Data
21/12/2019 _ 19:00 h
Lugar
Casa do Concello Cotobade-Cerdedo
Prezo: de balde
Categoría
O vindeiro sábado 21 de decembro terá lugar a presentación dun novo libro da colección Chave Mestra, o número 17 desta magnífca liña editorial sobre o patrimonio oral e musical galego: Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade.
O acto acontecerá no Salón de Plenos da Casa do Concello de Cotobade a partir das 19h, nun evento que contará coas intervencións dos autores Xavier Groba e Sergio Cobos e cos persoeiros locais Xosé Fortes e Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade.Estarán tamén facendo un repertorio especial da zona a dupla de sanfona e voz/percusión de Tralo-Valo con Ariel Ninas e Carme da Pontragha. Se isto aínda non te convenceu, has de saber, que tamén haberá chocolate con rosca.
Un cancioneiro musical inédito de Antonio Fraguas? Unha colección de partituras de Cotobade compilada por Saturnino Cuiñas conservada nos Arquivos de Cántigas da terra? As gravacións dos traballos de campo realizados na zona por investigadores internacionais ou galegos como Alan Lomax, Gustav Henningsen ou María Vidal? Todo isto e moito máis está recollido nesta monumental obra sobre o rico e singular patrimonio musical de Cotobade. Un estudo realizado polo musicólogo Xavier Groba que supón a primeira achega profunda á música de transmisión oral deste Concello situado entre a vila de Pontevedra e a comarca de Terra de Montes. O libro conta ademais dos textos coas gravacións orixinais contidas no CD, abundantes transcricións musicais e unha extraordinaria selección fotográfica.
Se che interesa o libro, podes pedilo na túa libraría de barrio ou pedilo na tenda online aquí.