Curso sobre o Cancioneiro Popular

Os vindeiros 6 e 13 de abril de 2024 impartiremos o curso monográfico : ‘O Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth’ con Sergio de la Ossa. Dúas sesións intensivas cun total de 8 horas de duración para entender a magna investigación da etnomusicóloga Dorothé Schubarth e o lingüista Antón Santamarina, o traballo máis completo que se ten feito sobre o cantigueiro galego publicado a comezos dos anos 1980.

O monográfico terá lugar na Sala Circular do Auditorio de Galicia os sábados de mañá.

Malia ser unha das fontes máis citadas no campo da investigación de música tradicional, o Cancioneiro Popular Galego (versión dixital dispoñíbel aquí) é unha obra en xeral pouco comprendida e usada. Neste curso de carácter introdutorio daremos claves para o uso desta obra imprescindible no estudo da música de tradición oral en Galicia. A visión de conxunto complementarase con olladas en detalle sobre puntos concretos, coa ordenación de información espallada nos seus distintos volumes e seccións, co exame de exemplos propostos pola autora, coa explicación de fenómenos musicais varios e coa comparación deste traballo con outros de características semellantes, pouco coñecidos en Galicia.

Detalles:

  • Lugar: Sala Circular do Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela
  • Datas: 6 e 13 de abril de 2024
  • Horario: sábados de 10 a 14 h. 8 horas totais
  • Prezo: 45 €
  • Inscripción: enche o formulario de embaixo; recibirás un correo coas instrución de matrícula.
  • + info: matricula@folque.com

Obxectivos:

  • Acadar unha mellor comprensión do CPG e, por extensión, da música vocal de tradición oral en Galicia.
  • Aprender a manexar o CPG e a buscar información dentro del.
  • Comprender fenómenos propios das músicas tradicionais como a variación melódica, o libre intercambio de valores rítmicos longos e breves etc; facilitar a comprensión das descricións de xéneros musicais.
  • Facilitar a lectura das partituras incluídas no CPG mediante exemplos prácticos: melodía principal e variantes rítmicas e melódicas; sincronización do ritmo do canto e da percusión etc.
  • Comprender o sistema de ordenación de melodías e ser capaz de atopar estas polas súas características (principalmente no vol. VII).
  • Situar o CPG no contexto de traballos europeos de semellantes características.

Contidos:

  • Panorámica xeral dos volumes do Cancioneiro con audición dunha escolma de exemplos.
  • A estrutura dos volumes: apartados xerais, información dun volume que se completa noutro distinto.
  • O sistema de escritura e as características da música. Armaduras, barras de compás etc. Notación das variantes. Lectura guiada de exemplos.
  • Terminoloxía e conceptos relacionados
  • Comparación con outros exemplos europeos.
  • Ecos. Recepción do CPG (recensións europeas e españolas). Schubarth no Grupo de Estudo sobre Análise e Sistematización (ICTM). Achegas destacadas do CPG e tarefas por completar.

Notas biográficas de Sergio de la Ossa

Sergio de la Ossa é musicólogo, mestre especialista en pedagoxía musical Kodály e guitarrista. Foi mestre de música tradicional no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét, 2011-2015; 2020). Entre 2007 e 2018 estivo a cargo do arquivo musical do Museo do Pobo Galego (http://apoi.museodopobo.gal)

Mestre de Teoría e Análise en aCentral Folque, imparte regularmente cursos e conferencias sobre música tradicional e didáctica da música. Participou como ponente no WOMEX 2014 e na conferencia celebrada en homenaxe a Zoltán Kodály no Instituto de Musicoloxía da Academia de Ciencias Húngara en 2017 (Budapest).

Como autor, asina A Basic Guide to Folksong Analysis (Budapest: Liszt Academy of Music, 2019) e colabora en publicacións como Romanceiro tradicional. Breve antologia das recolhas do Seminario Menéndez Pidal na Galiza (1977-1983) (aCentral Folque, 2019; con J.L. Forneiro) ou Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 (aCF, 2017; con Xavier Groba), entre outros títulos.

Mantén o blogue sobre música tradicional www.analisemusical.wordpress.com

 

Formulario de inscrición:

Recibirás un correo persoal (non automático, non inmediato) coa confirmación e as instrucións de pagamento; debes mirar na pasta do “spam” se non te chegase á pasta principal do teu correo electrónico.

Os dados enviados serán tratados confidencialmente segundo as normas da Lei Orgánica 3/2018 do 5 de decembro sobre a Protección de Dados Persoais e garantía dos dereitos dixitais.


Estes cursos están organizados por aCentral Folque co apoio do Concello de Santiago

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

One Comment

  1. Pingback: Curso: “O Cancioneiro popular galego”, Santiago 2024 | Análise musical

Deixa un comentario