II Flor Nova do Romanceiro Ibérico

Flor Nova do Romanceiro Ibérico é un ciclo de actividades con concertos, palestras e vídeos de divulgación e formación para todos os públicos en igrexas rurais de Compostela cunha perspectiva renovada e enriquecida sobre o Romance Ibérico de tempos pretéritos e actuais. Acontecerá nas súas actividades presenciais os vindeiros 8, 9, 15 e 16 de outubro 2021. aCentral Folque colabora nesta iniciativa producida por Sirgo Torcendo (coñecida entidade que organiza festivais tan senlleiros coma Espazos Sonoros ou De Lugares e Órganos) e promovido desde o Concello de Santiago de Compostela.

A segunda edición de Flor Nova do Romanceiro Ibérico será debullada verso a verso pola inigualábel cantora e investigadora arxentina especializada na recepción do romance no Novo Mundo Diana Baloni e Rafael Guel e polo Grupo 1500, referente no ámbito ibérico de interpretacións informadas de música antiga. A dupla de Alba María e Queco Díaz e o concerto solista de Miro Casabella abordarán os romanceiros galegos de tradición oral e de nova creación que achegan todo o sabor da honesta interpretación popular. O zanfonista e cantor Francisco do Romualdo cantará “romances novos” lembrando a aquelas persoas invisuais que os transmitiron e vendían en pregos de cordel. Para a realización dos concertos escolléronse edificacións singulares do rural compostelán como as igrexas de Santo André de Barciela, Santa María de Villestro e San Paio da Sabugueira.

Os concertos serán de balde con reserva previa na web folque.com.

PROGRAMACIÓN PRESENCIAL

Venres 8 outubro
Igrexa de San Paio de Sabugueira
18.30 h Cantares: Francisco do Romualdo. “Paus de cego”
19.00 h Concerto: Miro Casabella. “Cantor da liberdade”

Sábado 9 outubro
Igrexa de Santo André de Barciela
20.00 h Concerto: Grupo 1500. “Contar cantando”
+ Parola con Andrés Díaz

Venres 15 outubro
Igrexa de Santo André de Barciela
20.00 h Concerto: Diana Baroni & Rafael Guel. “Tonos e Romances”
+ Parola con Diana Baroni

Sábado 16 outubro
Igrexa de Santa María de Villestro
19.00 h Concerto: Alba María & Queco Díaz. “é Romance”
+ Parola con José Luís Forneiro

 

Localización das igrexas

  • Igrexa de San Paio da Sabugueira. Lavacolla, 7, 15820. Ligazón GMaps
  • Igrexa de Santo André da Barciela. Sigüeiro, 39, 15688. Ligazón GMaps
  • Igrexa de Santa María de Villestro. Lugar tras Igrexa, 40, 15897. Villestro. Ligazón GMaps

O Romace Ibérico

O romance é unha forma da cultura oral estreitamente vencellada a un extenso acervo patrimonial europeo que permanece vivo en lugares periféricos coma Galiza onde aínda hai xente que sabe de cor romances de orixe baixomedieval. Estas manifestacións foron transmitidas e difundidas en boa medida a través do Camiño de Santiago. O romance non deixa de ser unha realización da balada narrativa europea, que toma diversas formas por todo o continente: as viser escandinavas, as baladas francesas ou inglesas, os volkslieder alemáns e, por suposto, os diversos romances das linguas ibero-románicas. O romanceiro galego, rico en narracións épicas e históricas pero que tamén conserva temas do que poderiamos chamar a materia xacobea, está conformado por unhas 6000 versións de 170 romances. O grande investigador deste xénero, Ramón Menéndez Pidal publicou a obra “Flor nueva de romances viejos” (1928) de grande transcendencia na divulgación e organización desta forma da lírica popular.

A primeira edición da Flor Nova do Romanceiro tivo lugar en Coruña en outubro de 2019 cun concerto especial co gallo da celebración do Bienio Pidalino (máis info aquí).

DETALLES DO PROGRAMA

Actividades presenciais: Concerto e parolas

Nos días de celebración dos concertos acontecerán previamente distintas actividades incluídas no programa e previas ás actuacións. Actividades performáticas, diálogos, narracións… dirixidos a todos os públicos que permitirán compartir a grande riqueza do canto narrativo.

