Data
20/05/2023 _ 11:00 h
Lugar
CSC A Trisca
Prezo: 20 €
Categoría
Máis un Monográficos para o curso 2023 que aCentral Folque ofrece en parcería con Luneda Producións. Curso de Percusión con pequenos instrumentos cotiás da Península Ibérica impartido polo catalán Antonio Sánchez Barranco, músico de longa traxectoria e coñecido, entre moitos outros proxectos, polo seu traballo en Coetus, Orquesta de percusión Ibérica. Tres horas de inmersión en diferentes instrumentos da fortuna (así chamados aqueles obxectos non deseñados orixinalmente como instrumentos musicais) e a súa aplicación nas músicas populares como as culleres, as cunchas, o caldeiro, o morteiro, o sacho… Para todos os intereses e inquietudes (recomendábel ter certos coñecementos previos en música e/ou ritmos tradicionais).
As prazas son limitadas para garantir un ótimo desenvolvemento do curso.
- Data: sábado 20 de maio
- Horas: 11 a 14 h
- Lugar: CSC da Trisca. Corredoira das Fraguas
- Prezo: 20 €
- Inscricións: enche o formulario embaixo
- +info: matricula@folque.com
Sobre o curso
Todo un mundo de sons e trucos para facer sonar cousas que todos temos na casa, como as culleres da sopa, os pratiños do café ou incluso a cafeteira. Tamén as cunchas, a tixola (tocada con chave ou con culler e dedal), caldeiros, cántaras, o almirez, a botella de anís… e ferramentas do campo como os sachos, as gadañas ou as fouces.
Ningunha destas cousas foi deseñada para ser un instrumento musical, pero sempre foron usadas como tal na música popular. Aprenderemos con elas as diferentes técnicas e ritmos populares máis empregadas nas cancións e os bailes da Península Ibérica.
Este obradoiro é ideal tanto para músicos ou percusionistas que queiran ampliar o seu repertorio de sons e texturas, como para persoas que, sen ter estudos musicais, queiran desfrutar de facer música en grupo dun xeito sinxelo e divertido.
Sobre o mestre
Antonio Sánchez Barranco é percusionista e efectista. Estuda percusión latina no Taller de Músics de Barcelona e no Espai Avinyó con Ricardo Hochberger e Enildo Rasua. Continúa a súa formación na Escola de Música Moderna de Badalona cunha visión máis global da percusión, primeiro con Ernest Martínez e máis adiante co mestre Miguel ‘Angá’ Díaz. O traballo de investigación sonora co grupo de percusión Tactequeté fixo que tomara un camiño diferente entre Brasil, África e o Caribe, á vez que sentiu a necesidade de facer música de ningún sitio con instrumentos tradicionais ou reciclados.
Ao coñecer e traballar con Eliseo Parra, descubre todo un paraíso case perdido de instrumentos e músicas da península ibérica que, con Aleix Tobías á fronte de Coetus – Orquesta de Percusión Ibérica, rexurdiu para a tradición máis contemporánea.
Como intérprete colabora con grande mestre da darbuka Misirli Ahmet (Turquía), con cantantes e músicos como Silvia Pérez Cruz, Maria del Mar Bonet, Toti Soler, Jeronimo Maya, Miguel Poveda, Chicuelo, Judith Neddermann, Maro, Marco Mezquida, a familia de Doudou Ndiaye Rose, Hossan Ramzi, Erkan Ogur, Ismail Tunçbilek, Levent Yildirim, Brian Dunnin, Orquesta Sinfónica de Chicago, Mercedes Peón, Davide Salvado, Amancio Prada, Miquel Gil, Marina Rosell, Lluís Llach, Miquel Bosé, Víctor Manuel e Ana Belén, entre outros.
Impartiu clases na Escola de Música Moderna de Badalona, Espai Avinyó e as universidades de Barcelona, Lleida e Girona, así como numerosos obradoiros de música popular ibérica en escolas, asociacións e festivais.
Tamén traballou con diversas compañías teatrais como La Fura dels Baus, Goc i Magoc, Comediants, a compañía de Teatro Clásico de Madrid, o Teatre Lliure de Lluís Pasqual xunto a Carmen Machi e Rosa Maria Sardà e a Compañía Nacional de Danza dirixida por Nacho Duato.
Entre a súa discografía aparecen gravacións con Maria del Mar Bonet, Silvia Pérez Cruz, Eliseo Parra, Lidia Pujol, Judit Neddermann, Miquel Gil, Marina Rossell, Kepa Junkera (xunto a Glen Vélez, Andy Narel e Marco Suzano), Alfonso Vilallonga, Los Amaya, Orquestra Nacional Classica d’Andorra, Orquesta Sinfónica de Baleares, UTROPIC, Coetus, Tactequeté, Misirli Ahmet, Perico Sambeat e Jerry González, entre outros.
Recibirás un correo persoal (non automático, non inmediato) coa confirmación; debes mirar na pasta do “spam” se non chegase ao cartafol principal do teu correo electrónico.
Os dados enviados serán tratados confidencialmente segundo as normas da Lei Orgánica 3/2018 do 5 de decembro sobre a Protección de Dados Persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Este curso está organizado por aCentral Folque e conta coa colaboración de Luneda Producións e o apoio do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña