Sergio de la Ossa, mestre, investigador, musicólogo e asesor, vai impartir máis un ano o curso presencial de Análise Musical de Cancións Tradicionais. Este ano, o curso continuo de análise trae dúas adendas: previamente un obradoiro de lectura cantada de partituras, de 6 horas de duración, e un curso complementario de 12 horas sobre características que non foran tratadas en edicións anteriores: variación, entoación non temperada, análise comparada…
Detalles xerais:
- Lugar: Auditorio de Galicia, Sala Circular. Santiago de Compostela
- Datas: sábados de outubro até maio (ver calendario para cada curso embaixo)
- Horario: mañáns (o curso complementario será de tardes)
- Horas totais: Previo: 6 h; Principal: 52 horas; Complementario: 12 h
- Prezo: Previo: 50€; Principal: 350€; Complementario: 80€
- Prezos desconto: Curso Completo: 450€; Previo+Principal: 375€; Principal+Complementario: 400€
- Prazas limitadas
- Nivel: persoas iniciadas
- Inscripción e info de matrícula: pica aquí. Tes que enviar o formulario de preinscrición; recibirás un correo coas instrucción de matrícula.
- + info: matricula@folque.com
Curso Principal
Que facemos no curso?
Aprendemos escoitando gravacións orixinais, cantando (moito) desde partitura e aplicando os coñecementos paso a paso, de xeito progresivo e práctico. Partimos da experiencia dos cursos iniciados no Instituto de Pedagoxía Musical Kodály, en Hungría, e na dos xa numerosos cursos realizados n’aCentral Folque e noutros centros e conservatorios en Galicia nos últimos dez anos para aplicar melloras en cada nova edición. Este ano o curso constará de 13 sesións de 4 horas cada (52 horas totais). Nel poderás preparar a proba de análise das oposicións a mestres de música.
O calendario do curso son os sábados indicados no plano que podes consultar aquí, do 29 de outubro ao 13 de maio, de 10 a 14h.
Como traballamos a análise?
Podes ver parte do método aquí. E para consultar algo máis completo na versión publicada no KodályHub da guía de análise nesta entrada.
Podes ler aquí un resumo dos contidos do obradoiro previo e do curso complementario. Esperamos que che interese, agardamos por ti no grupo deste curso!
Obradoiro de lectura de partituras
(6h de duración; sábados 1, 8 e 15 de outubro de 11 a 13h, no Auditorio de Galicia)
O obradoiro está dirixido a persoas matriculadas no curso continuo de análise. Acostuma haber persoas interesadas no curso mais con pouca formación académica, e tamén persoas con formación académica mais que non acadaron destreza na lectura cantada de partituras (é dicir: que non escoitan internamente como soa unha melodía ao vela en partitura). Se che interesa o curso de análise pero pensas que non vas ter tempo para asimilar as aprox. 200 partituras que veremos, ou se tes destrezas básicas de lectura e queres mellorar e axilizar a tarefa de facerte coa música, de interiorizala, recomendo que te apuntes a este obradoiro previo.
Curso complementario de análise
(12h de duración; sábados 25 de febreiro e 11 e 25 de marzo, de 16:30 a 20:30, no Auditorio de Galicia)
Neste curso trataremos características cambiantes das melodías. A música é tamén proceso, observable por exemplo no fenómeno da variación melódica como un tipo de improvisación: cómo unha persoa cambia unha melodía ao longo dunha mesma execución ou ao longo de varias execucións? como cambian as melodías executadas por distintas persoas, en distintos momentos e lugares? Veremos exemplos de heterofonía, entendida como as variantes que se executan simultaneamente, e escoitaremos e cantaremos exemplos de música tradicional de Galicia e tamén do revival folk de Hungría ou Irlanda. Veremos cómo nas variantes dunha mesma melodía cambian a afinación, a escala, o número de sílabas dos versos, cómo cambian o compás, o modo de execución (tempo giusto ou rubato) ou mesmo o número de versos e a forma até facer unha melodía case irrecoñecible, e trataremos, sempre con exemplos, o concepto de «tipo melódico». Afastamos o foco da análise para achegarnos á panorámica e á comprensión do repertorio.
Breve biografía de Sergio de la Ossa
Sergio de la Ossa (Madrid, 1978) é etnomusicólogo, mestre especialista en pedagoxía musical Kodály e guitarrista.
Entre 2007 e 2018 estivo a cargo do arquivo de música tradicional do Museo do Pobo Galego (http://apoi.museodopobo.gal,) e foi mestre de música tradicional no Instituto Kodály da Academia Liszt (Kecskemét, 2011-2015; 2020).
Mestre de Teoría e Análise en aCentral Folque, imparte regularmente cursos e conferencias sobre música tradicional e didáctica da música. Participou como ponente no WOMEX 2014 e na conferencia celebrada en homenaxe a Zoltán Kodály no Instituto de Musicoloxía da Academia de Ciencias Húngara en 2017 (Budapest).
Como autor, asina A Basic Guide to Folksong Analysis (Budapest: Liszt Academy of Music, 2019) e colabora en publicacións como Romanceiro tradicional. Breve antologia das recolhas do Seminario Menéndez Pidal na Galiza (1977-1983) (aCentral Folque, 2019; con J.L. Forneiro) ou Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 (aCF, 2017; con Xavier Groba), entre outros títulos.
Mantén o blogue sobre música tradicional www.analisemusical.wordpress.com., visita indispensábel para todas as persoas que queiran coñecer máis e mellor o patrimonio musical de tradición oral.
Pingback: Curso continuo de análise 2022-2023 | Análise musical