Muiñeiras do revés

Data
07/05/2022 _ 16:00 h

Lugar
CSC A Trisca

Prezo: 15 €

Categoría


Organizamos este monográfico con Guillerme Ignacio Costa sobre o toque de muiñeira vella a man aberta no canto de tradición oral galega que titulamos Muiñeiras do revés.  A pandeireta é un instrumento que ten desenvolvido dentro da tradición oral galega un grande abano de toques e estilos no acompañamento do canto para o baile, algúns dos cales aínda son pouco coñecidos e corren o risco de ficar esquecidos. Un deses toques pouco habituais nas pandeiretadas de hogano mais que si tivo presenza na nosa tradición, é o que poderiamos denominar de “muiñeira vella a man aberta”. Nel, a célula base realízase de xeito similar ao que chamamos toque de muiñeira vella (adiante-atrás-adiante), mais neste caso interpretado a man aberta e non co puño.

Detalles:

  • Lugar: Centro Sociocultural da Trisca. Santiago de Compostela
  • Data: sábado 7 maio de 2022
  • Horario: 16h a 19h. 3 horas totais
  • Prezo: 15 € (30 € se tamén asistes ao curso con Xulia Feixoo)
  • Prazas limitadas
  • Nivel: medio; persoas xa iniciadas no instrumento.
  • Inscripción: enche o formulario de embaixo; recibirás un correo coas instrucións de matrícula
  • + info: matricula@folque.com

Obxectivos

  • Realizar un achegamento ás variantes do toque de muiñeira vella a man aberta na pandeireta, a través da análise de mostras recollidas da nosa tradición oral.
  • Practicar os diversos toques de muiñeira vella a man aberta que atopamos na nosa tradición, acompañando algúns cantares aprendidos directamente das nosas mestras das aldeas.
  • Toques base para a muiñeira: muiñeira nova /vs/ muiñeira vella.
  • Muiñeira vella a man aberta: riscado e sen riscar; xeito ibérico e xeito galego.
  • Exemplos de pandeireteiras que empregan o toque de muiñeira vella a man aberta: parroquias da Ameixenda (Cee), Caldebarcos (Carnota), Carcasía (Padrón), Oín e Seira (Rois), Dimo (Catoira) e Prado de Paradiña (Vilafranca do Bierzo), entre outras.
  • Repertorio vocal recollido directamente da nosa tradición oral, acompañado do toque de muiñeira vella a man aberta na pandeireta.

 

Sobre Guillerme Ignacio Costa

Diplomado en Educación Musical, músico e mestre de Canto tradicional e pandeireta. Ten ampla experiencia na recolleita da tradición oral galega, especialmente arredor do canto acompañado de percusión. Participa como asesor musical do programa Alalá da TVG en diversos capítulos, entre 2009 e 2013. Ten producido unha serie de traballos musicais protagonizados polos propios portadores da tradición oral: “José Fernández Canosa. O Ghaiteiro do Piñeiro” (Do Cumio, 2009), “Pandeireteiras de Barro de Arén. Cerdediño p’r’os amores” (Phonos, 2005), “Pandeireteiras de Toutón. Serán en Toutón” (Do Cumio, 2014), ou “Elelelos: Músicas de tradición oral no Concello de Bueu ” (autoedición, 2014). En 2016 forma xunto coa etnomusicóloga viguesa Xulia Feixoo o grupo de traballo Arredor da tradición, publicando en conxunto o libro-cd “Mulleres de Gargamala! Cantares de tradición oral” (ACentral Folque, 2017). En 2022 edita a monografía “Damas e ghaláns no Entruido de Nergha. Unha danza de Entroido no Morrazo” (SAGA, 2022).

Formulario de inscrición:

Recibirás un correo persoal (non automático, non inmediato) coa confirmación; debes mirar na pasta do “spam” se non chegase ao cartafol principal do teu correo electrónico.

Os dados enviados serán tratados confidencialmente segundo as normas da Lei Orgánica 3/2018 do 5 de decembro sobre a Protección de Dados Persoais e garantía dos dereitos dixitais.


Estes cursos están organizados por aCentral Folque coa axuda de:

Concello de Santiago e a Deputación Provincial da Coruña

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Comments are closed