Co gallo do 30 aniversario desta mítica sala para a música ao vivo, o Club Clavicémbalo de Lugo acolle este venres 25 de outubro un concerto de Chané na Habana co Alejandro Vargas Trio e Rosa Cedrón dentro da Rede Galega de Músiucas ao Vivo. O concerto terá lugar ás 23.30 h e o prezo da entrada é de 10 €.
Concerto en formato de cuarteto sobre as músicas reinterpretadas do compositor José Castro “Chané” en clave de jazz cubano para presentar o disco que se lanzou este outono nun proxecto especial argallado por a Central Folque para conmemorar o centenario da morte do xenial músico. Este concerto do Alejandro Vargas Trio coa cantante Rosa Cedrón fai un repaso dos 12 temas do disco de “Chané na Habana”, gravado a finais de xullo no Auditorio de Galicia para sexteto de jazz e camerata clásica. Arranxos actuais sobre o repertorio recuperado de Chané, unha das figuras do rexurdimento musical galego a finais do século XIX e que morreu na Habana no 1917. Co obxectivo de ofrecer unha visión nova e desprexuiciada do clásico galego abórdase a súa obra dunha forma inédita: desde o sentir musical cubano. Chané viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana, onde morreu. Hoxe, cen anos despois da súa morte, son unha selección de extraordinarios músicos liderados polos cubanos Alejandro Vargas e José Manuel Díaz os que abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo con unha nova vitalidade ao maxín popular galego.