O proxecto musical liderado polo músico Pablo Sanmamed preséntase na Coruña no ciclo Maio Jazz da Deputación da Coruña. O próximo 9 de Maio, ás 20 h, no Teatro Colón da Coruña Pablo Sanmamed da mán de aCentral Folque presenta BEN VENNAS MAIO no marco da programación MAIO JAZZ que a Deputación da Coruña ten preparada para este mes das Flores.
O concerto será retrasmitido en streaming na canle de YouTube do departamento de Cultura da Deputación da Coruña: https://www.youtube.com/channel/UCMD6Mx-jKPgVPwiWDPCBJpA
BEN VENNAS MAIO é un proxecto musical baseado nas Cantigas de Santa María e nas cantigas profanas de Alfonso X. O concerto integra instrumentos de música antiga como o salterio ou a viola de gamba con instrumentación moderna propia do jazz. En palabras de Pablo Sanmamed “trátase de que os arranxos non sexan irrespetuosos coa música antiga”. O traballo foi editado en vinilo por aCENTRAL FOLQUE con fotografía de Eutropio Rodríguez e con textos da escritora Alba Cid.
Acompañan a Sanmamed (composicion musical e contrabaixo) en escena: Xurxo Varela (viola de gamba), Elena Tarrats (voz), Begoña Olavide (salterio e voz), Iago Mourinho (piano) e Chus Pazos (batería). Falamos con Pablo Sanmamed sobre BEN VENNAS MAIO.
- EN QUE CONSISTE O PROXECTO. COMO NACE E POR QUE?
A intención principal e a de dar unha visión, entre as moitas que hai, do cancioneiro de Alfonso X. É digo isto porque penso que as cantigas de Alfonso X son música viva que moita xente foi musicando dandolle unha vida nova con cada proxecto. O disco mistura as Cantigas de Santa María, coas Cantigas Profanas que teñen letras que escapan do carácter relixioso
- QUE DESTACARÍAS A NIVEL MUSICAL DO PROXECTO?
O primeiro que quería é que os arranxos musicais non fosen irrespetuosos coa música antiga. A integración de instumentos modernos e os antigos, como a viola e gamba e o salterio, tiña que desenvolverse no seu uso habitual polo que tanto uns coma outros non deixamos de tocar o que sempre tocamos dentro do nosos estilos. E por suposto, a oportunidade de tocar un repertorio esencialmente vocal coa mistura de instrumentación antiga como é o caso do salterio e a viola de gamba, co formato de trío estandar de piano, contrabaixo e batería neste caso, con Iago no piano e Chus á batería
- QUE TE APORTOU TRABALLAR CON PROFESIONAIS DA MÚSICA ANTIGA?
Quedei moi contento, hai que destacar o nivel musical tanto de Begoña como de Xurxo, que ademais de ser uns marabillosos instrumentistas son excelentes cantantes. E por suposto, destacar a voz de Elena Tarrats que é unha grande cantante que coñecín hai anos e que sempre me encantou o seu timbre e expresividade .
- CANDO PRESENTASTES O CONCERTO AO PÚBLICO?
Foi na primeira semana de outubro no C.S.C. do Romaño en Compostela. O certo é que pola realidade sanitaria foi moi agradable poder vernos todas e todos pois fixeramos a gravación sen estar Begoña presente. O día do concerto foi moi emocionante pois tamén foi o día en que todos nos atopamos e tocamos xuntos.
- POR QUE QUITADES UN VINILO EN PLENA ERA DIXITAL?
Penso que o vinilo é un valor de consumo máis racional. Eu de feito utilizo os formatos mp3 ou outros comprimidos para o testeo, mais cando quero escoitar música gústame poñela no aparato, sexa vinilo ou CD, e escoitar. Pero desde o ponto de vista do son o formato comprimido non é óptimo.
Por outra banda e aínda que non sexa a súa finalidade última, o tamaño do vinilo cambialle a cara ao fotógrafo á hora de realizar o seu traballo. Quero lembrar neste ponto o excelente traballo de Eutropio Rodríguez para a portada do vinilo cun traballo impactante dun retratista excepcional, ademais de ter a enorme sorte de contar cun belísimo texto introductorio do vinilo escrito por Alba Cid.
- E POR ÚLTIMO DE ONDE QUE QUERE DICIR BEN VENNAS MAIO?
Pasado ao galego actual seria Ben veñas Maio e vén a simbolizar achegada da lucidez. Unha primaveira que sempre é motor de cambio e que anuncia o florecimento duns tempos novos.
Tamén as letras das Cantigas de Santa María é unha idealización da figura da muller e no disco estas cantigas están interpretadas por Elena e Begoña excepto Ben Vennas Maio que é cantada por Xurxo.