Entrevista a Alba María

Alba María, nova voz do panorama da canción galega, é entrevistada por Montse Dopico no blogue Magazine Cultural Galego. Transcribimos aquí esa interesante conversa entre as dúas que desvelan as inquedanzas, segredos e detalles de “Aínda”.

Ligazón do artigo:
http://montsedopico.com/entrevistas/para-min-ainda-eunha-reivindicacion-un-relato-unha-evasion-unha-loita-un-suspiro-un-berro/


AlbaMaríaAlba María, a gañadora do I Certame de Canción de Autor en Galego ‘Concello de Teo’, está a presentar o seu primeiro disco, ‘Aínda’, editado pola Central Folque. Un traballo que bebe das músicas populares de todo o mundo para falar de mulleres que se rebelan contra a opresión, da emigración, da xente nova sen traballo nin futuro…  Dunha “moza nova que comeza a explorar o mundo e atopa cousas boas e cousas regulares”, como di ela.

“Aínda hai quen fai e crea e conta, sen deixar de beber dos ventos do pasado”, dis no disco. Por que se chama ‘Aínda’?

O disco chámase “Aínda” porque pretende reflectir a vontade de seguir facendo, de continuar sachando na esperanza. E sobre todo, dá a idea de que nunca se detivo este ciclo, de que eu non son especial, nin única, nin nada, senón que estou aquí, cantando na miña lingua e no meu país porque son herdeira dos cantos que outras e outros botaron antes. E seguiremos cantando, ou? Aínda cantamos!

Todas as cancións soan diferente. Pode ter unha base folque, pola túa formación. Mais non é música popular só galega, non si? Bebe moito tamén do folque americano, por exemplo? E do jazz e mesmo o blues?

O disco bebe de músicas populares de todo o mundo. Ritmos suxeridos por min ou polos arranxistas e o produtor do disco. Hai blues, hai swing, hai habaneira, hai tango, hai jazz que se mestura co son dun acordeón, e hai sobretodo unha querencia por traer ao meu terreo todos eses ritmos e poñelos ao servizo das letras. E aí si que a música se rende ás letras e comeza a empaparse de galeguidade.

O cuarteto sodes Alba María (voz), Felipe Villar (guitarra), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Carlos Freire (batería). Mais neste disco hai máis instrumentos. Que ás veces evocan os anos 20 ou os 50. Queres falar do resto de colaboradores e do que achegan?

Por suposto. Foron fundamentais no proceso de produción e gravación. Achegaron as tintas e as cores precisas para darlle a forma final ás pezas. Eles tamén suxeriron ritmos, como a morna cavoberdiana na que José Manuel Díaz converteu o tema “Albas Perdidas”. El e Alejandro Vargas fixeron uns arranxos marabillosos. José Manuel, ademais, foi o produtor musical do disco. Óscar Fernández, á zanfona, encheu de liñas galegas a derradeira peza do disco: “Retellando o ceo”; Gutier Álvarez deulle ledicia, ironía e sutileza co seu violín á “ Habaneira de Berlín”; Pedro Pascual dotou de elegancia e sentimento co acordeón a peza que abre; Alejandro Vargas aportou a maxestuosidade do seu piano e a mestría dos arranxos en dúas das pezas; José Luís Dopico co seu rajão colocou maxia e ritmo, e Ariel Ninas encheu de sentimento o blues “Rúa Vella” cun supersolo de harmónica. Son consciente de que tiven uns colaboradores de luxo, que fixeron un grande traballo e dos que aprendín unha chea de cousas durante o proceso de gravación.

Este é o teu primeiro disco. Pero levabas anos estudando música. Podes contar como te formaches, nese aspecto? Facíalo xa con intención de dedicarte, -na medida do posible-, á música?

Cantar canto de toda a vida, coa miña avoa e os seus irmáns, que sempre tiveron un aquel para o canto. Estudei guitarra e acordeón, este último no conservatorio. Tamén aprendín a tocar a pandeireta a base de ir a seráns e festas e compartir andanzas con pandereteiras. Despois xa comecei a estudar canto n’a Central Folque cando cheguei a Compostela. A verdade é que mentres me formaba non pensaba demasiado na profesionalización, eu ía aprendendo o que podía porque me gustaba, compoñía porque me encataba facelo, pero sen pensar demasiado que puidese chegar a ser un traballo.

Eras xa, tamén, poeta e regueifeira. E as letras das cancións de ‘Aínda’ son iso, poemas. Que falan moito de que xa “non somos Penélopes mirando ao mar”, como nese tema no que dialogas coa pretérita Carolina. É ese o sentido xeral do disco, a reivindicación do dereito a vivir, como mulleres, como queiramos e sen dar explicacións?

“Aínda” é unha reivindicación, un relato, unha evasión, unha loita, un suspiro, un berro… Pretende retratar o que sinto e a miña realidade e condición están dentro diso, si.

