Cursos da Zona da Zanfona

O festival Zona da Zanfona organiza cursos para todos os niveis e inquedanzas. Serán catro aulas maxistrais os vindeiros 21 e 22 de novembro na vila de Arzúa e un curso a distancia o domingo 30.

A inscrición aos cursos poderase realizar cun formulario de rexistro online que se atopa en cada unha das entradas da web zanfon.folque.com.

Os cursos para intérpretes serán impartidos por Steve Tyler e Iván Abal en sesións intensivas para músicos iniciados. E máis un ano haberá un curso de iniciación á zanfona impartido por Óscar Fernández con instrumentos dispoñíbeis para as persoas asistentes. Este curso está orientado a quen queira achegarse dun xeito distendido e descubrir este universo sonoro desde o nivel cero.

Ademais o ZdZ recupera o curso a distancia para o público internacional que será impartido este ano polo galego Ariel Ninas o domingo 30 de novembro de xeito telemático e en inglés. Esta actividade está feita en parceiría co H.I.P.S.T.E.R. Ireland (Now and Then Media) unha organización de Limerick que colabora na realización deste curso e que entre outros proxectos, produce series de concertos coma o Limerick Early Music Festival.

Cursos ZdZ 2025:

Para inscribíreste neles, debes picar en cada unha das entradas e encher cadanseu formulario. O prazo para facer o rexistro abrirase a partir do 3 de novembro.

Curso de iniciación á zanfona con Óscar Fernández.
Venres 21 novembro de 16 a 20 horas.

Curso para o que non é preciso posuír instrumento nin coñecementos musicais previos. ZdZ ten zanfonas a disposición das persoas interesadas en achegarse dun xeito intenso nunha sesión para músicos ou non músicos que queiran descubrir este universo sonoro desde o nivel básico.

Se queres saber máis e anotarte a este curso, pica aquí.

As músicas de Julio Vázquez Carril con Iván Abal.
Venres 21 novembro de 16 a 20 horas.

Curso para persoas iniciadas no instrumento sobre un tema xeral como é a adaptación á zanfona das músicas para gaita-de-fole, neste caso particular do músico local recentemente falecido Julio, o gaiteiro de San Miguel.

Se queres saber máis e anotarte a este curso, pica aquí.

Masterclass con Steve Tyler.
Sábado 22 novembro de 10 a 18.30 horas

Aula maxistral impartida cun dos máis respetados intérpretes actuais, o inglés Steve Tyler sobre o xeito de interpretación de música para danza de finais da Idade Media para zanfona con recursos aplicábeis para calquera tipo de músicas de bordón actuais: modos e escalas, patróns rítmicos para sincronizar melodía (man esquerda) e ritmo (man dereita), ornamentación e articulación, dinámicas…

Se queres saber máis e anotarte a este curso, pica aquí.

Músicas galegas para zanfona con Ariel Ninas. Curso online
Domingo 30 novembro de 18 a 20 horas

Curso a distancia en inglés cunha sesión online presencial e extensivo material extra para traballar nos meses a seguir. Pensado para intérpretes de calquera parte do mundo que queiran coñecer o estilo e xeitos de tocar música galega tradicional aplicada á zanfona. Unha aula xeral para saber das particularidades e recursos, especialmente o relativo á aplicación dos toques do bordón rítmico para os xéneros bailábeis.

Se queres saber máis e anotarte a este curso, pica aquí.


Festival organizado por aCentral Folque co patrocinio da Deputación de Coruña. Departamento de Cultura co apoio do Concello de Arzúa.

O curso a distancia ten o apoio de H.I.P.S.T.E.R. Ireland (Now and Then Media).

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed.