Este curso supón unha novidade dentro do ensino da música popular en Galicia. Aulas colectivas abertas a calquera persoa (con iniciación en práctica instrumental ou vocal) que queira coñecer a linguaxe da música tradicional galega, as súas especificidades, prácticas e contextos nos que se ten definido como elemento diferenciador así coma as conexións con outras estéticas musicais contemporáneas.
Os requisitos para completar o curso profesional, con unha duración total de dous anos, inclúen a realización de seminarios curriculares distribuídos en catro materias ao longo do primeiro ano e a participación nun proxecto de creación e interpretación orixinal ao longo do segundo ano.
Os contidos deste programa son de carácter práctico e teórico e teñen como obxectivos principais afondar no estudo musical e discutir e esclarecer as problemáticas teóricas e cotiás relativas á vida profesional do músico especializado na linguaxe patrimonial galega con independencia da súa escolla ou tendencia estilística.
A carga lectiva total é de 120 horas. Catro horas cada semana (para dous grupos, un os venres pola tarde, outro o sábado pola mañá) nun total de 30 semanas.
Os fundamentos teóricos e prácticos que se impartirán no primeiro curso son troncais e de obrigada realización para a totalidade do alumnado. As materias e contidos pivotan ao redor destes catro eixos:
- Repertorio e prácticas: adaptación instrumental dos recursos interpretativos do canto, da gaita, ritmos, baile, …
- Arranxos: harmonización, conxunto, improvisación, estéticas,…
- Formas consagradas do patrimonio musical: teoría e análise, fontes, historia, etnomusicoloxía, …
- Historia: contextualización histórica e social do fenómeno musical no noroeste peninsular.
No segundo curso deberá escoller un dos tres seminarios de especialización. Estas son as áreas específicas propostas:
- Música Tradicional e Folque
- Música Popular Urbana
- Músicas Contemporáneas
> _MATRÍCULA