CCGP ao vivo en Lugo

A dupla de Ariel Ninas e César Prata regresan co espectáculo temático Cantos de Cego da Galiza e Portugal. Será este sábado 14 de setembro ás 20h na capela de Sta. María de Lugo dentro da programación do 4º encontro Celme de zanfona que se desenvolve esta fin de semana. A entrada é libre até completar aforo.

Este dúo conformado por músicos procedentes de Galiza e Portugal presenta unha proposta arredor dun personaxe singular na cultura musical universal, a persoa invidente que canta e fai música, e o seu repertorio recollido en ambas as beiras do Miño. Un conxunto de cancións de temática común: crimes, romances, parrafeos de namorados, desgarrada, feitos históricos, cancións de orixe sefardí, historias que durante séculos, desde a Idade Media ata os nosos días, acompañaron a paisaxe sonora de feiras, romarías e rúas.

Dous músicos de ambos os países, Galicia e Portugal, recrean estas cancións cunha variada instrumentación —zanfona e guitarra, viola braguesa, concertina, harmónica, adufes e percusións miúdas— nun programa composto, a partes iguais, por melodías galegas e portuguesas, recollidas en cancioneiros ou rexistradas directamente de informantes de Mesía, Pinhel, A Guarda, Fonsagrada ou Viseu. Estas cancións graváronas recentemente para formar parte do primeiro disco do dúo.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario