Curso ZdZ’20: construción

Data
03/07/2020 _ 10:00 h

Lugar
Auditorio de Rianxo

Prezo: 600 €

Categoría


Curso intensivo de construción dunha zanfona a partir do espléndido kit de montaxe NerdyGurdy de Jaap e Fay Braand. A equipa do ZdZ leva meses traballando para ofrecer esta actividade con algunhas simplificacións e melloras do deseño orixinal para acadar ao final do curso un instrumento acabado e funcional e os coñecementos precisos para facelo por conta propia. Todo o material e ferramentas serán fornecidas pola organización. O artesán Suso Gestal conduce este curso especial para o XVI ZdZ.

Sobre o curso

Durante dous días de intenso traballo de bricolaxe organolóxico, o obxectivo será rematar o curso coa zanfona montada e funcionando cos axustes básicos así coma os consellos para a súa posta a punto. Como todos os instrumentos, o proceso de consolidación dun novo demora unhas semanas. Este traballo debe ser feito por cada unha das persoas asistentes nos días seguintes ao obradoiro para garantir o mellor resultado desde o punto de vista organolóxico e acústico.

O material estructural e resoante é madeira con todas as pezas para o obradoiro xa cortadas á medida e a láser; detalles mecánicos como tempereiros, cordoeiro, veo ou cabalete móbil (can) en pezas de impresión 3D en PLA (polímero de orixe natural) ou en aceiro inoxidábel de ferrallería comercial para o eixo, parafusos, rodamentos e cravixas.

A zanfona construída é un modelo básico con:

  • 2 cordas melódicas
  • 1 bordón
  • 1 trompeta (bordonciño rítmico)

Todo o material do curso será fornecido: ferramentas, madeira, pezas impresas, ferrallería comercial, colas de contacto, cordas, etc. Non se inclúen o correón, o estoxo nin obxetos de uso habitual (resina, algodón,…).

Dificultade: media. É recomendábel ter algo de maña ou experiencia previa no traballo en madeira ou montaxe de elementos mecánicos.

Detalles do curso:

  • Data: venres 3 e sábado 4 de xullo 2020
  • Lugar: Auditorio de Rianxo
  • Horario: 10-14h e 16-20h
  • Prezo: 600€
  • Prazas limitadas -5-
  • É preciso traer máscara que cubra as vías respiratorias; lavar as mans frecuentemente durante o curso; a aula onde acontece o curso será igualmente ventilada durante os descansos.
  • É recomendábel traer pinzas (da roupa ou de papelaría).

O prezo inclúe todas as pezas do kit e guía de montaxe, os coñecementos e unha donación económica ao proxecto da NerdyGurdy en nome do festival ZdZ.

Inscrición:

  • Correo electrónico: matricula@folque.com
  • Enviar e-mail cos seguintes datos: nome e apelidos / correo electrónico / número de teléfono
  • Datas de inscrición: do 15 ao 30 de xuño

Debes escribir un mail para anotarte. Recibirás a confirmación para a túa praza e os datos de pagamento. Disponibilidade segundo a orde de recepción do correo e pagamento da matrícula.

 

Sobre o artesán

Suso Gestal é un xoven artesán con obradoiro situado en Abellá (Frades) desde onde desenvolve unha intensa actividade de construción de gaitas e frautas traversas. É coñecido por facer estes instrumentos mediante fabricación aditiva cunha calidade excelente e uns custos de produción moi reducidos. Enxeñeiro industrial de formación e con estudos na EMAO de Vigo con Carlos Corral. Estudou zanfona con Anxo Pintos na e-Trad e actualmente con Ariel Ninas na Asoc. Brisas do Quenllo da Pontraga (Tordoia).

Podes coñecer aqui o seu traballo.

Sobre a Nerdy Gurdy e Jaap Brand

A Nerdy Gurdy é un instrumento desenvolvido polo enxeñeiro holandés Jaap Brand nos últimos anos e que o disponibilizou para a comunidade por medio da súa web http://www.nerdygurdy.nl/ a  partir do 2017 e con melloras constantes desde entón el mesmo acepta encomendas para o envio dos materiais ou do instrumento montado (en suspenso actualmente).

O espírito da NG é crear unha zanfona que utiliza procesos de prototipado rápido con tecnoloxía de corte a láser e impresión 3D de plásticos para crear un instrumento barato cun son aceptábel e de tocabilidade sinxela.

Ademais Jaap disponibilizou ao dominio público baixo licenzas de Copyleft (CC) a descarga dos ficheiros precisos para o corte e impresión 3D e guía de construcción que seguiremos neste curso con algunha modificación.

A partir de entón, hai creada unha comunidade moi activa arredor da NG con contribucións de usuarios de todo o mundo nun foro aberto para solución de problemas, mostra de exemplos e melloras.

O modelo que se construirá no curso é unha variación da V5 de catro cordas.

Link con máis informacións e vídeo: http://www.nerdygurdy.nl/

 


About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed