Data
08/06/2026 _ 19:30 h
Lugar
CSC Maruxa e Coralia
Prezo: de balde
Categoría
Nova actividade No Campo de Fóra para o luns 8 xuño ás 19.30 h. no CSC Maruxa e Coralia (Zona Vella) con Sofía Espiñeira presentando repertorio propio, entre outras cancións algunhas do seu último disco ‘Xeografías’. Entrada libre até completar capacidade. Concerto apto para todos os públicos.
Sobre o concerto
Artesá de cancións, creadora e artista multidisciplinar, as súas composicións combinan o latexo das músicas do mundo coa canción de autora máis espida. Presenta agora o seu novo disco, “Xeografías”, un relato que fala de travesías utópicas, de raíces, de fronteiras e éxodos; temas universais que nos atravesan dende o máis íntimo ata o comunitario e o político. Ao vivo, Ailén Kendelman na percusión e Yudit Almeida no contrabaixo completan este trío acústico que explora as sonoridades e as rítmicas das raíces galega e latinoamericana. Para este ciclo será un concerto en acústico e en solitario.
Sobre a artista
Natural de Mugardos e afincada en Compostela, hai case unha década que Sofía Espiñeira compaxina o seu traballo musical co do circo, a danza e o teatro. É actriz, acróbata e bailarina, traballando habitualmente para compañías como Teatro O Cubo, Elefante Elegante ou o Centro Dramático Galego. Mais é na música onde atopa o seu proxecto máis persoal, unha viaxe íntima que navega entre os sons de raíz, as músicas do mundo e un novo e singular universo poético.
Grazas ao seu primeiro disco, “Alá onde agroman as herbas”, foi recoñecida nos Premios Martín Códax da Música e nos aRi[t]mar, e participou en numerosos proxectos con algunhas das mellores artistas do país. Agora presenta “XEOGRAFÍAS” (2025), un canto ás paisaxes que nos percorren, aos territorios que habitan dentro e fóra da pel. A procura dun lugar mellor onde situarse leva á autora a unir estas cancións que invitan a redescubrir o mapa, a moverse de sitio e a entrar no corpo como territorio e na natureza como casa. Neste novo traballo, Sofía Espiñeira segue apostando polos sons de raíz, creando atmósferas sinxelas que achegan a canción de autora máis íntima e crúa a ritmos que ulen a terra e beben das músicas do mundo, dende o camiñar dunha chacarera ata o latexo da nosa música tradicional, poñendo en valor a oralidade, as nosas raíces e a memoria de que un día fomos nómades.
No directo, xunto á arxentina-galega Ailén Kendelman na percusión e á cubana Yudit Almeida no contrabaixo, aposta pola naturalidade dos instrumentos acústicos e por unha linguaxe escénica elegante e coidada, unha proposta onde se suceden as historias e a conversa co público.








