Crónica da presentación de Fuliada na Vila

CONCERTO PRESENTACIÓN FULIADA NA VILA – PRAZA DA QUINTANA 20/07/2020

O concerto

Este pasado luns 20 de xullo presentouse na praza da Quintana o disco homónimo de Fuliada na Vila, novo proxecto do saxofonista de jazz e apaixonado investigador da tradición musical galega Richi Casás. A banda, composta de once integrantes, interpretou todos os temas deste novo disco-libro cuxo lanzamento está previsto para outubro deste ano: nel incluénse versións de seis pezas recollidas pola musicóloga Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa (Cerceda, A Coruña) corenta anos atrás, amais das súas grabacións orixinais de 1980, e tamén de pezas tradicionais galegas ben coñecidas, coma o Alalá das Mariñas. No concerto, a formación tamén interpretou as súas propias e orixinais versións dalgúns cantos de seitura, “A Maturrangaina”, e, como broche final no bis, o arquicoñecido “Eu chorar, chorei”. Nas súas versións, Casás combina influencias do mundo do jazz e a tradición popular autóctona para crear un mundo sonoro moi suxerente e rico en ritmos e timbres, e mesmo incorpora tamén elementos da bossa nova e a música hispanoamericana, logrando insuflar nova vida nestas melodías centenarias.

Ás dez da noite, co sol do serán aínda a medio agocharse tras dos campanarios da catedral compostelá, Fuliada na Vila tomou o escenario armada con pandeiretas e pandeiros, batería, acordeón, baixo e guitarra eléctricos, saxofóns, trompeta e trombóns, e, combinando a forza dunha big band coa das pandereteiras que sempre animaron as xuntanzas galegas, abriu o concerto co tema “De onde ven o vento”. Trátase dunha peza moi persoal dedicada a Rosa Casás, avoa do líder da formación que, tal e como conta el mesmo no libro que acompaña este disco, foi unha das moitas cantoras das aldeas galegas cuxas melodías e coplas a musicóloga suiza inmortalizou no seu Cancioneiro Popular Galego.

O concerto continuou desenvolvéndose no espazo dunha hora e cuarto durante a cal Fuliada na Vila deleitou o público cunha continuidade de muiñeiras, alalás, jotas, valses e cantos de nadal intercalados con sentidas paroladas de Casás, quen quixo aproveitar os espazos entre peza e peza para traer á palestra cuestións como a importancia da divulgación dos arquivos musicais da nosa terra, a transmisión e renovación constante da nosa herdanza patrimonial e a recuperación da cultura de facer música e danza colectivamente nun contexto social. Tratándose da primeira vez que a banda interpretaba este repertorio en directo para un público, algúns aspectos da presentación semellan non estar puidos ao cen por cen aínda, presentando puntualmente, por exemplo, dificultades para comprendérense con claridade as letras que cantaban Casás e as tres cantoras da formación: Branca Villares, Carolina Vázquez, e Pepa Yáñez.

A pesares das barreiras engadidas que impón a situación de excepción na que nos atopamos, Fuliada na Vila propúxose mergullar o público na espontaneidade e alegría da fuliada con estas pezas elaboradas a partir da recollida etnomusicolóxica, logrando á vez un son moi persoal e que será atractivo para públicos modernos e variopintos. Non poderemos sabelo de certo ata que poidan interpretarse nun concerto sen restriccións, mais os asistentes parecían estar doentes por botarlle uns bailes e compartir as cantigas que interpretaron. Agardamos que pronto sexa posible, mais, mentres tanto, para quen non puidera asistir (ou si puidera e queira revivir esta agradable velada), existe a posibilidade de escoitar un adianto do disco en Spotify e YouTube.

O disco-libro

Está previsto que Fuliada na Vila vexa a luz o 10 de outubro deste ano, no marco da Semana do Libro en Compostela. Trátase dun libro-CD verdadeiramente especial. O texto contén, contado de primeira man por Richi Casás, o engaiolante relato de como este saxofonista cercedense foi quen de atopar un espazo para sí na música tradicional, reconectando coa herdanza rural da súa familia a partires da súa vida como músico de conservatorio afincado na Coruña. Por unha banda, Casás narra a súa novelesca pesquisa en arquivos de particulares e institucións na procura da voz xa case esquencida da súa avoa; por outra, sementa o seu relato de fondas reflexións sobre a importancia da transmisión xeracional da cultura, a tradición de facer música colectivamente e o valor desa música tradicional.

Deste xeito, o autor produce un libro variado en rexistros que terá algo que ofrecer aos públicos máis diversos, e, de seguro, non aburrirá a niguén. O texto apóiase en abundantes materiais gráficos: inclúe unha valiosa selección de fotografías documentais a toda cor cedidas polos veciños de Cerceda, xunto coas fotografías realizadas ad hoc por Eutropio Rodríguez para ilustrar o proxecto.

A suma de imaxe, son e texto resulta nun todo multifacético mais coherente. O conxunto de disco e libro estructúrase arredor dun único eixo: o protagonismo da tradición, sostido na investigación rigurosa das fontes orixinais, é posto en diálogo coa igualmente poderosa forza da modernidade musical. Todo isto, a través da paritcular achega deste saxofonista cercedense.

Nas palabras do autor

Tivemos ocasión de entrevistar brevemente a Richi Casás momentos antes de que subira ao escenario para presentar Fuliada na Vila por vez primeira. Un tanto nervioso e visiblemente emocionado, contestou algunhas preguntas.

P: Que ocupa os teus pensamentos a momento de amosar ao público Fuliada na Vila?

R: Estamos na praza da Quintana a piques de empezar a actuación. É un honor chegar ca banda a esta praza, onde tantas veces desfrutei sentado ai onde hoxe está o público, para colocarnos nós no outro lado. Para min é unha marabilla poder levar esta música a un lugar coma este.

P: O disco-libro que presentades hoxe e que verá a luz dentro de moi pouco titúlase “Fuliada na Vila”, así, con maiúscula. De qué vila estamos a falar?

Q: É a Vila da Igrexa, arredor da igrexa de San Martiño de Cerceda, onde a miña familia paterna ten as súas orixes. Eu crecín na Coruña, mais esa Vila da Igrexa é o lugar onde eu pasaba fins de semanas e vacacións de neno. Foi alí onde descubrín o que era unha fuliada, da man da miña avoa Rosa e a miña tía-avoa Adolfina. As dúas cantaban e tocaban a pandeireta.

P: Entón, nalgún sentido, pódese dicir que este proxecto é a culminación dunha viaxe que comezou hai moitos anos, cando ti eras pequeno. Que che foi levando por este camiño ata o que hoxe é Fuliada na Vila?

R: É un camiño que se andou moi lentamente. Comezou cando eu nacín e a miña avoa viu a vivir con meus pais e comigo á Coruña. Mais adiante volveu a Cerceda e retomou a costume de cantar e tocar a pandeireta, de facer a fuliada. Ela recuperouna entón, e en certo sentido a miña viaxe cara a Fuliada tamén parte dese momento.

Neste intre, como se tocaran en memoria de Rosa Casás, as campás da catedral interrompen a entrevista por un momento. Ricardo párase a apreciar o son da berenguela. Pasados uns segundos, continuamos.

P: Na elaboración deste disco e o repertorio que inclúe xogou un papel moi importante a arquivística musical e a recollida de pezas polas aldeas e as vilas de toda Galicia. Como foi para ti esa labor case arqueolóxica de afondar nos arquivos?

R: O meu percorrido polos arquivos foi breve pero intenso. Logrei recuperar os audios que gravara Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa nos anos oitenta. Así que a miña compiladora é unha compiladora de luxo, nin máis nin menos que Dorothé Schubarth! Todo nace por unha coincidencia: dáse a casualidade de que esta musicóloga suiza gravou á miña avoa hai corenta anos, e ese arquivo está dispoñible hoxe en día a través do APOI [Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade] e o Arquivo Sonoro de Galicia. Podemos recuperar eses audios e beber deles. Algunhas pezas das que están no disco aprendinas eu directamente de Rosa, pero, por exemplo, o canto de Nadal non foi posible no seu momento. Eu cantei con ella infinidade de veces na súa casa, pero nunca se nos ocorreu gravala. Rosa morreu en 2005 e cando en 2015 eu quixen facer este traballo, o que o posibilitou foi ter ese recurso cuxa existencia eu descoñecía: a voz da miña avoa, gravada!

P: A partir dese sustrato de base, das memorias da túa avoa e as grabacións e partituras de Schubarth, ti recuperas estas pezas e as transmites de novo, mais dun xeito diferente… Cal é a nova vida que lle deches a esta música con Fuliada na Vila?

R: Eu pensei: ben, eses arquivos están ai e se poden escoitar, pero quizais para o público xeral sexa un pouco árido ouvir os audios dunha recollida feita nos anos oitenta cunha grabadora de cinta, onde só se escoita a tres mulleres falando e tocando a pandeireta. O que prentedín con Fuliada na Vila foi poñer ao día esas melodías para presentalas a un público coma o que as vai escoitar hoxe na Quintana, e facelo en diferentes estilos. Non se trata só de jazz: hai tamén música latina, e mesmo temas que non son precisamente cancións, senón espazos sonoros, ambientes, o que eu chamo sonigramas… ben, música incalificable [ri]. Hai unha variedade de estilos nos que se encardina esa música. Iso sírvenos de excusa para poder escoitar esas melodías e as letras que cantaban Rosa e Adolfina en músicas moi actuais.

P: O disco inclúe música de moitos tipos diferentes, tamén da América Latina. Quixestedes incluir a Galicia fóra de Galicia, ao mundo do exilio?

R: Sen dúbida, o feito é que aquí triunfaron moito os ritmos latinos coma a cumbia, o merengue, ou o samba. Aos galegos gústanos moito escoitalos, e o idioma nos resulta moi familiar. Dende logo influiu nos meus gustos musicais. Eses gustos están pola miña man plasmados tamén no disco. Intentei introducir unha variedade de estilos que a min me gustaban, con liberdade.

 

Ben, Ricardo, pois moitas grazas e parabens, estamos desexando escoitar como soa Fuliada na Vila en directo na praza da Quintana.

-Grazas! – inmediatamente, Richi Casás bule a reunirse ca súa banda.

© Minia Monteagudo.

23 de xullo de 2020.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario