Cursos da Zona da Zanfona 2024

Celébrase a XX edición da Zona da Zanfona, Festival Internacional e para este ano especial contamos con cursos moi especiais de mestres indispensábeis para entender a vitalidade e calidade artística actual que xa estiveron en edicións pasadas e recuncan para celebrar o 20º aniversario deste evento. O renovador do instrumento Valentín Clastrier, e a grande especialista en repertorio histórico do Barroco Tobie Miller. A eles súmase máis un ano Óscar Fernández para dar un curso de iniciación onde haberá zanfonas dispoñíbeis para quen queira coñecer este fabuloso instrumento.

As sesións terán lugar en Arzúa, onde se celebrará o festival, inaugurando un novo ciclo para a Zona da Zanfona. As sesións acontecerán no Multiusos da vila os vindeiros venres 15 e sábado 16 de novembro e contarán con concertos solistas destes mestres internacionais na mesma fin de semana a quen se lle sumarán outros artistas galegos que serán anunciados nos vindeiros días.

Información xeral:

  • Data: venres 15 pola tarde e sábado 16 mañá e tarde de novembro 2024
  • Lugar: Multiusos Terra do Queixo de Arzúa
  • Prezos: 30€ (iniciación) / 40€ (Valentin Clastrier) / 50€ (Tobie Miller)
  • Prazas limitadas
  • Debes encher o formulario dixital que aparece que cada unha entradas de cada curso(*recibirás un correo (non inmediato, non automático) coa confirmación da praza e instrucións a seguir para a formalización da matrícula)

Aula Maxistral: A zanfona segundo Valentin Clastrier.
Venres 15 de novembro de 16 a 20 horas.

Curso teórico e práctico para intérpretes de zanfona e músicos en xeral para coñecer de preto a arte, vida, achegamento á música e experiencias dunha carreira profesional de máis de 50 anos sen a que non se pode entender o mundo actual da zanfona pois foi, e aínda é, pioneiro en moitos aspectos organolóxicos, conceptuais e interpretativos.

Se queres saber máis e anotarte a este curso, pica aquí.

Curso de introdución á zanfona barroca con Tobie Miller.
Sábado 15 novembro de 10 a 14 horas e de 16 a 18 horas.

Tobie Miller é a intérprete máis experimentada na música histórica para zanfona, un repertorio moi específico cultivado nos anos centrais do século XVIII en París e Versalles. Este curso será unha introdución ao estilo barroco para zanfona para todas as persoas que se queiran achegar a este xénero.

Se queres saber máis e anotarte a este curso, pica aquí.

Curso de iniciación á zanfona con Óscar Fernández.
Venres 15 novembro de 16 a 20 horas.

Curso para o que non é preciso posuír instrumento nin coñecementos musicais previos. ZdZ ten zanfonas a disposición das persoas interesadas en achegarse dun xeito intenso nunha xornada para músicos ou non músicos que queiran descubrir este universo sonoro desde o nivel cero.

Se queres saber máis e anotarte a este curso, pica aquí.

Sobre os mestres

Tobie Miller é unha intérprete única, por ser unha das poucas mulleres en tocar ao primeiro nivel a zanfona e por ser unha das poucas especialistas en repertorio clásico para a zanfona (de grande produción compositiva no século XVIII). Virtuosa a nivel técnico e coñecedora da linguaxe da música antiga e todo o repertorio para zanfona barroca. Actúa en varias formacións ao respecto, incluíndo o duo co zanfonista austríaco, Matthias Loibner, así como con directores ben coñecidos como Jordi Savall, Christophe Coin e Wieland Kuijken. Mentres mantendo un ocupado calendario actuando como concertista, tamén ensina regularmente talleres e en festivais coma o CAMMAC (desde 2003), o Over the water Festival en Seattle (desde 2005), Les Journées de La Flûte à Bec (2006), e no Schola Cantorum Basiliensis (2008).

Como lider do seu grupo Ensemble Danguy publica no prestixioso selo Recercar os discos La Belle Vielleuse (2017), Les Saisons amusantes (2019) Le berger innocent (2023). Como solista publica o seu disco BACH: Solo para o selo Raumklang (2018).

Valentin Clastrier (1947), mestre indiscutible da zanfona electroacústica, emprendeu unha carreira musical ecléctica, e a diferenza de moitos outro tocadores non provén da tradición musical dun lugar senón que desenvolveu unha linguaxe propia desde a vangarda da música contemporánea aplicada a un instrumento de corda con elementos percusivos e con bordón. Ademais de compositor e intérprete desenvolveu aplicación e inventos para a zanfona que agora son considerados como indispensábeis e inherentes ao instrumento.

Descubre a zanfona no ano 1970 e desde entón percorreu o mundo en trío con Michael Riessler e Carlo Rizzo: India, Estados Unidos, Sudamérica, etc. O seu último CD en solitario (2014) -sen título xenérico- gañou o “Gran Premio Charles Cros”. Valentin Clastrier foi nomeado “Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras”.

En 2006 publica o seu método La vielle & l’universe de l’infinie de roue-archet (ed. Modal), un libro acompañado dun DVD onde mostra a súa teoría aplicada á man dereita na zanfona.

Óscar Fernández é unha personalidade de grande peso no folque galego desde os anos 90, foi membro de Saraibas e un dos fundadores e principal arranxista de Os Cempés e do desaparecido grupo bOnOvO.

Desde o ano 1998 céntrarse case exclusivamente na zanfona xa como profesional combinando a docencia coa música en directo en formacións lideradas por él e colaboracións noutros proxectos. Ten feito música para documentarios e películas, composto melodías que xa forman parte da tradición da música popular galega. É a referencia galega no emprego da zanfona dun novo xeito de entender o instrumento con referencias á vangarda europea adaptada ás formas musicais galegas.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

One Comment

  1. Pingback: XX Zona da Zanfona. Festival Internacional Arzúa – Folque

Deixa un comentario