Data
16/11/2024 _ 19:00 h
Lugar
Casa de Correos
Prezo: de balde
Categoría
O Foro ZdZ é o paraugas onde se artellan outras actividades do festival ZdZ para o debate, intercambio de ideas, presentacións de proxectos e investigación ou lanzamentos que cada ano haxa arredor da zanfona. O Foro ZdZ decorrerá na recén restaurada e posta a disposición do Concello da chamada Casa de Correos. Contará este ano cunha serie de accións de divulgación:
- Sábado 16, 19 h. Presentación do Atlas de Zanfona publicado neste 2024, feito polo músico Ariel Ninas e o filólogo Antón Santamarina, un traballo colaborativo multilingüe de descarga gratuíta no portal commons.folque.com.
- Sábado 16, 19.30 h. Palestra “A zanfona en Arzúa. Notas históricas” de Ramon Pinheiro Almuinha para falar das referencias documentais e os contextos históricos.
- Domingo 17, 18 h. Proxección do filme “Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición”, un documental estreado este ano sobre os protagonistas da zanfona na Galiza desde mediados dos anos 70 aos 80 do século XX.
Programa ao detalle:
Palestra: A zanfona en Arzúa. Notas históricas. Ramon Pinheiro
Arzúa, xunto con Monforte, Sarria e Samos serían, segundo Faustino Santalices, as localidades onde operaron os últimos construtores de zanfona. Partindo desta revelación do grande referente na recuperación deste instrumento e desde un prisma arzuán, farase unha aproximación á súa historia que nos levará desde o momento de máxima popularidade a fins do s. XVIII até os seus estertores a inicios do s. XX.
Ramon Pinheiro Almuinha é licenciado en Historia pola USC e posgraduado en Xestión de empresas na industria da música pola Universitat Pompeu Fàbra. É socio-fundador e actual director de aCentral Foque (Premio da Cultura de Galicia 2020). Desde 2014 é o director e editor da colección Chave Mestra, centrada no patrimonio musical e oral galego (Premio Follas Novas mellor iniciativa editorial 2022). Dirixiu co profesor da USC Javier Garbayo as dúas edicións do Curso de posgrao “Especialización en Música Tradicional Galega”, organizadas pola USC (2003-2005). Ten impartido palestras e cursos en foros galegos e internacionais: Universitat de Barcelona, Université Sorbonne III de Paris, Universidad de La Habana ou a Universidade Nova de Lisboa. As súas investigacións foron plasmadas en artigos e libros, entre outros: A la Habana quiero ir. Los gallegos en la música de Cuba (Sotelo Blanco 2009), Florencio o cego dos Vilares (aCentral Folque 2014) e Repente Galego (Dep. Pontevedra. 2016). A súa última produción é o documental Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición (Consello da Cultura Galega – aCentral Folque, 2024).
Presentación do Atlas de zanfona. Antón Santamarina e Ariel Ninas.
Este é un libriño para descarga libre en formato .pdf no portal commons.folque.com de vocabulario e organoloxía das partes da zanfona en 12 idiomas con deseños e notas aclaratorias. Feito desde o galego na versión orixinal polo lingüista Antón Santamarina e o músico Ariel Ninas con colaboracións internacionais para as versións en inglés, francés, alemán, neerlandés, italiano, portugués, castelán, éuscaro, catalán, polaco e húngaro.
Este é apenas un documento de divulgación que pretende avanzar na fixación dunha nomenclatura sobre a zanfona para o seu coñecemento por parte de persoas curiosas no instrumento, construtoras, investigadoras e intérpretes. É susceptíbel de ser ampliado, revisado e criticado para acadar unha normalización da terminoloxía axeitada.
Son 30 páxinas é auspiciado desde aCentral Folque en conmemoración do XX Festival Zona da Zanfona. Está realizado coa colaboración imprescindíbel e desinteresada de todas as persoas mencionadas en cada un dos idiomas, a quen se agradece o seu tempo e axuda. Ademais é un documento susceptíbel de mellora e de ser acrescentado con novos idiomas en futuras edicións.
O arquivo pódese descargar aquí: http://commons.folque.com/2024/07/18/atlas-de-zanfona/
Proxección do documental “Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición”. Consello da Cultura Galega
O documental, conducido pola xornalista e escritora María Xosé Porteiro reúne as testemuñas de músicos e artesán que protagonizaron de forma directa o rexurdir da zanfona nas décadas de 1970 e 1980 e deron forma a un importante capítulo da cultura musical galega xerado no contexto da Transición política. Entre eles Antón Corral, Miro Casabella, Carlos Villanueva, Xosé L. Rivas Cruz “Mini” (Fuxan os ventos), Pablo Quintana, Luciano Pérez (Obradoiro da Deputación de Lugo) ou Emilio Cao. Tamén os membros do pioneiro grupo didáctico de Zanfonas da Escola de Gaitas de Ortigueira: María del Mar Fernández Polo, Marta Pérez Ojea e Vicente Bermúdez Garrote. Ademais de reunir esa extensa suma de declaracións o documental inclúe imaxes da época cedidas polos propios protagonistas, arquivos particulares e públicos, algunhas inéditas que verán a luz por vez primeira.
“Na procura do son perdido. A zanfona, memoria da Transición” é un documental dirixido por Ramon Pinheiro, unha produción do Consello da Cultura Galega que será presentado proximamente en diferentes lugares da Galiza.
Voces ceibes, o Movemento da Canción Popular Galega, o celtismo, o espertar da Música Antiga, a investigación e rehabilitación do instrumental tradicional e histórico, as recollas dos cantos de transmisión oral… os principais movementos renovadores da música galega durante a Transición están atravesados por un interese pola música tradicional e en particular por un instrumento cun valor simbólico incontornábel que vive durante o período unha particular atención polos novos intérpretes: a zanfona.