Curso de análise musical con Sergio de la Ossa

Ofrecemos un valioso curso de introducción á análise de cancións tradicionais da man dun dos meirandes expertos na materia en Galicia, o etnomusicólogo e pedagogo Sergio de la Ossa. Serán 8 horas de achegamento á canción tradicional, galega e doutras culturas para aprendermos os segredos e sintaxes destas músicas. Contidos que respostan a preguntas coma estas: as variantes dunha mesma melodía e como varían ou improvisan os músicos tradicionais? a importancia do ámbito para datar a antigüidade dunha melodía? a relación entre música e texto e as distintas formas estróficas postas en música? a métrica do verso dunha canción galega e en que se distingue da do verso dunha canción inglesa?

O curso de iniciación (22 de abril) terá a súa continuación para aprofundar na materia dúas semanas despois (6 de maio).

As prazas son limitadas para garantir un ótimo desenvolvemento do curso.

  • Data: sábado 22 de abril
  • Horas: 10 a 14 / 16  a 20 h
  • Lugar: Auditorio de Galicia (Burgo das Nacións). Compostela
  • Prezo: 45 €
  • Inscricións e info: matricula@folque.com

https://analisemusical.wordpress.com/

Contidos

O sistema de análise comprende os seguintes puntos:
+Aspectos básicos da notación e edición da partitura
+Conxunto de notas, ámbito, escala
+Compás, ritmo
+Cadencias, perfil melódico, forma
+Métrica poética, número de sílabas, forma do texto
+Función, ocasión; outros datos
+Descrición dos xéneros musicais galegos

Como introdución á análise propiamente dita, falaremos de características xerais da música tradicional galega, en especial da canción, e da música de tradición oral en xeral. Prestaremos especial atención á relación entre música e texto e ás distintas formas estróficas postas en música.Examinaremos tamén distintas variantes dunha mesma melodía, como exemplificación da capacidade creativa dos intérpretes e dos procesos musicais implícitos. Ofreceranse exemplos de distintas tradicións para abranguer o maior número posible de elementos e formas musicais e comprender e contextualizar mellor o folclore propio. O traballo con partituras (que cantamos antes de analizalas) será ademais acompañado de audicións musicais.

Obxectivos

—Comprender as estruturas musicais das que se compón a canción tradicional.
—Coñecer algúns dos criterios máis empregados na descrición de repertorios musicais.
Obter os coñecementos básicos cos que acometer a descrición e clasificación iniciais da música tradicional.
Obter unha comprensión máis profunda dos procesos creativos inherentes á interpretación tradicional (a través do estudo dun caso de variación)

Sergio de la Ossa

Etnomusicólogo, encargado desde 2007 dos arquivos de música tradicional do Museo do Pobo Galego (http://apoi.museodopobo.gal). É mestre especialista en Educación Musical (USC, 1999) e no método Kodály (2010); ensinou música tradicional no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét, Hungría) entre 2011 e 2015. Ofrece regularmente cursos e conferencias, entre os que destaca a única de temática galega no WOMEX 2014. Participou en publicacións do eido da música e do baile tradicional, como Así fan os bailadores… (Dos Acordes, 2009) ou Repente Galego (Deputación de Pontevedra, 2016) de Ramon Almuinha. Actualmente imparte aulas de teoría no Curso Maxistral da Central Folque. Publica sobre cuestións relacionadas coa análise de música tradicional no blogue www.analisemusical.wordpress.com.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario