Contemporáneas: Abal&Bellas: By the way

O ciclo “Contemporáneas”, programa levado a cabo pola Concellaría de Capital Cultural por medio do Auditorio de Galicia e Compostela Cultura, ofrece para súa vindeira data o concerto do dúo Abal&Bellas que presentarán “By the way…”, unha selección de pezas de música actual de estéticas vangardistas para gaita-de-fole e zanfona.

Detalles:

  • Data: mércores 22 de xaneiro de 2025
  • Hora: 20.30 h
  • Lugar: Sala Mozart, Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela
  • Prezo: de balde

A través do uso de instrumentos cunha fonda raíz na música tradicional, gaita e zanfona, Abal&Bellas adquiren unha linguaxe nova que permite explorar diferentes posibilidades tímbricas e sonoras. Este proxecto trata de facer unha aproximación á música contemporánea a través da adaptación de música xa escrita para outras formacións ou instrumentos (Stockhausen, Caldini, etc.), incluíndo estrea de composicións feitas ex profeso para esta formación (Bellas, Feles, etc.).

Neste concerto poderemos achegarnos á música de gaita e zanfona a través dunha linguaxe que se aproxima a unha estética contemporánea. A adaptación de obras para outros instrumentos como as de Caldini, ou Glass fai de fío conductor para a presentación dun repertorio que contén obras escritas ex profeso para este conxunto instrumental, con autores como Feles e Bellas. A isto, engadimos por último a estrea absoluta dunha obra escrita por Teresa Bretal, que representa a nova fornada de compositoras en Galicia.

By the Way…, un título con puntos suspensivos que fai alusión a un dos éxitos de Red Hot Chili Peppers e que significa por certo, é unha obra que fai unha alegoría sobre o espazo nun camiñar ou nun contemplar dende as barreiras que o suxeitan. Trasládanos a un mundo que representa a parte interna do ser humano, contemplado dende dentro con respostas cheas de coraxe e furia interior, pero que ao mesmo tempo permite chegar a un equilibro. Esa circulación movéndose nun universo pechado en equilibrio onde sempre hai unha parte que pola súa forza desequilibra á outra, é a que xera o movemento e o funcionamento.

David Bellas é titulado Superior en Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia e Titulado Profesional en Gaita Galega polo Conservatorio Superior de Música de Vigo. Está detrás proxectos seminais da música para gaita contemporánea como Chupacabras ou Ensemble Matamá.

Iván Abal é titulado Superior en Piano, Solfexo,  Instrumentos da música tradicional e popular de Galicia e Historia e Ciencias da Música e mestrado en Arte Dramática pola Un de Vigo. Impartiu docencia nos principais conservatorios galegos e actualmente exerce a docencia no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Ten tocado con Son de Seu, Obal ou MetalXis.

Programa do concerto:

  • 7mocións (2023) de Erick Feles (1987)
  • By the Way…(2025) de Teresa Bretal (1984) Estrea mundial
  • Sonatina op. 99 (2010) de Fulvio Caldini (1959)
  • Music in Fifths (1969) de Philip Glass (1937)
  • É rama na maré (2022) de David Bellas (1985)
  • Et suseia (2020) de David Bellas
  • Viveiro 1540 (miniaturas) (2021) de David Bellas

Bookmark the permalink.

Deixa un comentario