A ‘Habaneira de Berlín’ ten algo de ironía sobre a cidade perfecta que é Berlín. E fala de emigración. Por que unha habaneira? Como marcan o disco, nese sentido, Alejandro Vargas e José Manuel Díaz? 

Pois foi unha habaneira porque era para min un dos ritmos que a emigración galega trouxo para aquí e é un ritmo que me inspira moito. Eu nacín na emigración dos meus pais a Canarias e eses movementos poboacionais sempre me chamaron moito. É certo que José Manuel e Alejandro me aportaron moito como músicos e cubanos que son: eles déronlle “máis cubanidade” á habaneira, con certeza. E achegaron a súa mestría no domino do ritmo e da harmonía. Eles influíron moito no toque final dos temas, sen dúbida, mais sempre respectando o meu traballo previo como compositora.

Todo o disco produce, tamén, unha sensación de forza. De tirar para adiante, malia as dificultades que poidan vir. É a sensación coa que queres que quedemos? Podes comentar un pouco o contido de cada letra?

O disco fala de forza porque a forza necesítase. Non porque estes tempos sexan especialmente malos: as nosas avoas que viviron a guerra diríannos que os seus tempos eran peores. As letras falan de moitas cousas: hai letras sobre a tristura da emigración levada á máxima ironía, letras sobre a condición da muller que reacciona con retranca ante a opresión, hai outras que tratan a realidade da xente da miña idade que se atopa sen ningún futuro ao que amarrarse. Tratan sobre min como moza nova que comeza a explorar o mundo e atopa cousas boas e cousas regulares. Para min “Aínda” é un disco de exploración, de abrir a fiestra e por que non, de erguer o solpor.

Dalgunha maneira, a túa voz, o teu xeito de cantar, faime pensar en Sés, Ugia Pedreira ou Mercedes Peón. Non o digo tanto porque “inflúan” na túa música, senón porque creo que a actitude é semellante: a personalidade propia, a forza… Que outras cantoras che gustan?

Gústanme as mulleres con voces firmes pero á vez cheas de delicadeza. As que citaches son un exemplo en Galiza pero hai outras vivas e mortas, lonxe ou perto que me enchen coa súa música: Mercedes Sosa, Big Mama Thornton, Violeta Parra, Aline Frazão, Etha James, Billie Holliday, Mayra Andrade, Amalia Rodrigues, Edith Piaf, Buika… Hai unha mezcolanza moi grande no meu tocadiscos pero todas me aportaron moito por dentro como mulleres e como cantoras. Pero perto do meu corazón está Ugia Pedreira claramente. Ela foi mestra miña de canto na Central Folque e unha grandísima axuda e guía.

Tes un vídeo, Cabaleira, que tivo miles de visitas en poucos días. E que é moi compostelán. Podes falar un pouco de como o fixestes e por que escollestes esas localizacións?

O vídeo xurdiu porque Olga Nogueira (encargada da contratación en aCentral Folque, que tamén é a empresa que me representa) insistía en que levabamos meses desde a saída do disco e a súa presentación no Culturgal e cumpría xa un videoclip. E buscamos a maneira máis cómoda e barata de facelo. E pensei na idea de poñer unha cadeira en distintos lugares de Compostela (a cidade na que estudo e vivo) e ir gravando. Así de sinxelo. Despois comecei a inventar unha chea de imaxes que a canción “Cabaleira” me traía a cabeza: régome a min mesma como muller literalmente cunha regadeira, mastigo as novas do xornal que nos meten polos ollos cada día, réndome ante as ataduras e os encadramentos que me rodean no día a día.

Pero ao final libérome e esa cadeira, símbolo dos prexuízos, desaparece. Aínda que nalgúns concertos volve aparecer. Escollemos esas localizacións porque eran os mellores lugares para ilustrar as imaxes que citei antes: a estatua de Rosalía, a “biblioteca de ratos” que encadramos na sala de lectura de historia, un dos encerados da miña facultade de filoloxía, os baños da cidade da cultura… Todo se puxo ao servizo das imaxes que quería transmitir, sempre cunha ollada reivindicativa. Despois Rafa Pasadas fixo un labor de realización estupendo. E mira ti, acabamos facendo publicidade de Compostela e non nos pagaron os 300.000 € que lle pagaron ao Henrique polo seu videoclip…

Algún concerto próximo, ou plans de facer algunha outra cousa relacionada coa música?

Estamos cociñando novos concertos dos que daremos conta en breve. A nosa intención é seguir presentando “Aínda” durante o verán por toda Galicia, tanto en interiores como ao aire libre. Pretendo tamén seguir aprendendo como regueifeira, de feito o próximo mes de xuño dirixirei un obradoiro de improvisación oral e regueifa en aCentral Folque, que formulo como un espazo de encontro común, de intercambio de experiencias. Pretendo seguir facendo, dialogando co pasado e o presente e aprendendo moito aínda.

 

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario