Escola de Música Popular e Avanzada

EMPA_15_navallaA Escola de Música Popular e Avanzada (EMPA) é o centro de estudos regulares que aCentral Folque ten en Santiago de Compostela cunha oferta variada e especializada en diferentes eidos do patrimonio musical galego, con dous itinerarios diferenciados con cadanseu programa de estudos propio:

Esta etapa conta co decidido apoio do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña que comparten a especificidade e proxecto de país que esta nova Escola aporta ao conxunto da sociedade.

 

Formación continua:

Este curso organízase en aulas especializadas atendendo ás necesidades de cada estudante nos seguintes eidos: gaita, sanfona, requinta, violino, canto tradicional e técnica vocal, percusión tradicional, harmónica,  con ensino individualizadio un-a-un estudante/mestre e aulas colectivas en linguaxe musical (segundo o método Kodály), harmonía e un grupo de regueifa e improvisación.

A posibilidade que esta escola brinda ao seu alumnado é formarse con mestres de recoñecida solvencia, músicos profesionais, e adquirir os coñecementos fundamentais para desenvolver as súas capacidades e aptitudes.

Aulas individuais: 46€/mes

  • Canto
  • Violino
  • Sanfona
  • Frautas e requinta
  • Percusión tradicional

Aulas colectivas: 32€/mes

  • Linguaxe musical (método Kodály)
  • Harmonía na música popular
  • Regueifa e improvisación oral

 

Formación profesional:

Esta é a novidade que comezamos no ano 2015/16. Un curso de dous anos orientado a persoas con coñecementos musicais que toquen calquera instrumento e queiran afondar nas formas da música tradicional contemporánea con máis de vinte docentes en áreas específicas sobre repertorio, arranxos, composición, fontes, etnomusicoloxía, combos, gravación, etc…

Aulas colectivas en dous grupos con prazas limitadas a dezaseis persoas cada grupo.

Os requisitos para completar o curso profesional, con unha duración total de dous anos, inclúen a realización de seminarios curriculares distribuídos en catro materias ao longo do primeiro ano e a participación nun proxecto de creación e interpretación orixinal ao longo do segundo ano que será obxecto de unha gravación profesional e presentado ao público en exclusiva na cidade de Santiago de Compostela.

Os contidos deste programa son tanto de carácter práctico como teórico e teñen como obxectivos principais afondar no estudo musical e discutir e esclarecer as problemáticas teóricas e cotiás relativas á vida profesional do músico especializado na linguaxe patrimonial galega con independencia da súa escolla ou tendencia estilística.

Os fundamentos teóricos e prácticos que se impartirán no primeiro ano son troncais e de
obrigada realización para a totalidade do alumnado. No segundo ano
deberá escoller un dos tres seminarios de especialización. Estas son as áreas específicas propostas:

  • Música Tradicional e Folque
  • Música Popular Urbana
  • Músicas Contemporáneas

 

Onde está?

O ensino da Escola de Música Popular e Avanzada (EMPA) en Compostela está repartida en diferentes espazos da cidade achegando a distintos lugares as posibilidades de aprendizaxe cos seus mestres. Son os Centros Socioculturais cedidos polo Concello de Santiago: CSC do Castiñeiriño e CSC A Trisca (barrio de San Pedro) e o Auditorio de Galicia (barrio de Vista Alegre)

Contacto:  Teléfono: +34 698 144 852 / mail: matricula@folque.com

Comments are closed