Xurxo Souto presenta estes dias un novo libro: “Contos do Mar de Irlanda” (E. Xerais). Caladoiros do norte para reencontrármonos co mar de dentro. Eis o mapa do Mar de Irlanda visto con ollos galegos, unha voltiña polo Gran Sol, referencia emocional para a maioría das galegas e galegos. Mais alén do seu nome, todo nel está envolvo en confusión e néboa, como a mesma condición que a estas augas se lle supón.
Ao achegármonos a elas axiña agroma a gran illa, Irlanda. Unha obsesión verdadeira para a cultura galega, mais sobre a que case nunca se lle ten preguntado aos que máis en contacto con ela están: os propios mariñeiros.
Na súa palabra a travesía convértese inmediatamente nunha viaxe ao interior de nós mesmos. Pois esta xeografía do traballo esténdese como un contínuum dende os portos irlandeses até os peiraos de recalada: Marín, Ribeira, Celeiro, Burela. E nomeadamente Vigo e A Coruña, isto é o Muro e o Berbés, transformados dende os ollos do mar nunha grande Cidade Altántica.
Ruta terrícola, primeiras arribadas:
- Mércores, 23 de xullo: Bueu, Museo Masso, ás 21 horas.
- Venres, 25 de xullo: Santiago, Festigal, ás 20.30 horas.
- Domingo, 2 de agosto: A Coruña, Feira do Libro, ás 21 h.
«As cousas do mar non se contan na terra», dixo o Machín de Muxía. Galiza é unha pedra chantada no Atlántico e un espazo mariño que abrangue todos os océanos. Quizá un mariñeiro do Berbés non saiba onde queda Fonfría, aló arriba na montaña, mais todos saben de Capetón, Cape Town, na fin de África. Un mariñeiro do Muro non saberá, quizá, de Olelas, na raia de Portugal, mais todos saben de Antuerpe, que é como lle din en galego do mar a Amberes, o gran porto do Norte. Prodixioso saber gremial, absolutamente vedado a terrícolas e terrícolos. Cómpre romper con esta fronteira de silencio. E cómpre principiar a mollarse na auga máis doméstica o Gran Sol. Caladoiros tan humanizados polos nosos avós que dende hai moitas décadas teñen nome en galego. Embárcate nestas palabras. Alén do paralelo 48º N, o Mar das Galiñas, a Cona da Vella, a Ferradura agardan. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco.