A MPG (Música Popular Galega) é a banda sonora da Galiza. O poder da MPG é desconcertante e subestimábel pois agudiza a participación social e favorece a cohesión, fálanos da nosa propia existencia.
A MPG debería formar parte da educación de toda persoa livre. Por iso, aCentral Folque pon en movemento a ESCOLA LIVRE DA MPG, herdeira do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín e a Escola Folque de Santiago.
Somos alquimistas que estudamos e reinventamos as formas populares potenciando as cualidades do alumnado co que camiñamos xuntos na mesma dirección.
A ESCOLA LIVRE DA MPG é un niño de paxaro onde creamos situacións, lugares de intercambio de experiencia; é un proxecto xeneroso que divulga e crea información poñendo en contacto estudantes con músicos e músicas en espazos vivos, mutantes e ambulantes. A comunidade da Escola Livre participa dunha formación complementaria fóra da aula, extensíbel ao palco, ao estudio de grabación, á rua, …
A ESCOLA LIVRE DA MPG expándese pola cidade de Compostela, facéndose máis visíbel e espallando ideias musicais.
A ESCOLA LIVRE DA MPG é unha cunca onde se bebe da sabedoría colectiva.
A ESCOLA LIVRE DA MPG é unha rede que fía vontades.
Na ESCOLA LIVRE DA MPG seguimos abrindo xanelas para a música galega.
A ESCOLA LIVRE DA MPG SEMENTA VALORES.
Existen infinitas maneiras de ser músico. Mudou a forma de transmitir o saber. O microespazo que ocupan estudante e mestre. Máis oportunidades no eido musical, maiores riscos e desafíos. O dereito a educarte na arte da música popular é o dereito de formarse ao longo da vida. Saber distinguir o críbel, o útil, o falso, o superficial, o hipócrita, o profundo… Porque nos estamos movendo nun mundo elástico onde o músico pode adaptarse ao grande abano de circunstancias e con diferentes axentes: a rúa, o palco, o pazo, a casa, a romaría, a taberna, a administración… o multiespazo.
A estabilidade e a quietude, salvo que sexa dinámica, está obsoleta pois a aceleración da Historia é de vertixe e as persoas musicais han de ter capacidade de adaptación ao cambio. E a música fai máis doce esta travesía. Existen infinitas maneiras de ser músico: instrumentista, espectador, itinerante, de familia, terapeuta, docente, investigador, produtor…. o caso é desenvolver a vivencia musical porque o ser músico evoluciona, elíxese ou decídese tendo en conta o acerto-erro. Para iso, deixarse levar polo instinto ou polo talento leva á posterior reflexión. Preguntarse que desexa un/unha aprender, explorar, experimentar e contar. E se queremos ter un espírito crítico e activo coa nosa traxectoria e contexto. Un músico non é mudo cara a súa formación e evolución. Crea o seu propio itinerario. É por iso que na Escola Livre da MPG o músico formula o seu propio proxecto persoal. A Escola Livre da MPG ten indicadores mais non mostra un só camiño posíbel. Na Escola Livre da MPG propoñemos ferramentas e recursos para compor unha vida ás voltas coa música como público, profesional ou amador.
A docencia é integral partindo da aula até a rúa e viceversa. O profesorado, os encontros musicais, as jam sessions, os convivios, os ciclos de concertos teñen unha marcada liña formativa para aprender a comunicarse a través da música. A MPG é a paisaxe sonora da Galiza. Promove a cohesión social, un imaxinario compartido que afianza o sentimento de comunidade.