Francisco do Romualdo e o seu programa “Paus de cego” apelando aos diversos xéneros que estes artistas trataban e a ese elemento fundamental de axuda na mobilidade destas persoas. Romances e cancións coma os Milagres de Santo Antonio, Os mandamentos do amor, o Romance da lavandeira, o Romance das Sete Chaves ou Crime de Catoira, algúns acompañados coa banda deseñada da época: as maltrañas (cartelóns debuxados). Francisco do Romualdo é o único artista invisual verdadeiro que representa os cantos de cego actualmente.

José Luis Forneiro, profesor da USC, membro da Fundación Ramón Menéndez Pidal e máximo coñecedor do romance panhispánico en Galiza dialogará co público sobre o patrimonio romancístico de Compostela.

Andrés Díaz, músico especializado na interpretación de instrumentos antigos leva ao público en forma de narración a historia da necesidade de contar historias de xeito versificado e probablemente cantado, como complemento á memoria do contador desde Homero ao Romanceiro Ibérico.

Diana Baroni propón unha narración na que recrea o ambiente popular e ecléctico da época colonial en América Latina, no que se instala e desenvolve o Romanceiro Ibérico en constante diálogo coas tradicións mestizas.

Actividades dixitais: vídeos

Paralelamente ao ciclo de actividades escénicas o programa contempla unha serie de vídeos divulgativos que se emitirán ao longo do mes de outubro en plataformas de Internet de Sirgo Torcendo (link aquí)

Flor Nova. Serie dixital sobre o Romanceiro Ibérico

  • Andrés Díaz, Contar Cantando: O romance entre as orixes e o século XVI.
  • Diana Baroni, Tonos e Romances: Vestixos do Romanceiro Vello en Iberoamérica.
  • Xabier Moure, o Romance do Capitán Moreno.
  • José Luís Forneiro Os Romanceos e Santiago de Compostela
  • Alba María, vídeo-tutorial para a construción dun romance

ELENCO DOS CONCERTOS

DIANA BARONI

Espazos Sonoros 2015

Música entre dous mundos, frautista, cantante e artista inclasificábel, Diana Baroni paseáse polos festivais máis prestixiosos da escena musical barroca e das novas músicas e tradicionais do mundo enteiro. Arxentina de orixe, estuda de nena varios instrumentos: guitarra, piano, canto e frautas. Con catorce anos, decántase definitivamente pola frauta travesa abríndose aos repertorios da música clásica. Aos dezasete anos gana unha bolsa de estudos da Yehudi Menuhin Academy de Gstaad, Suíza. De volta a Bos Aires, desenvolve a súa carreira como frautista no ámbito dos repertorios contemporáneos e das producións do Centro Experimental do prestixioso Teatro Colón, comenzando entón unha nova traxectoria entre a música contemporánea e a música clásica. Grazas a unha bolsa da Fundación Teatro Colón, volve ao vello continente para estudar interpretación histórica en Basilea, na prestixiosa Schola Cantorum e traverso en Amsterdam con Wilbert Hazelzet e Jed Wentz.

Xunto con Céline Frisch, é membro fundadora do conxunto Café Zimmermann. Os seus sós de frauta nos discos desta formación dedicados á obra instrumental de J.S. Bach, reciben as máis importantes mencións e premios da crítica e o grupo convírtese nun referente da música antiga. Colabora regularmente con formacións como Les Musiciens du Louvre, The Rare Fruits Council, Ensemble Vedado, Ensemble Stravaganza, Orchestra Svizzera Italiana, entre outras. Emprende tamén os seus propios proxectos de música barroca que grava con Dirk Boerner, como a integral das sonatas de Johannes Mattheson ou as sonatas de Johan Sebastian Bach, que serán igualmente saudados pola prensa. A súa incansable curiosidade móvena a explorar outros horizontes para adentrarse nas músicas tradicionais, iniciando unha liña de investigación musicolóxica e, ao tempo, creando foros con músicos de diferentes partes do mundo entre os que contan Tunde Jegede e convidando a formacións como o Brodsky Quartet, ou l’Alter Quintet, cos que trata de combinar a inventiva da música contemporánea coa riqueza do folclore indíxena sudamerindio.

O programa trata de reconstruir o ambiente popular e ecléctico da época colonial en América Latina, ambiente ao que contribúen as máis variadas tradicións mestizas e expresa toda a riqueza das culturas afroamerindias, que recoñecen, na súa música e na súa expresión, a súa orixe e a súa autenticidade.

GRUPO 1500

Fundado en 2005 e dirixido por Andrés Díaz, o Grupo 1500 centra o seu repertorio na música composta nos séculos centrais e finais da Idade Media, Renacemento e primeiro Barroco, tomando como referente o ano 1500, que dá nome ao grupo. As persoas que o compoñen contan cunha ampla traxectoria concertística, sendo membros ou colaborando con outras formacións de ámbito nacional e internacional (Martin Codax, Resonet, La Xácara, Vox Stellae, Il Combattimento, Fía na Roca, Pres de Cambrai, Silva de Sons, ou o Ensemble Rosarum Flores, entre outros). A formación ten ofrecido numerosos concertos ao longo de toda Galiza, importantes escenarios de España e países do resto de Europa como Francia, Austria e Portugal abordando moi diversos repertorios e especializándose na confección de programas temáticos e didácticos. O grupo vén de gravar un Cd para o libro do poeta Eduardo Estévez, Venecia abandonada, que será proximanete editado por Edicións Positivas.

A necesidade de contar historias de xeito versificado e probablemente cantado, como complemento á memoria do contador, está na mesma orixe da literatura. A Ilíada e a Odisea de Homero responden a esta mesma idea. Partindo da Idade Media, neste programa, interprétanse pezas narrativas e descritivas que nos contan historias, lendas ou acontecementos de fonda significación histórica. Desde os Minnesänger e as Cantigas, pezas, moitas delas puramente narrativas, aínda que sen a forma métrica do romance, ata os abondosos e variados exemplos de romances con música dos cancioneiros do século XVI, estarán presentes no programa seleccionado para FLOR NOVA DO ROMANCEIRO IBÉRICO.

MIRO CASABELLA

El é un músico vencellado nos seus inicios ao colectivo Voces Ceibes e máis adiante ao grupo de folk DOA. O seu debut musical aconteceu no ano 1967 en Barelona, acompañando a cantantes da Nova Cançó Catalá. Foi tamén en Cataluña onde gravou os seus primeiros discos, a finais da década dos sesenta. O seu contacto co grupo Voces Ceibes tivo lugar a mediados do ano 1968, cando Benedicto e Xerardo Moscoso acudiron á capital catalá co gallo de gravaren os seus primeiros traballos. Miro integrouse no colectivo e mesmo chegou a participar do seu concerto fundacional en Compostela.
A finais do ano 1974 o grupo Voces Ceibes decidiu finalizar o seu proxecto e dar comezo ao Movemento Popular da Canción Galega. Nos anos seguintes, Miro participou en multitude de concertos e festivais, en Galiza e en toda a Península Ibérica, ademais de colaborar musicando pezas de teatro en galego e discos de historias para rapaces. En 1977 veu a luz o disco Ti, Galiza, Un ano máis tarde publicouse Treboada. Ambos os dous traballos amosan unha peculiar mestura entre a canción de intervención social e a música tradicional. A finais dos anos 70, Miro entrou en contacto co grupo folk DOA, e grava no primeiro traballo O son da estrela escura, 1979.
O último traballo individual do cantor foi o disco Orballo, do ano 2004, onde ademais de revisar algúns antigos temas, toca novamente a problemática social do pobo galego dende unha perspectiva contemporánea.

ALBA MARÍA & QUECO DÍAZ

© Eutropio Rodriguez

Alba María. Cantora, compositora e improvisadora oral galega. Con 18 anos gaña o I Certame de Canción de Autor do Concello de Teo, a raíz do cal ve a luz o seu primeiro disco: Aínda (aCentral Folque, 2014). Desde os 13 anos mergúllase no mundo da música popular galega, desenvolvendo unha intensa actividade, eminentemente no eido da regueifa, con mestres improvisadores como Pinto de Herbón, Luís O Caruncho ou o decimeiro cubano Alexis Díaz-Pimienta. Colabora co proxecto Regueifesta na introdución da regueifa no ámbito educativo. En relación con este ámbito leva impartido decenas de obradoiros de improvisación oral en centros de toda Galicia, con alumnado de todas as idades. É así mesmo membro da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e graduada en Lingua e Literatura Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela, con premio extraordinario de fin de carreira. Arredor da oralidade publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo (aCentral Folque, 2017), o primeiro monográfico centrado na investigación sobre a improvisación oral de Bergantiños. De 2016 a 2019 formou parte parte do equipo de produción de aCentral Folque ademais de ser a coordinadora da súa Escola de Música Popular Galega.
Acompañada do guitarrista Queco Díaz, interpretarán para FLOR NOVA DO ROMANCEIRO IBÉRICO varios temas con base no romanceiro tradicional galego, así como outros romances compostos por eles e incluso algúns improvisados.

About Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular. Galiza, Europe
Bookmark the permalink.

Deixa un comentario