Curso ZdZ’22: construción

Data
02/07/2022 _ 10:00 h

Lugar
Auditorio de Rianxo

Prezo: alternative text

Categoría


Repetimos experiencia de luthería por terceiro ano para a XVIII edición da Zona da Zanfona. Encontro Internacional que terá lugar na primeira fin de semana de xullo de 2022. Este é un curso intensivo de montaxe dunha zanfona a partir do espírito dos kits de construción da earlymusicshop, os cursos de organería en Casavieja por Jesús Reolid para a AIZ e a NerdyGurdy de Jaap e Fay Braand. Cada ano a equipa do ZdZ –Suso Gestal e Ariel Ninas– traballa en simplificacións e melloras do deseño orixinal para acadar ao final do curso un instrumento acabado e funcional e os coñecementos precisos para facelo por conta propia. Todo o material e ferramentas serán fornecidas pola organización. Ao cabo do curso, levarás unha zanfona para casa.

Sobre o curso

Durante dous días de intenso traballo de bricolaxe organolóxico, o obxectivo será rematar o curso coa zanfona montada e funcionando cos axustes básicos así coma os consellos para a súa posta a punto. Como todos os instrumentos, o proceso de consolidación dun novo demora unhas semanas. Este traballo debe ser feito por cada unha das persoas asistentes nos días seguintes ao obradoiro para garantir o mellor resultado desde o punto de vista acústico e mecánico.

O material estructural e resoante é madeira laminada de bidueiro con todas as pezas para o obradoiro xa cortadas a láser e á medida; detalles mecánicos como tempereiros, cordoeiro, veo ou cabalete móbil (can) en pezas de impresión 3D en PLA (polímero de orixe natural) ou en aceiro inoxidábel de ferrallería comercial para o eixo, parafusos, rodamentos e caravillas. A zanfona construída é un modelo básico con:

  • 2 cordas melódicas (Sol3 e Sol4)
  • 1 bordón (Do3)
  • 1 trompeta (bordonciño rítmico en Sol 3)

Todo o material do curso será fornecido: ferramentas, madeira, pezas impresas, ferrallería comercial, colas de contacto, cordas, etc. Non se inclúen o correón, o estoxo nin obxetos de reglaxe habitual (desparafusador, resina, algodón,…).

Non se inclúe o acabado en cor e verniz, só unha imprimación en cera natural.

Dificultade: media. É recomendábel ter algo de maña ou experiencia previa no traballo en madeira (lima, formón, lixa,…).

Detalles do curso e inscrición:

  • Data: sábado 2 e doming 3 de xullo 2022
  • Lugar: Auditorio de Rianxo
  • Horario: 10-14h e 16-20h
  • Prezo: 650€*
  • Prazas limitadas (5)
  • Apertura das inscricións: 9 de maio 2022 ás 10h (CEST). Calquera rexistro anterior a esta data, non será tido en consideración.
  • Inscrición: Enche o formulario de embaixo

*Un primeiro pagamento deberá ser feito antes do 30 de maio para cubrir os custes de produción. Esta cantidade non é reembolsábel. Se non é feito antes da data, outra persoa en lista de agarda poderá ocupar o teu lugar.

**Recibirás a confirmación para a túa praza nun correo electrónico (non inmediato, non automático). Disponibilidade segundo a orde de recepción da inscrición.

Sobre Suso Gestal e Ariel Ninas

Suso Gestal é un xoven artesán con obradoiro situado en Abellá (Frades) desde onde desenvolve unha intensa actividade de construción de gaitas e frautas traversas. É coñecido por facer estes instrumentos mediante fabricación aditiva cunha calidade excelente e uns custos de produción moi reducidos. Enxeñeiro industrial de formación e con estudos na EMAO de Vigo con Carlos Corral. Estudou zanfona con Anxo Pintos na e-Trad e actualmente con Ariel Ninas na Asoc. Brisas do Quenllo da Pontraga (Tordoia).

Podes coñecer aquí o seu traballo.

Ariel Ninas é músico e productor en aCentral Folque. Zanfonista en proxectos coma Tralo-Valo, Cantos de cego da Galiza e Portugal (aCF, 2016), Cantos de Natal da Galiza e Portugal (aCF, 2019), Ulobit (“Vinkingland”, Audioatalaia, 2016), ou Habelas (autoedición, 2012) e ten tocado e gravado con artistas dispares coma Germán Coppini, Fred Frith, Sergio Tannus, Ultraqäns, Xoán Curiel ou Kerkennai.

Podes coñecer aquí o seu traballo.

Formulario de inscrición


Mostra dunha zanfona construída no curso no ano 2021:

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed