Continua a xira deste espectáculo pola Rede de Salas da AGADIC, desta volta na Coruña o ságado día 16 de novembro no BâBâ Bar ás 22 h por un prezo de 8€ e lembra que podes cear vendo o espectáculo!!
Chané na Habana é o novo espectáculo musical da Central Folque que xunta a un grupo de artistas do mundo do jazz, a clásica e o folk, reunidos especialmente para reinterpretar o repertorio de José Castro “Chané” no centenario do seu pasamento. Alejandro Vargas Consort coa cantante Rosa Cedrón súbense ao palco para tocar, cantar e gravar as cancións do xenial compositor galego.
Co obxectivo de ofrecer unha visión nova e desprexuiciada do clásico galego abórdase a súa obra dunha forma inédita: desde o sentir musical cubano. Chané viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana, onde morreu. Hoxe, cen anos despois da súa morte, son unha selección de extraordinarios músicos liderados polos cubanos Alejandro Vargas e José Manuel Díaz os que abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo con unha nova vitalidade ao maxín popular galego.
Centenario da morte de Chané
No ano 2017 celébrase o 100 aniversario do pasamento de José Castro Chané (1856-1917). Paradigma do romanticismo musical galego, Chané é un dos compositores galegos imprescindíbeis de fins do século XIX e principios do XX fundamentalmente por ser un dos artífices da creación da Canción Galega de Concerto, do movemento coral contemporáneo e en definitiva da Música Popular Galega. Na súa obra conxúganse elementos estilizados tomados da música tradicional galega e as formas puramente románticas como a Balada. Tres son as cidades fortemente ligadas a súa vida. Santiago de Compostela, onde naceu e adquiriu formación musical da man do seu pai (o primeiro Chané), A Coruña, onde se estabeleceu unha vez consagrado como o músico galego máis popular do momento, e A Habana onde desenvolveu os seus últimos anos de andadura convertido nunha lenda en vida.
- Piano. Alejandro Vargas
- Bateria. Luis Alberto Legido
- Contrabaixo. José Manuel Díaz
- Voz. Rosa Cedrón