Curso ZdZ’24: Clastrier

Data
15/11/2024 _ 16:00 - 20:00 h

Lugar
Multiusos Terra do Queixo

Prezo: 40 €

Categoría


Enmarcada na XX edición da Zona da Zanfona, Festival Internacional, Valentín Clastrier ofrecerá unha Aula Maxistral para intérpretes do instrumento e músicos en xeral para coñecer de preto a súa arte, vida, achegamento á música e experiencias dunha carreira profesional de máis de 50 anos sen a que non se pode entender o mundo actual da zanfona pois foi, e aínda é, pioneiro en moitos aspectos organolóxicos, conceptuais e interpretativos.

Terá lugar o venres 15 de novembro de 2024 no edificio Multiusos de Arzúa para un grupo reducido de persoas, previa inscrición. Esta sesión completarase cun concerto solista que ofrecerá dentro do festival ZdZ no día seguinte.

Valentin Clastrier xa ten tocado na Galiza en anteriores ocasións pero hai máis de 15 anos que non visita ningún palco do país. Esta será a segunda vez que o artista francés é convidado ao festival, sendo daquela o 2008 cando impartiu un curso na IV edición e tocou no Projecto Miño de Baldo Martínez.

Detalles:

  • Lugar: edificio Multiusos Terra do Queixo de Arzúa
  • Data: venres 15 de novembro
  • Horario: tarde de 16 a 20 horas. Presencial.
  • Prezo: 40€
  • Prazas limitadas
  • Inscrición: Tes que enviar o formulario de preinscrición ao fin desta páxina; recibirás un correo co proceso de matrícula (non inmediato, non robótico)
  • + info: matricula@folque.com

Sobre o curso

Valentin Clastrier ofrece unha Aula Maxistral para coñecer de preto a súa arte e achegamento á música a través da zanfona electroacústica. Dada a transversalidade do seu estilo e composicións, esta é unha sesión aberta a calquera músico con interese en coñecelo nunha oportunidade única deste veterán e histórico tocador.

Amosará as invencións e reglaxe do seu instrumento, técnicas avanzadas de “coup de poignet”, articulación sobre melodías, trinos para man esquerda e dereita, staccati,… Traballará concepto prácticos e abrirá un diálogo coas persoas asistentes.

No 2008 o curso que ofreceu no ZdZ -daquela denominado Encontro de Zanfona Contemporánea en Narón- centrouse na aplicación dos distintos “golpes de pomo” e a súa escritura que desenvolveu no método La vielle & l’universe de l’infinie de roue-archet (Modal, 2006). Desta volta ampliará os conceptos e os aplicará cos asistentes sobre unha composición súa: Sevillana pour Santiago.

Sobre o mestre

Valentin Clastrier (1947), mestre indiscutible da zanfona electroacústica, emprendeu unha carreira musical ecléctica, e a diferenza de moitos outro tocadores non provén da tradición musical dun lugar senón que desenvolveu unha linguaxe propia desde a vangarda da música contemporánea aplicada a un instrumento de corda con elementos percusivos e con bordón. Ademais de compositor e intérprete desenvolveu aplicación e inventos para a zanfona que agora son considerados como indispensábeis e inherentes ao instrumento.

En 1970, Clastrier descubriu a zanfona e estudou dun xeito autodidacta, desenvolvendo un estilo persoal, innovador e non tradicional. Como solista, gañou o primeiro premio nun concurso de zanfonas en Sancerre (Francia, 1982) e o seu disco “La Vielle à roulette de l’imaginaire”, aclamado pola crítica gañou o “Gran Premio Europeo do Audiovisual” (1984).

En 1987, Valentin Clastrier deseñou un prototipo de zanfona electroacústica en colaboración co luthier Denis Siorat. Esta nova zanfona permitiulle tocar con músicos de Jazz contemporáneo, entre os que destacan Michel Portal e Louis Sclavis, daquela músicos da “National Jazz Orchestra”, Michel Godard e Michael Riessler entre outros, cos que formaron o grupo “Le Pyre of silences”; Dous discos famosos así o testemuñan: “Hérésie” e “Le Bûcher des silences” nos anos 90.

A partir de 1998 percorreu o mundo en trío con Michael Riessler e Carlo Rizzo: India, Estados Unidos, Sudamérica, etc. O seu último CD en solitario (2014) -sen título xenérico- gañou o “Gran Premio Charles Cros”. Valentin Clastrier foi nomeado “Cabaleiro da Orde das Artes e das Letras” (1985).

En 2006 publica o seu método La vielle & l’universe de l’infinie de roue-archet (ed. Modal), un libro acompañado dun DVD onde mostra a súa teoría aplicada á man dereita na zanfona.

www.valentinclastrier.com

Formulario de inscrición:

← Back

A túa mensaxe enviouse

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed.