entender a música patrimonial aprendendo sobre gravacións orixinais, cantando desde partitura e aplicando os coñecementos paso a paso, de xeito progresivo e práctico. Tamén nel poderás preparar a conciencia a análise musical para a proba das oposicións a ensino de música que convoca a Xunta.

Aos cursos acostuman presentarse persoas con distintos niveis de formación; entre elas, interesadas en aprender sen o obxectivo final da proba de oposicións. Se non tes unha gran formación en solfexo ou teoría da música pero tes curiosidade e vontade de aprender, e tempo para dedicarlle ao estudo de textos de referencia, partituras e gravacións, os resultados están garantizados. Consúltanos o que queiras, únete ao grupo deste curso!

Máis detalles aquí no interesantísimo blogue de Sergio de la Ossa.

A DISTANCIA (online):

O curso de 60 horas de duración desenvólvese en aulas semanais de dúas horas cada unha. Hai dúas opcións de horario: martes de 17.00 a 19.00 (grupo I) ou xoves de 19.00 a 21.00 (grupo II). Para participar no curso é necesaria boa conexión á Rede, que permita seguir as sesións en vivo por videoconferencia. O prezo da matrícula para o curso completo é de 350€ (se queres reservar praza fai clic aquí).

Se houbese persoas que non poden atender as aulas neste horario, valoraremos a extensión a un curso matutino. Para isto e ver se hai alunado suficiente para desenvolvelo, debes escribirnos un mail a matricula@folque.com.

Podes ver os contidos xerais do curso nesta táboa.

Máis info aquí.

Breve biografía de Sergio de la Ossa:

Sergio de la Ossa é etnomusicólogo, mestre especialista en pedagoxía musical Kodály e guitarrista. Estivo a cargo do arquivo de música tradicional do Museo do Pobo Galego (http://apoi.museodopobo.gal, 2007-2018). Actualmente é mestre de música tradicional no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét, 2011-2015; 2020-); ademais de aulas de solfexo e de teoría e análise n’aCentral Folque, ensina guitarra e harmonía clásica na Escola Berenguela, en Santiago; mantén o blogue sobre música tradicional www.analisemusical.wordpress.com e forma parte da banda Gergelyes, dedicada ao baile e a música dos húngaros csángó (Moldavia). Como autor, asina A Basic Guide to Folksong Analysis (Budapest: Liszt Academy of Music, 2019) e Dispostas para cantare, CD con libriño editado polo Museo do Pobo Galego no seu 40 aniversario (2017). Colabora con estudos musicais en publicacións como Romanceiro tradicional. Breve antologia das recolhas do Seminario Menéndez Pidal na aliza (1977-1983) (aCentral Folque, 2019; con J.L. Forneiro); Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 (aCF, 2017; con Xavier Groba); Repente Galego (Dep. de Pontevedra, 2016), de Ramon Pinheiro; ou Así fan os bailadores… (Dos Acordes, 2009).

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario