Data
09/12/2017 _ 21:00 h
Lugar
Auditorio da Xunqueira
Prezo: de balde
Categoría
Concerto en formato reducido sobre as músicas reinterpretadas do compositor José Castro “Chané” en clave de jazz cubano para presentar o disco que se lanzou este outono nun proxecto especial argallado por aCentral Folque para conmemorar o centenario da morte do xenial músico.
Este concerto do Alejandro Vargas Trio coa cantante Rosa Cedrón fará un repaso dos 12 temas do disco de “Chané na Habana”, gravado a finais de xullo no Auditorio de Galicia. Arranxos actuais sobre o repertorio recuperado de Chané, unha das figuras do rexurdimento musical galego a finais do século XIX e que morreu na Habana no 1917.
O elenco artístico é:
- Alejandro Vargas: piano e arranxos
- José Manuel Díaz: contrabaixo e arranxos
- L.A.R. Legido: batería
- Rosa Cedrón: voz
“Chané na Habana” é o novo espectáculo musical d’aCentral Folque que xunta a un grupo de artistas do mundo do jazz, a clásica e o folk, reunidos especialmente para reinterpretar o repertorio de José Castro “Chané” no centenario do seu pasamento. Alejandro Vargas Consort & Camerata Egeria coa cantante Rosa Cedrón súbense ao palco para tocar, cantar e gravar as cancións do xenial compositor galego.
Co obxectivo de ofrecer unha visión nova e desprexuiciada do clásico galego abórdase a súa obra dunha forma inédita: desde o sentir musical cubano. Chané viviu e desenvolveu grande parte da súa obra na Habana, onde morreu. Hoxe, cen anos despois da súa morte, son unha selección de extraordinarios músicos liderados polos cubanos Alejandro Vargas e José Manuel Díaz os que abrazan e reelaboran o seu repertorio para devolvelo con unha nova vitalidade ao maxín popular galego.