Terceira actividade do ciclo de actividades No Campo de Fóra que aCentral Folque leva aos centros socioculturais de Santiago co músico ferrolán Carlos Freire, especialista en múiscas tradicionais e novas músicas coma o jazz. Desta volta o formato será un curso para todos os públicos e niveis para formar un combo de percusión galega onde se ofrecerán os instrumentos para facer un grupo que practique os toques máis importantes da nosa música popular. Acontecerá no CSC de Nemenzo o vindeiro venres 16 de maio a partir das 19 horas con entrada libre até completar capacidade.
Sobre o mestre
Naceu en Narón. Xa dende moi novo, comezou a súa andaina musical como percusionista e gaiteiro da man do mestre Victor Xosé Agulló, en formacións da comarca de Ferrolterra ( Gallaecia, Amacuca, etc).
Ao marchar a Santiago de Compostela, comezou os seus estudos no Semirario permanente de Jazz de Pontevedra e Conservatorio superior da Coruña. Tomou clases de percusión árabe, latina, batería e improvisación cos mestres Mohamed Alsayed, Eliseo Parra, Antonio Bravo, Andrés Rivas, Fernando Llorca, Roberto Somoza, Quin Garcia, Abe Rábade,entre outros.
No ano 2000 comezou a tocar como músico profesional nas banda de Mercedes Peón e Susana Seivane, participando en festivais nacionais e internacionais como: “La Nuit Celtique” (París, Bercy), “Celtic Connections” (Glasgow), “Euroceltes” (Estrasburgo), “Fok Festival” (Cambridge), “Músicas para un encuentro” ( Bos Aires, Montevideo), “Nuit Celt” (Istres), “Senglar Rock” (Cataluña), “Festival Folk Cantabria infinita”, “Festival de Martigues”, “Festival Zintzarria”, “Festival de la danse bretonne” (Guingamp, Francia), “Festival intercéltico de Lorient” (Francia), etc.
No ano 2012 pasou a formar parte da banda de Xoel López e do seu disco “Atlántico”.
Colaborou con músicos como Kepa Junkera, Xosé Manuel Budiño, Anxo Pintos, Rodrigo Romaní, Roberto Somoza, Marcos Teira, Uxia Senlle, Anatoli, Quin Garcia, Banda Crebinski, Banda das Crechas, Grupo de danza oriental Gaira, Aline Frazao, Chris Kase, Sergio Tannus, Njala Sami, etc. Abríndose a un amplo abanico de estilos musicais (folk, flamenco, pop, jazz, música árabe, etc.) que van conformando a súa bagaxe profesional.
Participou en gravacións como: “Ruta folk terra galega” con Amacuca; “Mares de Tempo”,”Os soños que volven” de Susana Seivane; “Nai”,”Magnetico zen”, “estamos no veran” de Xoán Curiel; Carta branca”de Xochilmica, Xúa, Kibitka, Banda Crebinski,”ABDC” de A Banda das crechas, Tic Tac, “toc-toc” de Pablo Díaz,”Na punta do pe” de Pesdelán, “Clave Bantu” de Aline Frazao, Son Brasilego” de Sergio Tannus, “Atlàntico” de Xoel Lopez.
Impartiu cursos no Conservatorio profesional de Santiago de Compostela, na Escola de Danza Gaira, no Museo do Pobo Galego, Centro Galego de Hospitalet, Escola das Artes de Brión, na Asociación Cultural de Trazo, no centro cutural Alfaia; así como concertos didácticos en diversos concellos de Galiza.
Actualmente combina os seus estudos, coa actividade como membro das bandas de: Susana Seivane, Pesdelán, Pablo Díaz, Xoan Curiel, Alejandro Vargas Trio, La Macorina, Miguel Flores Trio, Tischetein e diversos proxectos no ámbito do Jazz.








