Concerto ZdZ’24: domingo 17

Data
17/11/2024 _ 12:00 h

Lugar
Multiusos Terra do Queixo

Prezo: de balde

Categoría


Último concerto da XX Zona da Zanfona, Festival Internacional, que acollerá o Palco Aberto ZdZ cunha representación de escolas galegas de zanfona e un concerto especial dunha das bandas do momento: Ailá. O concerto terá lugar ao aire libre na esplanada diante do Multiusos Terra do Queixo de Arzúa. Se a climatoloxía non o permite, será celebrado no interior do edificio.

Ailá é un grupo de música de Santiago de Compostela, gañador dos premios Martín Códax da Música 2023 na categoría de Música Tradicional. Seleccionado para representar a Galiza no WOMEX 2023, a maior feira de industrias musicais do mundo; unha das propostas galegas escollidas para o Stand de Galiza no FITUR 2024, encontro global para os profesionais do turismo. Seleccionado para o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira 2024 e grupo da selección oficial do Festival Interceltique de Lorient 2023 e selección oficial do Celtic Connections de Glasgow 2020.

Ailá emerxe das máxicas foliadas na Casa das Crechas. Unha proposta inspirada no respecto á tradición e á música patrimonial galega, pero cunha visión sen fronteiras, mesturada con aromas,
ritmos e cores doutros lugares e doutras culturas, aberta ao mundo sen complexos e, sobre todo, coa ilusión e curiosidade de todo aquel que ama o que fai.

Ailá é un dos grupos máis representantivos do trad galego, un xénero que excede ao musical no que a danza e a música pasan a converterse nun xeito de entender a vida, un xeito de estar no mundo.

Neste traballo titulado Sansolimón, Ailá trae un repertorio pensado para cantar e bailar cunha música que nos ofrece protección contra un mundo cada vez máis individualista e máis homoxéneo.

O Palco Aberto ZdZ é un evento dentro do programa da Zona da Zanfona, organízase esta mostra e convivio ao redor do instrumento que nos convoca. Este 2024 será a 8ª edición desta actividade, un universo particular no propio festival que cada ano medra en asistencia debido á puxanza no ensino da zanfona nos últimos anos.

O Palco Aberto ZdZ é a xuntanza das escolas galegas de zanfona para mostrar o que se está a aprender hoxe sobre este instrumento e o seu repertorio. Esta pretende ser unha reunión anual para que zanfonistas do país poidan partillar experiencias e mostralas ao público de Arzúa. Outros anos contou presencia das aulas de zanfona de aCentral Folque e do Padroado de Cultura de Narón, con Óscar Fernández, da E-Trad de Vigo con Anxo Pintos, da Escola de Gaitas da Provincia de Pontevedra e do Conservatorio de Torroso en Mos con Vitor Soto, da Asoc. Brisas do Quenllo de Ariel Ninas, da Ponte-Velha de Santo Tirso con João Martins, das Escolas da Terra da Coruña con Miro Casabella; alunado de Germán Díaz na Tradescola de Lugo e de Cántigas e Agarimos e o alunado de zanfona de Suso Vaamonde. Cada ano somos máis!

A seguir do recital, haberá un xantar popular para músicos e acompañantes confraternizar distendidamente para facer unha foliada informal na sobremesa.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed