Recuperamos a aula presencial de percusión na Escola de Música de aCentral Folque en Santiago de Compostela con Carlos Freire que terá lugar os sábados pola mañá no CSC da Trisca con posibilidade de formación individual e colectiva.
Se o que che interesa son aulas a distancia, ofrecemos tamén a posibilidade de facelas outro día co mestre Roberto Sala.
Para saber prezos e facer a inscrición, pica aquí
Aula de percusión tradicional (presencial)
Profesor: Carlos Freire
Achegamento ás diversas culturas e tradicións a traves do estudo da percusión. Unha viaxe étnica, na que o alumno ten a posibilidade de coñecer técnicas e instrumentos da música galega, árabe, afro-latina, o flamenco, ou o jazz.
Tamboril, bombo, congas, bongo, darbouka, bendir, caixa flamenca ou batería entre outros, estarán a disposición da estudante atendendo sempre ás preferencias e necesidades de cada un.
Horarios: sábados de mañá
Lugar: CSC Trisca
Sobre o mestre Carlos Freire
Comezou a súa andaina musical como percusionista e gaiteiro en formacións da comarca de Ferrolterra (Gallaecia, Amacuca, etc). Continuou con estudos no Semirario permanente de Jazz de Pontevedra e Conservatorio Superior da Coruña. Tomou clases de percusión árabe, latina, batería e improvisación cos mestres Mohamed Alsayed, Eliseo Parra, Antonio Bravo, Andrés Rivas, Fernando Llorca, Roberto Somoza, Quin Garcia, Abe Rábade,entre outros. No ano 2000 comezou a tocar como músico profesional nas banda de Mercedes Peón e Susana Seivane, participando en festivais nacionais e internacionais como: “La Nuit Celtique” (París, Bercy), “Celtic Connections” (Glasgow), “Festival intercéltico de Lorient” (Francia), etc.
No ano 2012 pasou a formar parte da banda de Xoel López e do seu disco “Atlántico”. Actualmente combina os seus estudos, coa actividade como membro das bandas de: Susana Seivane, Pesdelán, Pablo Díaz, Xoan Curiel, Alejandro Vargas Trio, La Macorina, Miguel Flores Trio, e diversos proxectos no ámbito do jazz.
Aula de percusión (a distacia)
Profesor:Roberto Sala
Para a súa aula propón un achegamento ás diversas culturas e tradicións a través do estudo da percusión. Unha viaxe étnica, na que o alumno ten a posibilidade de coñecer técnicas e instrumentos da música galega, árabe, afro-latina, o flamenco, ou o jazz. Tamboril como fundamento da aula con achegas a outros instrumentos coma bombo, darbouka, caixa flamenca ou batería entre outros, estarán a disposición do estudante atendendo sempre ás preferencias e necesidades de cada un.
Horarios: a distancia. Día e hora a convir
Sobre o mestre Roberto Sala
Polifacético artista especializado en instrumentos de vento: gaita, cromorno, chirimía, frautas de bico e traveseiras. Estudou frauta en Madrid con Juan Vilches. Roberto Sala é membro fundador do grupo de música antiga Martín Códax con quen gravou importantes fitos discográficos e ten tocado en festivais europeos de recoñecida traxectoria. Tamén é o fundador do grupo Acibreira. Imparte aulas de gaita e requinta desde o 1995 para numerosos grupos do norte galego mobilizando a un importante número de músicos amadores da Mariña luguesa e Asturias. Ademais desde principios do 2000 adícase á gravación e produción no seu estudio en San Miguel de Reinante (Foz).