O vindeiro sábado 18 de decembro teremos unha xornada especial organizada por aCentral Folque en parceiría co Concello de Malpica sobre as músicas patrimoniais de Mens cun curso monográfico de Ribeirana e a presentación dos últimos títulos da editorial con actividades únicas.
O curso impartido por Serxio Cobos para persoas iniciadas no baile, de balde e con reserva previa será na sesión de mañá. Xa pola tarde a partir das 18 horas en Malpica de Bergantiños, a xornada Bailes de Mens, onde se presentarán as novidades da editorial: “Infinito no pé. Ribeirana” e “Pandereitras de Mens” coa presencia das súas autoras. O acto contará cunhas actividades especiais: a actuación do grupo de pandereteiras de Raigañas e a proxección por vez primeira de xeito público da gravación visual en Super8 do primeiro documento sobre a Ribeirana nunha recolla de 1971 feita pola Sección Feminina.
As presentacións contarán con Serxio Cobos, coautor do recente “Infinito no pé. Ribeirana“; e con Beatriz Busto autora do título “Pandereteiras de Mens” para o que contará con Mar de Bouzas na mesa de presentación.
O enderezo do lugar é o Auditorio do Centro Cívico de Malpica: Rúa do Ventorrillo s/N. 15113
A actividade é de balde até completar o aforo. O curso precisa de reserva previa no mail matricula@folque.com
Para saber máis do curso sobre a Ribeirana impartido por Serxio Cobos, pica aquí: https://www.folque.com/01.140415wp/events/ribeirana-curso/
Para a actividade da tarde pica aquí: https://www.folque.com/01.140415wp/events/bailes-de-mens/
Esta actividade está apoiada polo Departamento de Cultura da Deputación Provincial da Coruña e o programa de Proxectos Singulares.